Dúbidas frecuentes sobre o Concurso excepcional de estabilización

Aquí atoparás resposta ás dúbidas máis habituais sobre o Concurso de méritos

As preguntas novas ou actualizadas aparecen precedidas dun ♦.

Aclaracións previas

  • Estamos diante dun proceso de estabilización de persoas ou de prazas?

    O proceso consolida prazas ocupadas temporalmente e non as persoas que as ocupan. Non por ser algo sabido por todo o mundo debe deixarse de lado. Os procesos restrinxidos (aqueles aos que só se pode presentar, por exemplo, quen xa traballou nunha administración), están vetados pola xurisprudencia constitucional. Como CIG-Ensino nunca nos mostramos contrarios aos procesos restrinxidos e defendemos en todos os procesos de negociación antepoñer a realidade da longa temporalidade das compañeiras e compañeiros do ensino público galego ás limitacións legais. Mais nunca confundimos con mentiras ao profesorado, diferenciamos totalmente os nosos obxectivos e demandas das propostas que tiñan encaixe legal dentro das marxes da negociación. O contrario sería mentir e estafar ao profesorado interino e entrar no xogo perverso de provocar un enorme malestar e frustración no profesorado a quen se pretende consolidar.

  • Era posíbel unha convocatoria á que só se puidese presentar profesorado que traballe en Galiza?

    En absoluto. Primeiro porque sería un acceso restrinxido e segundo porque os corpos docentes, moi ao noso pesar, son de carácter estatal; o que fai que unha persoa que aprobe unha oposición ten mobilidade por todo o estado a través de concurso de traslados. Por esta condición dos corpos docente nos vemos obrigados a depender unha normativa estatal para o ingreso na función pública (RD 276/2007 con todas as súas modificacións) ao contrario doutro funcionariado, como por exemplo o da administración xeral da Xunta.

  • Só se podería presentar profesorado interino?

    Non, pola imposibilidade de fixar o carácter restrinxido pode presentarse xente que nunca foi interina ou mesmo funcionariado de carreira (neste caso só para prazas dun corpo diferente ao seu; é dicir unha mestra de primaria, funcionaria de carreira, non se pode presentar a ningunha outra especialidade de mestres mais si a prazas de secundaria, se ten a titulación).

  • Poderían aumentar as prazas ofertadas?

    Claramente si. Se se tivesen aceptado as propostas da CIG-Ensino estariamos nunha cifra superior. Con todo, polas limitación legais de efectivos o incremento sería limitado.

  • Poderían diminuír as prazas ofertadas?

    A resposta tamén é afirmativa. E iso é pola inexistencia dunha RPT e polo carácter anual e moi cambiante dos nosos destinos provisionais. Todo isto permite unha interpretación moi ampla do que se considera como “estrutural e vacante”. A maiores, se a Consellaría non tivese aceptado algunha das nosas propostas e descontase a redución de todos os cargos directivos ou desbotase, como ocorreu noutras CC.AA. prazas con afíns, a oferta podería ser moi inferior ás prazas convocadas.

  • Cales eran as cifras de profesorado e cal a relación coas prazas ofertadas?

    Tal e como fixemos público logo dun estudo pormenorizado do sindicato había, dentro do total de 3918 docentes interinos en setembro de 2021, data de referencia para o cómputo, 1904 que cumprían os requisitos de antigüidade anterior ao 2016 (prazas para concurso) ou ao 2018 (prazas para oposición). Destes, 1263 tiñan unha antigüidade anterior a xaneiro de 2016. O total de prazas ofertadas para concurso máis para a oposición extraordinaria chegou finalmente a 1281 (1156 de concurso e 125 de oposición). Estas cifras son indicativas da marxe de prazas a ofertar na que nos movemos, tendo sempre presente o requisito de que non só tiñan que ser estruturais senón tamén vacantes (sen titulares con reserva de praza) en todos os cursos.

  • Por que hai tanta disparidade de prazas ofertadas entre as comunidade autónomas?

    En primeiro lugar polas diferenzas enormes de taxa de interinidade, sendo Galiza unhas das máis baixas do Estado (téñase en conta que hai comunidades co 40 ou 50% de persoal docente interino). En segundo lugar polos criterios aplicados para o cómputo das prazas de estabilización. Como xa se explicou en Galiza, grazas á presión da CIG-Ensino conseguiuse computar non só as prazas vacantes ocupadas por persoal interino antes do 1 de xaneiro de 2016 senón sumarlle o número de persoas interinas que, estando en activo no momento do cómputo, levaba traballando desde antes desa data. Isto non foi interpretado de igual xeito no resto de territorios, polo que en moitas comunidades, malia ter unha porcentaxe infinitamente superior de interinidade que aquí, saen poucas prazas a concurso ou a distribución entre o concurso e o concurso oposición extraordinario é totalmente diferente a aquí.

  • Por que é tan determinante a primacía da puntuación por especialidade?

    Polo propio carácter estatal dos corpos docentes que vai provocar un efecto chamada e que moito profesorado participe simultaneamente en diferentes corpos e especialidades e tamén porque na propia convocatoria galega ese efecto de non primar a especialidade levaría a que unha docente interina que traballou sempre pola lista de Tecnoloxía puidese ter a mesma puntuación en Matemáticas, ou que unha mestra de AL acadase a mesma puntuación por esta especialidade que por PT. Cando a CIG-Ensino formulou esta proposta (que por outro lado foi coincidente coa proposta do MEFP) tiña claro que era a única saída para non converter este concurso nunha lotaría. Somos conscientes de que esta medida prexudica a algunhas persoas que están en varias listaxes de substitución e que traballaron indistintamente pola que obteñen antes unha interinidade ou pola que escollen nun
    momento dado polo motivo que sexa, pero a CIG-Ensino fixo unha avaliación en conxunto sobre as consecuencias que tería non primar a antigüidade na especialidade. Isto levaría a casos de múltiples empates, a persoas que obteñan prazas en especialidades nas que nunca traballaron ou en varias á vez distorsionando o obxectivo fundamental para o que se supón se deseñou este proceso.

  • Está obrigado o persoal interino a presentarse?

    O último apaño do “acordo de persoal interino” di que non existe obriga de se presentar aos procesos selectivos convocados no ano 2022, mais só aos efectos da permanencia nas listas de interinidades e substitucións. O acordo sindical estatal que deu lugar á modificación do EBEP (que fixa un máximo de 3 anos de contrato nunha interinidade e que está pendente de aplicar no ámbito docente) inclúe como requisito presentarse ás convocatorias de estabilización para poder ter dereito a unha compensación económica no caso de perder o posto de traballo como consecuencia do resultado deses procesos. Isto quere dicir que quen non se presente a este concurso excepcional e, de ser o caso, á oposición extraordinaria do verán de 2023, non tería dereito a esa compensación por cese, polo que é fundamental que todo o profesorado interino se presente.

Cuestións xerais

  • Particípase para prazas en centros concretos?

    Non. Os criterios empregados para determinar as prazas permiten identificar cales son as que saen ao concurso, mais iso non quere dicir que se oferten prazas concretas. É por isto que o persoal que supere o procedemento selectivo deberá participar nos concursos ordinarios de traslados que se convoquen para opter a súa praza.

Requisitos

Prazos

Experiencia docente

Formación académica

  • ♦ Conforme a que Decreto debe estar calculada a nota media do expediente para que puntúe?

    A nota media, deberá estar calculada de xeito xeral conforme ao RD 1125/2003 (excepto no caso de que a titulación que alegues corresponda a ensinanzas artísticas superiores, que deberá estar calculada conforme ao artigo 5.3 do RD 1614/2009; excepto no caso de que as titulacións alegadas sexan os títulos de profesor ou de profesor superior ou de cantante de ópera, que deberá estar calculada conforme a Resolución do 15 de setembro de 2011, DOG 188 do 30 de setembro; e excepto no caso de que a titulación alegada sexa equivalente a efectos de docencia e non fose unha titulación universitaria, que deberás achegar expediente académico ou título no que conste numericamente a nota media; e excepto no caso de que o título estea expedido ao abeiro da Lei 14/1970 e non conste a nota media ou de que o título fose obtido no estranxeiro, que deberás solicitar a certificación académica segundo as indicacións da disposición complementaria terceira da convocatoria do concurso).

  • Puntúa o Mestrado do profesorado?

    Só naqueles corpos que non o exixan: o de Mestres, o de Catedráticos e Profesores de Música e Artes Escénicas, o de Profesores de Artes Plásticas e Deseño e o de Mestres de Taller e de Artes Plásticas e Deseño.

  • ♦ Que niveis de idiomas puntúan?

    C1(excepto de galego*) e C2 de EOI ademais de certificacións deses mesmos niveis tipo Trinity, Cambridge, Camoes etc.

    *A
     Consellaría non aceptou a nosa reclamación sobre a puntuación do nivel C1 de EOI de galego para aquel profesorado que acredite a validación do CELGA-4 doutro xeito. 

Outros méritos

Volver