Precisa Galiza dunha universidade privada?

O modelo público de educación superior, fronte ao privado, sempre beneficia a maioría social

Artigo de opinión de Xosé Luís Armesto no Nós Diario.
Armesto foi Responsábel Nacional de Universidades da CIG Ensino. É Profesor emérito da Universidade da Coruña e foi Reitor da mesma Universidade desde o 2012 ao 2015.

As universidades privadas son un novo nicho de negocio. A finais de 2018, a entidade de capital risco Permira mercou por 770 millóns de euros as Universidades Europeas de Madrid (UEM), Valencia (UEV) e Canarias (UEC), ademais da Universidade Europeia e o Instituto Português de Administração e Marketing (IPAM). En abril de 2019, a Universidade Alfonso X el Sabio, con 45 millóns de beneficios anuais, foi vendida á entidade de capital risco CVC Capital Partners por 1.100 millóns de euros. A explicación parece sinxela: aproveitando o estancamento da universidade pública por causa dos recortes que padece, a universidade privada é un negocio en aumento.

Desde a Lei de Reforma Universitaria (LRU), as grandes empresas sempre quixeron entrar no goberno das universidades públicas para o seu control e reorientación. Na actualidade, a estratexia mudou. Logo de moitos anos de políticas estatais neoliberais de desregularización e mercantilización dos estudos universitarios, é un bo momento para procurar beneficios no ensino superior privado. Segundo o profesor Brian Pusser (Universidade de Virxinia), entre as razóns que explican esta mudanza está a rendibilidade económica, como mostran as grandes fortunas que se fixeron nos Estados Unidos durante as últimas décadas investindo en universidades privadas.

Na Galiza, 2019 debería ser lembrado como o ano en que comezou o proceso de creación da primeira universidade privada. En xullo, iniciouse a tramitación do Anteproxecto de Lei de recoñecemento da universidade privada "Universidad Intercontinental de la Empresa", con sede na Comunidade Autónoma de Galicia. Unha universidade privada, promovida pola fundación de Abanca, para impartir títulos de ciencias sociais e de arquitectura e enxeñería. Si, a primeira universidade privada, porque Cesuga é unha franquía da universidade privada San Jorge (Zaragoza).

Precisa Galiza unha universidade privada cando xa conta con tres públicas? As universidades públicas do Sistema Universitario de Galiza (SUG) teñen unha ampla oferta académica con prazas relativamente suficientes para atender a demanda social. Nos últimos anos, coa especialización dos sete campus galegos, estase a ampliar o catálogo de novos estudos de grao tratando de adaptarse ás novas necesidades da sociedade galega. Por outra parte, as universidades públicas galegas xeran coñecemento coa súa actividade investigadora, básica e aplicada, recoñecida por distintas axencias, e traballan para mellorar económica e culturalmente a súa contorna. As empresas galegas colaboran co SUG participando na docencia especializada, nomeadamente nos mestrados, na elaboración e realización de proxectos de investigación e mesmo no uso compartido de espazos e instalacións para favorecer a innovación empresarial, alén de financiaren múltiples actividades. Se a oferta académica se especializa e a colaboración público-privada funciona dentro dunhas canles axeitadas, non parece razoable que unha fundación dun banco, dedicada teoricamente á acción social, invista os seus fondos nun negocio.

Esta actuación supón un xiro radical na colaboración histórica coa universidade pública das caixas de aforro ―das galegas e dos galegos, non debe esquecerse― mediante a súa política de acción social, achegando recursos e participando nos padroados dos colexios universitarios dende os anos setenta do século pasado ata a creación das Universidades da Coruña e Vigo. Unhas caixas de aforro rescatadas con diñeiro público e que, logo de seren saneadas, foron vendidas á corporación bancaria que deu lugar a Abanca. A cidadanía pagou 77.866 millóns de euros (entre o FROB e o fondo de garantía de depósitos) para sanear a banca, dos que máis de 8.000 millóns foron para NovaCaixaGalicia. É realmente social a creación dunha universidade privada por parte dun banco que se beneficiou dun rescate asumido pola cidadanía galega? Ou negocio? Unha universidade dirixida a un sector da poboación con altos ingresos non contribúe nin á igualdade de oportunidades nin á cohesión social. Infelizmente, este proxecto é máis unha mostra da miopía dunha parte da clase empresarial, que opta polos beneficios a curto ou medio prazo, no lugar de contribuír para o progreso social colaborando coas universidades públicas, para sumar na innovación e para diminuír as desigualdades, obxectivos que tamén benefician ao sector empresarial.

Se revisamos agora a pertinencia e a necesidade da oferta académica universitaria realizada desde a iniciativa privada, os precedentes mostran como sempre duplicou a oferta pública existente. A pesar do informe desfavorable do Consello Galego de Universidades, a Xunta de Galiza autorizou en decembro de 2014 a implantación de estudos de tradución e publicidade que xa existían na Universidade de Vigo (antes o mesmo centro, Cesuga, con distinta franquía, implantara os estudos de Administración e dirección de empresas e de Arquitectura, xa existentes na Universidade da Coruña). E a nova universidade privada promovida por Abanca tamén poderá ofertar prazas sen ningunha restrición. Con estas actuacións, o Goberno galego está a vulnerar a normativa que impide ás universidades do SUG incrementar a oferta de prazas nas titulacións con maior demanda social (que só pode facelo diminuíndo a oferta noutras titulacións, nunha especie de suma cero). E faino para debilitar a Universidade pública, aplicando regras de xogo diferentes, que prexudican á universidade pública.

É de destacar que a universidade promovida por Abanca contou co informe favorable do Consello Galego de Universidades pola actuación dos presidentes dos Consellos Sociais das tres universidades, que votaron a favor da creación da universidade privada, pondo de manifesto que os intereses que defenden estas persoas designadas polo Goberno galego non son os das universidades públicas. Esta actuación é especialmente grave pois o sentido do seu voto foi unha decisión individual, que non contou previamente co necesario debate formal nos Consellos Sociais que presiden, de modo que carecían do mandato do órgano que presiden para actuar tal e como o fixeron.

Cómpre ter claro que o modelo público de educación superior, fronte ao privado, sempre beneficia a maioría. Vexamos un exemplo recente. A Universidade da Coruña vén de rematar a incorporación ás súas titulacións dos estudos de Turismo, antes ofertados por unha empresa privada. Dunha oferta académica con prezos privados de matrícula (4.200 euros por curso académico) pasarase a outra con prezos públicos de matrícula (600 euros por curso académico). Defender o público é posíbel e é necesario, e beneficia, ademais, a todas e a todos. Isto sábeno o Goberno galego e quen o acompañou na súa decisión que, coa súa actuación institucional de creación dunha universidade privada, están a defender só á minoría social.

Volver