Posicionamento da CIG Ensino ante os despedimentos na USC

É inadmisible que se modifiquen os compromisos e as regras coas que se contratou a este persoal logo de que a USC se teña beneficiado do seu traballo

A CIG quere mostrar o seu rexeitamento porque a USC siga sen contar cunha política de planificación do persoal que dea estabilidade ao seu persoal, cumpra coas expectativas e compromisos adquiridos, equilibre o cadro de persoal e favoreza a renovación do cadro de persoal.

Non podemos admitir que a dinámica dos despedimentos sexa a resposta da universidade ante a asfixia financeira á que nos somete a Xunta de Galicia.  Tampouco que o equipo de goberno da USC, sen negociación laboral e unilateralmente, se limite a executar os recortes asumindo o desastre.  O colectivo Isidro Parga Pondal, e despois os Asociados LRU, os interinos de substitución ou os Asociados LOU, non poden pagar co seu posto de traballo a conxelación da masa salarial mentres a universidade permanece impasible e executa a decisión de prescindir do seu persoal. A USC co seu equipo reitoral ao fronte ten que reclamar con contundencia un financiamento que permita cumprir coas súas funcións loitando contra os sucesivos recortes (convocatorias de recursos humanos, de proxectos de investigación, de salarios, de complementos autonómicos...).

É inadmisible que se modifiquen os compromisos e as regras coas que se contratou a este persoal logo de que a USC se teña beneficiado do seu traballo, das súas aportacións e estes traballadores teñan respondido a todas esixencias. A incapacidade e lentitude na adopción de solucións agrava o proceso e impide que se ofrezan alternativas.  A ausencia de negociación das medidas que hoxe anunciará o equipo reitoral no Consello de Goberno repite unha dinámica que xa se produciu no pasado nas sucesivas convocatorias dos programas IPP e RyC e contra as que a CIG se manifestou.  

Volver