Posición da CIG Ensino diante das sentezas do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza sobre o Concurso de Traslados

Podes ler unha das sentenzas no interior da nova

As sentenzas en todo caso o que confirman e que a Consellaría non tiña motivos para non convocar concurso de traslados este ano (2014). A CIG-Ensino solicita a Consellaría que retome a posibilidade de convocar concurso de traslados porque do contrario estáselle impedindo ao profesorado a súa mobilidade.

A CIG-Ensino ven de coñecer a existencia de dúas sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza que ratifican o baremo aplicado pola Consellaría de Educación para o concurso de traslados do ano 2013 e confirman as adxudicacións feitas en abril de 2014. As sentenzas baséanse na doutrina do Tribunal da Unión Europea.

Para a CIG-Ensino todo este conflito seguramente podería ser evitado se a Consellaría de Educación tivera actuado de maneira diferente e non indo máis alá de recoñecer os servizos prestados ao profesorado interino como antigüidade no corpo máis non tamén como provisionais, posición que defendeu a CIG-Ensino e reproducimos a continuación:

“A  Consellaría de Educación modificou o baremo do CXT, recoñecendo os anos de servizo prestados como funcionario/a e non unicamente como funcionario ou funcionaria de carreira, tal é como viña sendo norma até agora.

A  Consellaría de Educación argumentou que esta modificación no baremo do concurso de traslados respondía ás diferentes resolucións do Tribunal de Xustiza da UE, que  determinou en diferentes casos a non discriminación entre o traballo fixo e o traballo eventual, e ao feito de que a doutrina do Tribunal Europeo vincule as distintas administracións. En consecuencia, á vista da xurisprudencia existente, no exercicio das súas competencias e para maior seguridade xurídica, a Consellaría considerou que se deberían valorar os méritos e os servizos prestados, independentemente da situación administrativa en que se prestasen.

A CIG-Ensino sempre entendeu que a puntuación que se debe considerar como servizos era a correspondente ao apartado 1.2.1. É dicir, a que corresponde aos servizos efectivos prestados en situación de servizo activo como persoal funcionario. No entanto, a Consellaría considerou e baremou tamén os servizos como persoal interino e substituto no apartado  1.1.2 por cada ano como persoal funcionario en situación de provisionalidade, si se participaba desde esta situación ou desde o primeiro destino.

Se ben é razoábel que se consideren os servizos prestados como tales, independentemente da situación administrativa, non é razoábel que se consideren os anos de interino/a como provisionais. Por iso, a CIG-Ensino rexeitou esa decisión e trasladoulle a súa opinión á Consellaría no senso de que a puntuación referida á situación de provisionalidade debe ser considerada unicamente para os funcionarios e funcionarias de carreira. Como é sabido, no apartado 1.1.2, a puntuación dos anos provisionais responde a que en diferentes especialidades, unha vez aprobadas as oposicións, permanecíase e/ou permanécese moitos anos sen destino definitivo e cumpría compensar con esa puntuación a non adxudicación de destino definitivo. Por tanto, para a CIG-Ensino, a puntuación de provisionalidade debería ir asociada exclusivamente á condición de funcionario/a de carreira, téndose só en conta para esta situación administrativa” 

As sentenzas en todo caso o que confirman e que a Consellaría non tiña motivos para non convocar concurso de traslados este ano (2014).

A CIG-Ensino solicita a Consellaría que retome a posibilidade de convocar concurso de traslados porque do contrario estáselle impedindo ao profesorado a súa mobilidade.

 

Volver