Por un Sistema Público Galego de Servizos de Atención ás Persoas

Asina no teu centro de traballo ou nos locais da CIG!

Desde a CIG levamos anos denunciando a situación, tanto laboral como asistencial, das Residencias da Terceira Idade, dos Centros de Día, dos Centros de Atención á Diversidade, dos Servizos de Axuda no Fogar... servizos que o goberno do PP na Xunta ven desmantelando e privatizando para facer deles un novo negocio a costa das persoas máis vulnerábeis.

A crise sanitaria derivada da pandemia da COVID puxo máis de manifesto ca nunca a necesidade de poñer os coidados na prioridade das políticas públicas, e por tanto, a urxencia de investimento público en servizos de atención ás persoas.

Durante esta crise sanitaria evidenciouse a ineficacia da prestación de servizos de atención social e de coidados por parte das empresas privadas. Nos servizos de axuda no fogar ou nas residencias da terceira idade e de persoas con discapacidade son manifestas as carencias de persoal e material, falla de protocolos homoxéneos de funcionamento nestes centros, abusos patronais e importantes niveis de explotación laboral e precariedade existentes. Explotación e precariedade que, ademais, teñen unha compoñente de xénero neste caso.

Os servizos públicos son a única garantía para unha atención digna ás persoas de idade, e ás persoas dependentes ou con diversidade funcional, debendo asumir directamente a Administración Pública Galega as súas competencias na atención ás persoas vulnerábeis, xa sexa por idade, pola súa discapacidade ou dependencia. Non é de recibo, e supón unha auténtica barbaridade, que os coidados e a saúde destas persoas vulnerábeis sigan gardando relación cos beneficios e flutuacións en bolsa dos fondos de investimento, multinacionais ou fondos voitre que están detrás das concesionarias destes servizos públicos.

Ademais, estas reivindicacións son a resposta urxente e xusta ante a necesidade de afrontar unha das manifestacións máis visíbeis da realidade galega: crise demográfica, aumento constante da poboación maior, elevada dispersión dos núcleos de poboación (maioritariamente de idade avanzada), e precaria capacidade adquisitiva das pensións públicas, especialmente no caso das mulleres.

A CIG defende a xestión directa polas Administracións Públicas de todos os servizos públicos. Os recursos e servizos sociais de atención ás persoas teñen que deixar de ser unha actividades socialmente pouco valorada e con condicións de traballo precarias, para pasar a ser considerados servizos esenciais para a cidadanía a prestar pola Administración Pública en condicións de calidade asistencial para as persoas e con condicións de traballo dignas e estables para o persoal encargado dos coidados.

Por iso, desde a CIG propoñemos a creación dun Sistema Público Galego de Servizos de Atención ás Persoas, integrado por unha única rede pública que preste os seguintes servizos:

  • Centros asistenciais e residenciais da terceira idade
  • Centros de día
  • Centros de atención á diversidade
  • Servizos de Axuda no Fogar
  • Outros recursos: Casas Niño, Casas do/a Maior, Xantar na Casa, Transporte Adaptado...

Estes servizos estarán dotados suficientemente tanto de infraestruturas e material como de recursos humanos.

Dignificaranse as condicións laborais e salariais de todo e persoal coa aplicación do mesmo convenio colectivo.

Nomeadamente, incorporaranse a esta rede pública todos os actuais Servizos de Axuda no Fogar (SAF) e iniciarase a negociación cos axentes sociais dun convenio colectivo único que recolla unhas condicións laborais e salariais dignas.

Na prestación de servizos ás persoas beneficiarias, priorizarase a atención a través desta rede de recursos públicos, antes que as axudas económicas.

Eliminaranse todo tipo de repagamentos na atención e coidados, mediante a aprobación dunha carteira de servizos e prezos públicos.

Incrementaranse e adecuaranse os orzamentos públicos destinados a este fin, así como aqueles dirixidos á promoción da autonomía persoal e o envellecemento activo.

Exixirase a transferencia para Galiza de todas as competencias e recursos públicos para desenvolver, aplicar e ampliar a Lei de Dependencia.

Volver