Por un Convenio Galego
Campaña de recollida de sinaturas polas melloras salariais, laborais e sociais nos centros de Educación Infantil etapa 0-3
O sindicato CIG-Ensino, maioritario nun sector que aglutina a máis de catro milleiros de traballadoras e traballadores en máis de douscentos centros no país, toma esta iniciativa en asemblea de delegadas de persoal, ante o fracaso e inutilidade da negociación no ámbito estatal e a deixadez das administraciónsgalegas xunto coas entidades empresariais que os xestionan.
Nos últimos anos, o persoal dos centros de traballo, privados e de xestión indirecta, que atenden a asistencia e educación de crianzas entre cero a tres anos, está a sufrir unha involución drástica das súas condicións salariais, laborais e sociais, derivada da falta de avances en dereitos salariais, laborais e sociais na negociación colectiva nos últimos convenios de Ámbito Estatal de Centros de asistencia e educación infantil 0-3, dos recortes nas reformas laborais, dos acordos regresivos e de contención salarial do “ Pacto Social” e da perda de dereitos continuada en salarios; así como do precario dos contratos-convenios coas distintas administracións locais e autonómicas, como o da Consellería de Política Social ao decretar a gratuidade desta etapa educativa.
Esta precariedade e involucións afectan negativamente ás condicións salariais e laborais do seu persoal, altamente feminizado e precarizado, con salarios na súa maioría por debaixo do SMI; e á prestación dun servizo de calidade aos seus usuarios e usuarias, con rateos abusivas doutras épocas e con plantillas moi xustas nas que non se cobren moitas das veces baixas laborais, por vacacións,...
Algunhas consecuencias de todo isto son:
- Conxelacións das nóminas do persoal e acumulación de perdas de poder adquisitivo de dous díxitos. Os traballadores/as levan co salario conxelado dende 2021 e anteriormente con incrementos salariais anuais por debaixo do IPC, empobrecéndose, máis cando se padecen inflacións desfasadas coma as destes últimos anos. A perda de poder adquisitivo dende 2021 é dun 12,20% e na última década supera o 20%.
- Modificacións substanciais máis precarias nas condicións de traballo, cada vez con máis carga laboral e responsabilidades, dificultando as conciliacións laborais e familiares do persoal traballador.
- Incumprimento de rateos para prestar o servizo con garantías de calidade. Débese modificar o Real Decreto 329 / 2005 o cal non se axusta ás necesidades actuais dos servizos.
- Instalacións en mal estado por falta de mantemento, espazos adecuados, asi como falta de medios de transporte axeitados.
- Escasos recursos materiais e humanos, que limitan actividades do día a día e complementarias.
- Carencia de servizos complementarios, algúns tan básicos como a alimentación.
Desde a CIG-Ensino, como sindicato maioritario na Galiza neste sector de atención á infancia, en asemblea de delegados/as, decidiuse levar a cabo esta campaña reivindicativa de sinaturas coa finalidade de avanzar cara uns servizos públicos galegos de calidade na atención á E-I. etapa 0-3, cunhas condicións salariais e laborais dignas para todo o persoal traballador, recollidas nun I Convenio Galego. Coa mesma fan un chamamento a unidade de acción aos demais sindicatos “galegos” con representación no sector para poder facer realidade, máis cedo que tarde, unha vella demanda da nosa central sindical e, cónstanos, da inmensa maioría do persoal das escolas infantís de 0-3 anos.
- Exiximos da Xunta de Galiza, que decretou a gratuidade desta etapa educativa, así como ás administracións locais dos concellos, que asuman a xestión pública total destes centros co mantemento do emprego do seu persoal, e mentres isto non se leve a cabo, demandamos o incremento das partidas orzamentarias para o sector e que os centros reciban as cantidades necesarias para prestar o servizo cun mínimo de calidade, mellorar a situación dos usuarios e usuarias e as condicións de traballo do persoal: dereitos salariais, laborais e sociais. Así mesmo, que a Administración galega poña en marcha os mecanismos necesarios para facer seguimento e control das subvencións recibidas por este tipo de centros.
- Denunciamos as condicións precarias que sofren os traballadores e traballadoras dos centros galegos afectados polo XII Convenio colectivo estatal de infantil 0-3, que leva bloqueado dende 2021 coas táboas conxeladas e uns salarios por debaixo do SMI . Esta precariedade laboral conduce a un deterioro da calidade dun servizo que debería procurar a mellora dos seus recursos materiais e humanos, en vez de centrarse en criterios economicistas e mercantilistas. Exiximos modificar e actualizar o decreto 329/2005, para axustar as rateos ás necesidades reais dos servizos (con especial atención ás NEAE) e ás recomendacións da Rede de Atención á infancia da Comisión Europea.
- Rexeitamos o actual convenio estatal, xa que as súas condicións impiden que os traballadores e traballadoras poidan realizar o seu labor dun xeito digno. Consideramos que non se están a ter en conta as características específicas destes centros na Galiza nin, consecuentemente, as condicións laborais propias dos traballadores/as galegas que ven así limitada a súa capacidade de influír no proceso negociador estatal, que a día de hoxe é inexistente.
- Dado que as competencias sobre as subvencións coas que se financian estes centros están transferidas á Xunta de Galiza, demandamos da Consellería de Política Social a súa implicación e colaboración para o inicio dunhas negociacións nas que participen as patronais do sector e as organizacións sindicais, en función da súa representatividade, que nos permitan acadar un convenio galego digno para o sector , que mellore substancialmente as condicións laborais, sociais e salariais recollidas no convenio estatal e por conseguinte o financiamento destes centros. No camiño desta finalidade, crear xa, uns Complementos Salariais Autonómicos que dignifiquen os salarios actuais que están no SMI, na maioría do persoal traballador.
- Estamos dispostos e dispostas a iniciar un proceso de mobilizacións para exixirmos o cumprimento destas demandas, xustas e xustificadas, máis cando dende as administracións se nos declara “servizos esenciais”.
Participa e organízate sindicalmente coa CIG-Ensino na defensa dos teus dereitos salariais, laborais e sociais, para forzar a negociación dun convenio galego digno para o sector, como única saída real na actualidade logo do fracaso e inutilidade da negociación no ámbito estatal, e no camiño dun servizo público galego de calidade na atención e educación á infancia na etapa 0-3 na Galiza.
Descarga aquí o documento para a recollida de sinaturas polas melloras laborais e por un Convenio Galego
Educación Infantil 0-3: Por un Convenio Galego
Campaña de recollida de sinaturas polas melloras salariais, laborais e sociais nos centros de Educación Infantil etapa 0-3