Por un bacharelato digno nos Ancares

A CIG Ensino apoiou, na tarde do martes 3 de maio, á comunidade educativa do IES de Becerreá nunha manifestación por un bacharelato digno na comarca dos Ancares

Desde hai uns anos, a Consellaría de Educación aplicou unha serie de medidas nos centros de ensino do rural que levaron a que, por exemplo, en Cervantes este curso non haxa especialista de infantil.

No caso concreto do IES becerrense a Consellería de Educación non permite impartir materias, como é o caso de francés, cun número de alumnado matriculado menor de 5 aínda que, como é o caso, no centro haxa profesorado que poida impartilas.

Tendo en conta que o IES de Becerreá é un centro pequeno e que, polo tanto, no Bacharelato resulta moi difícil acadar estes mínimos impostos debido á optatividade que implica esta etapa educativa, unha rapaza que queira facer Medicina ou un rapaz que desexe estudar Filoloxía Clásica, se non pode cursar as optativas que precisa por non ter a matrícula esixida só ten dúas opcións: estudar en Lugo ou cursalas a distancia.

Unha vez máis a Consellaría demostra con todo isto o seu desprezo polo rural, esquecendo que o alumnado destas zonas ten que ter os mesmos dereitos que o de calquera cidade.

Desde a CIG Ensino seguiremos apoiando calquera mobilización que defenda un ensino público e de calidade polo que exiximos á Consellaría que remate dunha vez cos continuos recortes no ensino en xeral e no rural en particular ao tempo que demandamos que se garanta a igualdade de oportunidades para o alumnado do rural.

Volver