Por que o plan de ensino virtual non é un plan?

A CIG-Ensino critica o Plan da Consellaría de Educación por sobrecargar de traballo e burocracia a direccións e profesorado e pon enriba da mesa todas as problemáticas ás que non dá solución.

CIG
  • Porque en sete meses e medio desde o inicio da pandemia o único que sabe elaborar a Consellaría é un documento que se resume en TI VAI FACENDO 2.0
  • Porque desde o 21 de setembro que constituíu o grupo de traballo para o plan de ensino virtual o resultado son apenas 3 páxinas de texto con instrucións nas que se sobrecarga de burocracia ás direccións e ao profesorado.
  • Porque é un insulto que se pida que se elaboren os horarios espello e o plan de continxencia en 7 días despois da desidia e o abandono da administración en todo este tempo.
  • Porque a obriga de realizar un informe semanal do traballo virtual realizado polo profesorado dunha aula confinada é un mecanismo máis de control da inspección e de desconfianza cara á profesionalidade do persoal docente.
  • Porque só serve para aprender o concepto novo de “horarios espello” pero non dá solucións ao día a día: como vai o profesorado optar por estar na casa se ten que alternar a atención ao ensino presencial e ás aulas confinadas?
  • Porque Galiza é a comunidade con peor conexión á rede de todo o Estado e non aborda unha solución a este problema, xa detectado no confinamento tanto por alumnado como profesorado. Se nos propios centros hai moitos problemas de conectividade, como se van poder manter videoconferencias estábeis con 25 alumnos e alumnas simultaneamente?
  • O material informático nalgúns casos vai chegar ás casas do alumnado unha vez rematado ou mediado o confinamento. Que sentido ten agardar ao día do peche para avaliar as necesidades que pode haber e remitirlle a petición a Amtega dos equipos que se precisan?
  • Porque seguen sen solucionarse os problemas de formación do profesorado sobre ensino online, aulas virtuais e plataformas de interactividade.
  • Porque é un plan a todas luces irreal con alumnado das etapas educativas inferiores se as familias non contan con recursos, dominio das tecnoloxías e tempo para dedicarlle a acompañar o alumnado nas tarefas.
  • Porque de novo fía toda a formación do alumnado no manexo das TICs e a realización dos simulacros ao voluntarismo e dedicación extra do profesorado, sen negociar previamente as condicións e horarios para afrontar a teledocencia.
CIG Informa sobre o Plan de ensino virtual

Volver