Pontevedra inaugura o Correlingua 2022 baixo o lema Fálame

A festa inicial será presentada por Isabel Risco na Alameda o 4 de maio ás doce horas

O Correlingua, un dos eventos de fomento da lingua galega con máis tradición, é o maior acontecemento de normalización lingüística e de promoción do idioma do país. Nesta ocasión o lema será “Fálame!”, que foi creado de xeito colaborativo a través dos obradoiros da lingua da edición 2021 e presentado o 25 de abril na cidade de Lugo polos seus organizadores.

Esta edición celebrarase en dúas quendas: A Coruña e Pontevedra entre maio e xuño, Lugo e Ourense entre outubro e novembro. A festa inicial será o 4 de maio, ás doce da mañá, na Alameda de Pontevedra coa actuación do grupo gañador do Cantalingua: Mekánika Rolling Band. As festas, igual que outras actividades celebraranse en varias vilas e cidades do país e contará coa participación da CIG-Ensino.

No caso de Pontevedra haberá un formato híbrido, deixando atrás as edicións celebradas coas restricións da pandemia, sen a tradicional marcha que caracteriza estas xornadas, pero cunha festa na Alameda. A actriz Isabel Risco será a mestra de cerimonias e será a encargada da lectura do manifesto elaborado polos escolares nas aulas.

O peche das festas será o 26 de outubro no concello de Lugo, no auditorio Gustavo Freire. Estas festas serán emitidas en directo para que se vexa o espectáculo nas propias aulas. 

A edición 2022 promove actividades participativas nas que se traballa ao longo do curso. Haberá festas en teatros, auditorios ou pequenos espazos ao aire libre e tamén actividades nos centros de ensino como obradoiros de escrita, banda deseñada e sesión de contos.

ACTIVIDADES NOS CENTROS EDUCATIVOS

  • Obradoiro “Desata a lingua”, a partir de obradoiros de escrita o alumnado de varios centros de ensino do país crearon o manifesto colectivo en defensa da nosa lingua que será o que se lea en todas as Festas do Correlingua. O manifesto é froito dos obradoiros realizados na pasada edición.
  • Banda deseñada Correlingua. A partir dos obradoiros impartidos por ilustradoras e ilustradores cunhas temáticas comúns o alumnado elabora viñetas despois de ter investigado na proposta e deseñado un guión. Este traballo realizado polo alumnado compílase nunha edición colectiva dixital.
  • Obradoiros PAlabras Para o VENTO. Nace como actividade que convida a combinar as destrezas manuais coas destrezas lingüísticas en lingua galega. Cada grupo de alumnado crea o seu propio papaventos.
  • Concurso Cantalingua. Na edición anterior participaron 35 grupos e solistas. Os gañadores serán os que animen as festas desta nova edición, son: 1º Mekánika Rolling Band -  2º Paco Nogueiras -  3º Pauliña
  • Regueifando! É unha regueifa colectiva que vai unindo as coplas que compoñen nas diferentes aulas do país despois de traballar a lingua, o verso e a composición.
FESTAS CORRELINGUA
  • 4 de maio Pontevedra.

Palco da Música da Alameda ás 12:00

Actúa: Mekánika Rolling Band

Presenta: Isabel Risco

  • 11 de maio Santiago.

Palco da Música da Alameda ás 12:00

Actúa: Mekánika Rolling Band

Presenta: Isabel Risco

12 de maio A Estrada.

Praza do Concello ás 12:00

Actúa: Mekánika Rolling Band

Presenta: Isabel Risco

18 de maio Carballo.

Auditorio Municipal ás 12:00

Actúa: Mekánika Rolling Band

Presenta: Fran Rei

19 de maio  Vigo.

Auditorio Municipal ás 12:00

Actúa: Zëndar

Presenta: Fran Rei

20 de maio Tomiño.

Praza do Seixo ás 12:00

Actúa: Mekánika Rolling Band

Presenta: Fran Rei

27 de maio Cangas.

Auditorio Municipal ás 11:30

Actúa: Pablo Díaz

Presenta: Fran Rei

31 de maio Narón.

Pazo da Cultura ás 10:30

Actúa: Paco Nogueiras

Presenta: Isabel Risco

5 de outubro Viveiro.

Datos sen confirmar.

19 de outubro Ourense.

Datos sen confirmar.

26 de outubro Lugo.

Peche das Festas no Auditorio Gustavo Freire.

Volver