
Polo dereito a vivirmos en galego
Manifestación o 18 de maio
Polo dereito a vivirmos en galego
Como sabes, o vindeiro 18 de maio, está convocada unha grande manifestación nacional, convocada pola Mesa pola Normalización Lingüística, baixo o lema: POLO DEREITO A VIVIRMOS EN GALEGO.
Para a CIG-Ensino, a defensa do emprego do noso idioma é tarefa fundamental. Desde sempre, un dos nosos piares de actuación é a demanda dun ensino galego e en galego e nesta dirección traballamos acotío.
Contamos cunha nova regulamentación do uso do noso idioma no ensino, un novo Decreto, o 124/2007, que non cumpriu as nosas aspiracións, mais que valoramos como un paso adiante na normalización do noso idioma, especialmente se se aplica con rigor e co apoio necesario. Mais a Consellaría de Educación non asumiu a súa responsabilidade e. a día de hoxe, o Decreto non se está a cumprir debidamente, nin os Equipos de Normalización están a recibir o asesoramento e o apoio necesario, de aí as campañas que nos vimos obrigados a pór en marcha.
Por outro lado, cómpre, tamén, ter presente os ataques que o noso idioma está a recibir desde un sector de persoas que contan co apoio do PP e a complicidade de certos sectores do PSOE.
Neste contexto, só cabe que a mobilización do vindeiro 18 de maio sexa o máis numerosa posíbel e que todos e todas saiamos á rúa. Por iso, desde a CIG-Ensino, trasladámosvos a importancia de participar nesta mobilización, xa que o noso idioma precisa que deamos unha resposta masiva á actual situación.
Apoia a manifestación da Mesa pola Normalización Lingüística, o 18 de maio.
Manifesto: POLO DEREITO A VIVIRMOS EN GALEGO
As persoas e entidades que apoiamos a manifestación nacional “Polo dereito a vivirmos en galego”, este 18 de maio de 2008, declaramos:
Consideramos que vivir en galego é un dereito inalienábel das persoas na Galiza e un dos dereitos humanos elementais que temos como pobo. Lembramos que o galego é o único idioma natural de Galiza e que mesmo o Estatuto de Autonomía o cualifica como “a lingua propia” do país, o que nos une como galegas e como galegos. O pobo galego ten dereito a que a súa lingua ocupe todos os ámbitos da vida social propios de calquera idioma, con dignidade e con normalidade.
Consecuentemente, deben existir as garantías para podermos vivir en galego, o que exixe compromisos, así como a aplicación e a adopción das disposicións legais necesarias por parte das Administracións públicas.
Denunciamos e alertamos contra os que, apuntándose agora á defensa dun suposto bilingüismo, un bilingüismo dunha soa cara, pretenden unicamente o mantemento da diglosia e a desaparición do galego. Ou, o que é o mesmo, a negación do dereito colectivo á normalidade de usos da nosa lingua en todos os ámbitos.
Chamamos ao compromiso persoal de todas e todos coa lingua galega. Usémola en todos os ámbitos, comezando pola familia, coas nosas nenas e nenos, no noso traballo, nas relacións coa administración, no noso tempo de lecer, etc. O futuro do galego depende de nós.