Pleno do Consello Xeral de FP: CIG-Ensino esixe ao Ministerio que ninguén perda dereitos na extinción do corpo de profesorado técnico de FP

O sindicato enviou tamén un escrito aos grupos parlamentarios do Senado no mesmo sentido e con propostas concretas para que o PTFP se integre directamente no corpo de PES sen exclusións e se dean pasos cara o corpo único docente

Na tarde do 9 de decembro celebrouse en reunión virtual o Consello Xeral de Formación Profesional no que a representación da CIG pediu aclaracións ante as incertezas que deixa a redacción da LOMLOE ao respecto do profesorado sen titulación universitaria e do colectivo de interinas e substitutas.

A CIG-Ensino pediu aos responsábeis ministeriais que participaron no XX Pleno do Consello Xeral da Formación Profesional que despexara canto antes as súas intencións sobre a integración do profesorado técnico de FP no corpo A1 que, tal e como se desprende do articulado do Proxecto da LOMLOE actualmente en trámite no Senado, leva aparellada a extinción do corpo de PTFP. Como sindicato maioritario en Galiza, a CIG-Ensino afeoulle aos cargos do Ministerio que introduciran estas modificacións sen antes negocialas coas organizacións sindicais, cando se trata de cambios substanciais no status e nas condicións de traballo de algo máis de 4.500 docentes en toda Galiza e decenas de miles en todo o Estado.

Neste sentido, amosou a súa preocupación polo colectivo de profesorado técnico tanto funcionario de carreira como interino que non ten a titulación de grao ou equivalente a efectos de acceso á función pública e para o que se prevé, no primeiro caso, que quede a extinguir e, no segundo, que poida ser contratado de forma excepcional como profesorado especialista. Ambas as dúas posibilidades minguan os dereitos que ten nestes momentos adquirido este persoal docente. No primeiro caso, por exemplo, cómpre que o Ministerio aclare se as titulacións universitarias previas ao Plan Boloña, diplomaturas e enxeñarías técnicas son equivalentes aos títulos de Grao, como no caso da función pública docente ou non. Para a CIG-Ensino non cabe a menor dúbida de que isto debe ser así. No caso do funcionariado de carreira que só ten titulación de FP que, segundo a redacción actual da norma, quedaría a extinguir é preciso saber que opcións ten de ter as mesmas retribucións e condicións laborais que quen pase ao corpo A1, se existe posibilidade de integrarse máis adiante neste corpo, e se vería alterados dereitos laborais fundamentais como o da mobilidade.

Pero, sen dúbida, o elemento máis preocupante do que se desprende do Proxecto de Lei, e que deixa nunha situación máis vulnerábel ao colectivo interino e substituto, é coñecer que ocorre con quen aínda non é funcionariado de carreira e ten só titulación superior de FP, dado que se introduce unha figura até o de agora residual na contratación pública docente en Galiza que é a do profesorado especialista. Desde a CIG-Ensino amosámonos rotundamente en contra de modificar o réxime de contratación administrativa (funcionariado interino) polo contrato laboral no ensino público porque, na práctica, implica unha perda de dereitos e de estabilidade que podería deixar a miles de docentes sen traballo ou sen a posibilidade de acceder ao ensino público con carácter fixo.

Desde o sindicato pedímoslle á administración que despexe as principais incógnitas que están causando preocupación e malestar entre este colectivo e que sente a negociar para buscar unha solución na que ninguén perda dereitos adquiridos.

En resposta ás cuestións formuladas pola representación da CIG-Ensino, a Secretaria Xeral de FP do Ministerio, Clara Sanz, limitouse a responder que non se ía facer ningunha modificación dos requisitos de titulación para o acceso aos diferentes corpos regulados no EBEP e que, unha vez aprobada a LOMLOE o seu desenvolvemento sería negociado, como procede, na Mesa Sectorial. Non despexou ningunha dúbida sobre a titulación para poder integrarse, como si lle pediu a CIG-Ensino.

A CIG foi a única organización que introduciu este tema no Pleno do CXFP, un órgano no que tamén teñen representación CCOO e UGT.

A CIG-Ensino envioulle un escrito tanto á ministra de Educación como aos grupos parlamentarios do Senado para que no debate que se vai producir arredor da LOMLOE se inclúa unha solución integral para todo o profesorado técnico de FP e que o equipare en dereitos co de secundaria, sen deixar ninguén fóra. Así mesmo, tamén pide que o que se aplique finalmente para este colectivo sexa tamén válido para as mestras que imparten no 1º Ciclo da ESO (no camiño para poder ter un corpo único que incorpore a todo o corpo de mestres) e para as mestras de taller de Artes Plásticas e Deseño. O próximo día 15 remata o prazo para presentar emendas e o trámite na Cámara Alta ten como data límite o 25 de febreiro de 2021.

 

 

 

CIG-Informa sobre o Consello Xeral da FP

Documento


Volver