Plataforma Galega pola Integración das Ensinanzas Artísticas Superiores na Universidade

Constituída, entre outras organizacións e colectivos, pola CIG Ensino

O pasado día 15 de marzo de 2012 tivo lugar na Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia, sita en Pontevedra, o acto de constitución da Plataforma Galega para a Integración das Ensinanzas Artísticas Superiores de Galicia no Sistema Universitario galego.

Esta Plataforma constitúese como espazo aberto a todas as persoas, colectivos, entidades e organismos que entendan que a plena integración das Ensinanzas Artísticas Superiores no Espazo Europeo da Educación Superior implica a integración destas ensinanzas no Sistema Universitario galego, nun proceso que deberá ser acordado entre a administración educativa, as universidades e os axentes sociais, sempre co consenso de centros e comunidades educativas.

Nesa dirección, a Plataforma, en tanto representante dun abano amplo e diverso de colectivos, reclama o seu dereito a ser un interlocutor no proceso de negociación que haberá de iniciarse para dar unha pronta solución ao conflito xerado tras as sucesivas sentencias do Tribunal Supremo que declaran nulos varios artigos do RD 1614/2009, o que xera prexuízos evidentes aos alumnos e alumnas que actualmente cursan as ensinanzas reguladas no citado Real Decreto, pero que tamén condiciona o proceso de inscrición e matrícula para o curso 2012/2013. E faino en función da representación que deriva das entidades e axentes que se agrupan na mesma,e polo feito de que os centros que nela participan o fan por mandato expreso das súas comunidades educativas.

Nesa dirección a Plataforma vai elaborar unha proposta de traballo que suxira os mecanismos que deberían guiar o proceso de integración no Sistema Universitario galego, e que satisfaga os intereses das partes pero que sobre todo garanta o dereito do alumnado a seguir cursando estudos de Grao, a todos os efectos e sen equivalencias. Unha proposta de traballo que persegue dar unha solución razoada, razoable, posible e inmediata ao problema que quere resolver.

Desde a CIG Ensino temos presentado, sobre este tema, un escrito ao Conselleiro, un escrito ao ministro (podedes tamén ver a resposta do ministerio), emendas no "Consello Escolar do Estado", emendas no Consello Escolar de Galiza e Resolucións nas Xuntas de Persoal Docente non Universitario.

Tamén preguntamos sobre o tema na mesa sectorial do 8 de marzo de 2012.


MANIFESTO POLA INTEGRACIÓN DAS ENSINANZAS ARTÍSTICAS SUPERIORES NO SISTEMA UNIVERSITARIO GALEGO

Documento Aprobado na xuntanza para a constitución da Plataforma Galega pola Integración das Ensinanzas Artísticas Superiores no Sistema Universitario galego, realizada na Escola de Conservación e Restauración de Bens Culturais, o día 15 de Marzo de 2012

Son coñecidas as diversas sentenzas do Tribunal Supremo relativas ao recurso presentado por varias Universidades contra a ordenación das Ensinanzas Artísticas Superiores establecida no Real Decreto 1614/2009. Estas sentenzas sitúan ás administracións educativas diante da necesidade de dar unha resposta urxente, rigorosa e precisa a un vello conflito que veñen padecendo estas ensinanzas desde hai moito tempo. 

Consideramos unha esixencia irrenunciable a aceptación da condición dos estudos artísticos superiores como ensinanzas de Grao e Posgrao, en paridade coas titulacións universitarias. Calquera paso atrás nese sentido supón unha desvalorización e un deterioro destas ensinanzas, que non pode asumir nin o alumnado que xa está cursando nestes momentos os estudos dos agora “supostos” Graos en Ensinanzas Artísticas, nin o colectivo de docentes que veñen demostrando o seu compromiso co proceso de converxencia destas ensinanzas no Espazo Europeo da Educación Superior. 

Creemos que chegou o momento de defender o noso dereito a unha igualdade de trato, e, tendo en conta o contido e as consecuencias xurídicas da sentenza, reclamar a nosa incorporación ao espazo universitario galego. En consecuencia, apostamos pola integración plena e definitiva das Ensinanzas Artísticas Superiores no Sistema Universitario galego, o que inclúe o recoñecemento inmediato dos títulos que ofrecen os centros como Graos Universitarios, mediante os mecanismos que se deban establecer. Defendemos que este proceso debe facerse atendendo ás particularidades propias da tradición das nosas ensinanzas e das súas especificidades.

Instamos á administración a que inicie canto antes os pasos para un proceso de integración no que se atenda tanto esas particularidades coma os lexítimos intereses do profesorado e dos diferentes sectores das comunidades educativas. Este proceso deberá realizarse con claridade, determinación e contando coa colaboración necesaria e a participación activa dos axentes educativos, sociais e artísticos propios das Ensinanzas Artísticas Superiores.

Adherentes:

Asemblea de alumnas  e alumnos do CSM de A Coruña

Asemblea de alumnas e alumnos do ECRBC de Galicia

Asociación de alumnos e alumnas do CSM de Vigo

Asociación de alumnos e alumnas da ESAD de Galicia

CIG Ensino, Confederación Interdindical Galega 

Comisións Obreiras. Federación do Ensino de Galicia

FETE UGT.

STEG, Sindicato de Traballadoras e Traballadores do Ensino de Galicia

Conservatorio Superior de Música de Vigo

Conservatorio Superior de Música de A Coruña

Escola Superior de Arte Dramática de Galicia

Escola Superior de Conservación e Restauración de BBCC de Galicia

Volver