
Persoal dos 80 centros de menores privatizados en Galiza abocado á mobilización despois de non acadar ningún compromiso na reunión co director xeral de Familia
A CIG-Ensino reclama un complemento salarial autonómico, adianto da homologación salarial nas mesmas categorías entre distintos centros prevista para 2029 e aplicación desde xaneiro das táboas salariais sen ter que agardar a novos pregos de contratación
O representante da Xunta limitouse a concretar que cumprirán o V Convenio estatal e que actualizarán o Decreto galego de ratios de 2005 para adaptalo á normativa vixente. Nin unha soa mención á proposta do sindicato maioritario de que Política Social medie para a constitución dunha mesa de negociación para que exista un convenio galego digno, como xa teñen outras comunidades, nin de camiñar cara homologar salarialmente o persoal que traballa nos centros privados cos públicos, como si fai a Xunta no ensino concertado.

Despois de reunir máis do 60% do apoio do sector á campaña “Polas melloras laborais, sociais e salariais: convenio galego xa!”, emprendida pola CIG-Ensino; despois de pecharse nas dependencias da Consellaría para reclamar unha xuntanza coa titular de Política Social e despois de concentrarse unha ampla maioría do persoal ás portas dos centros de traballo, vén de celebrarse unha reunión entre delegados e delegadas de distintos tipos de centros do sector, xunto co responsábel de Ensino Privado da CIG-Ensino, co director xeral de Familia da Xunta “que non puido ser máis decepcionante”, en palabras dos asistentes. Tal e como sinalou Henrique García ao remate, “Política Social coa súa inacción está abrindo conflitos en lugar de evitalos ou pechalos e despois de non achegar ningún compromiso nin proposta concreta está convidando directamente o persoal destes centros a iniciar mobilizacións”.
Á reunión, o sindicato, que conta coa maioría da representación legal dos preto de mil traballadores e traballadoras flutuantes que prestan servizos nos 80 centros espallados polo territorio, acudiu con tres reclamacións chave para iniciar un Marco Galego de Relacións Laborais:
- O recoñecemento dun complemento autonómico, como o que teñen en Madrid por exemplo, que permita paliar a perda de poder adquisitivo rexistrada nos últimos anos, a falta de progresión laboral e que non se compense ben a turnicidade, a antigüidade, o traballo en festivos nin a perigosidade...
- A homologación salarial nas mesmas categorías entre o persoal que está nos distintos centros, dado que os de protección de menores está discriminado ao respecto do de reforma xuvenil por exemplo, cando a formación que se esixe é a mesma e realizan as mesmas funcións.
- A aplicación de forma inmediata, a todo o persoal traballador e desde xaneiro de 2026, das táboas salariais aprobadas no V Convenio estatal, que a CIG-Ensino non asinou por consideralo insuficiente, sen agardar a que se adxudiquen novos concursos, contratos ou concertos ás ONGs, fundacións e asociacións, sen ánimo de lucro, que xestionan estes centros.

Non houbo resposta por parte do director xeral de Familia, Jacobo Rey, a ningunha destas cuestións e simplemente centrouse en indicar que cumprirán o V Convenio “que xa lles vai supoñer un esforzo económico”, que analizarán a posibilidade de que nos novos pregos de contratación do servizo non exista discriminación entre centros “pero sempre dentro das posibilidades orzamentarias” e que actualizarán o Decreto 329/2005 de ratios que xa está en fase de recibir achegas.
Para os e as delegadas do sector que acudiron a esta reunión, a maioría con máis de 10 e incluso con máis de 20 anos de experiencia no seu posto de traballo, a falta de compromiso do representante da administración é “desmotivador e decepcionante” á hora de realizar un traballo no que non se senten valorados nin apoiados. En concreto relatáronlle ao director xeral o que teñen que vivir día a día nos diferentes centros existentes en Galiza, que acollen a arredor de 1.000 menores, cada vez con máis problemas de consumo de drogas, trastornos de conduta, enfermidades psiquiátricas ou outro tipo de diagnósticos e discapacidades, con máis protocolos antisuicidio activados, con ratios tan elevadas que chegan a limitar que poidan saír ao exterior (e teñan que permanecer en espazos moi reducidos a máis de 40 graos) ou que se realicen actividades terapéuticas ou aquelas que supoñan algún risco físico para a súa seguridade derivada da falta de persoal. Como exemplo da situación de precariedade na que viven indicaron que nalgúns casos traballan 14 festivos ao ano, polos que perciben un euro á hora, cunha diferenza salarial de entre 500 a 800 euros ao mes respecto dunha nómina dun traballador ou traballadora dos escasos centros públicos existentes en Galiza (apenas o 20% dos menores están neste réxime) e con soldos absolutamente miserentos, moi pouco superiores ao SMI, malia a gran responsabilidade social que realizan. “A maioría non superamos os 1400 ou 1500 euros mensuais porque non se recoñece a antigüidade, nin facer quendas nocturnas, nin o risco de agresións físicas, nin o desgaste mental que supón un traballo que malia ser vocacional se non se ve recoñecido acaba cunha situación de fuga de talentos e falta de profesionais sobre todo para traballar nos centros nos que hai menores con sentenzas xudiciais de privación da liberdade tanto en réxime pechado ou semiaberto ”, relataron. Así mesmo, insistiron en que as actuais condicións de traballo e a situación das instalacións, así como a falta de apoio da administración ou o retraso nas resolucións xudiciais impiden que as estadías nestes centros sexa “unha segunda oportunidade real para estes menores, moitos deles vítimas á súa vez de circunstancias vitais complexas e que non poden repararse sen persoal cualificado e unha atención individualizada”.
Tras a reunión Henrique García declarou que o director xeral é consciente desta realidade e que coñece ben a situación destes centros, tamén dos de protección de menores nos que cada día se viven máis situacións de conflito, por atoparse saturados e faltos de persoal. “No caso de vivendas tuteladas, casas de familia ou puntos de encontro familiar tamén hai moitas problemáticas ás que non se lles dá solución e que lle foron expostas por enésima vez ao responsábel autonómico. Porén o resultado da reunión foi delegar totalmente as súas funcións indicando que a mellora das condicións laborais deste persoal dependía das negociacións que se manteñan coas empresas e entidades coas que está contratado o servizo”. Neste sentido, García lembra que as condicións son tan precarias que “nalgúns casos mesmo non hai entidades interesadas na adxudicación destes concursos, como no centro de reeducación Concepción Arenal da Coruña que quedou dúas veces deserto”. Esta situación é insólita no ámbito social porque non acontece así coas residencias de maiores e persoas dependentes polas que se pelexan grandes conglomerados e empresas.

Convenio galego como única solución
Ante unha falta de resposta clara, a CIG-Ensino e os e as representantes de persoal mantiveron a súa solicitude de ser recibidas pola conselleira Fabiola García e emprazaron á administración a interceder para crear coas principais patronais do sector en Galiza a mesa de negociación que permita iniciar o marco para un convenio galego no sector. Neste sentido, hai coincidencia entre patronais e a CIG, ademais da denuncia de falta de dotación orzamentaria para mellorar tanto as condicións laborais e salariais do persoal como as instalacións e o servizo que se prestan. Ambas partes solicitan a mediación e colaboración da administración a través do Consello Galego de Relacións Laborais, como está acontecendo nestes momentos no sector da discapacidade, para camiñar cara un Convenio Galego para este sector, o que significaría o pulo definitivo para comezar estas negociacións. Con esta finalidade volverán reunirse en setembro segundo acordaron recentemente.
Dado que o director xeral non fixo ningunha referencia a esta petición, nin ao complemento autonómico, nin á homologación salarial entre centros, nin ao cobro íntegro por todos e todas do recollido nas táboas salariais do V Convenio estatal, a CIG non descarta no futuro emprender mobilizacións máis contundentes unha vez analizada a situación cos delegados e delegadas de persoal.