Perdemos máis dun 15% de poder adquisitivo e limitan a suba do 2022 ao 2%

A Xunta de Galiza vén de publicar a orde de confección de nóminas para o ano 2022, recollendo a suba imposta desde Madrid e que Feijóo decidiu non mellorar

15,44% de perda do valor do que cobramos. Esa é realidade que arroxan as cifras dos nosos salarios, os de todas e todos os empregados públicos do conxunto do Estado, desde o comezo dos recortes do ano 2010. Polo medio tivemos en Madrid gobernos do PSOE (Zapatero), PP (Rajoy) e PSOE-UP (Sánchez), cun elemento en común: recortaban ou conxelaban salarios ou as subas eran absolutamente insuficientes para podermos recuperar o que nos roubaran previamente. Estes últimos incrementos contaron, como vén sendo habitual, co apoio entusiasta e inexplicábel do trío sindical de cabeceira para todos os gobernos españois (CCOO, UGT, CSIF). Algún deses sindicatos veñen a queixarse tres anos despois de que as subas que pactaron foron insuficientes. Sobra calquera outro comentario.

Durante ese período de tempo, sufrimos a nivel galego os efectos de varios gobernos, todos do PP e con Feijóo á fronte. O presidente da Xunta foi, sen dúbida, os máis incisivo dos gobernantes á hora de meter a man no peto dos e das empregadas públicas. A día de hoxe, Galiza é a única comunidade que non pactou a devolución das pagas extras recortadas entre o 2012 e o 2016. Esta tallada, que implicou a eliminación do complemento específico das nosas extras durante eses anos implicou unha perda dunha media de 6.500€ para cada docente. A CIG-Ensino puxo enriba da mesa en cada negociación retributiva a condición necesaria de devolver eses cartos.

Un 2% de suba que aumentará a rebaixa efectiva da nosa calidade de vida.

Na suba aprobada para o 2022 o Goberno español parte dun engano e dunha inxustiza. O engano é afirmar que sobe esa porcentaxe porque considera que o IPC vai subir o 1,5% neste ano. Ninguén cre esa mentira. A inxustiza é non ter en conta o que levamos perdido, xa non desde o 2010 senón, como mínimo, neste 2021, no que nos subiron o 0.9% (porque afirmaron que esa ía ser a suba do IPC !!) cando o ano pechou cunha suba a nivel do estado do 6,5% (en Galiza a suba subiu ao 6,7%). Un diferencial do 5,6% a nivel do estado en 12 meses.

A negativa de todos os gobernos, español e galego, de aceptar a proposta da CIG-Ensino de incluír unha cláusula de revisión salarial que recolla unha paga a final de ano coa diferenza entre a suba do IPC previsto e o IPC real provoca finalmente que os nosos salarios cada vez teñan un menor valor.

A parte estatal das pagas extras seguirán recortadas

Se a Xunta nunca devolveu os cartos da parte de xestión autonómica das extras (a suma de todos os conceptos que conforman o complemento específico), o Goberno español nin tan sequera reconsiderou a volta ao pago íntegro dos conceptos que son da súa exclusiva competencia e que se se manteñen recortadas desde o a no 2010 (salario, trienios), algo que a CIG-Ensino demandou novamente. 

Táboas salariais actualizadas en xaneiro de 2022

Táboa de retribucións para o ano 2022 (123.0 KiB)

Perdemos máis dun 15% de poder adquisitivo e limitan a suba do 2022 ao 2%

Documento


Volver