Peche na Consellaría da representación maioritaria do profesorado á espera dunha reunión con Román Rodríguez

Esta acción chega tras o éxito das mobilizacións do profesorado galego neste primeiro trimestre e a reiterada negativa do conselleiro de Educación a recibir as organizacións que representan o 60% do colectivo docente galego.

Esta mañá seis representantes da CIG-Ensino, dous do STEG e tres de CSIF presentáronse nas dependencias administrativas da Consellaría de Educación en San Caetano para solicitar que o conselleiro de Educación reciba as tres organizacións sindicais que representan en votos nas últimas eleccións sindicais ao 60% do profesorado galego.

Despois de dúas xornadas de folga, as que tiveron maior seguimento desde a chegada do PP ao goberno da Xunta en 2009, de tres manifestacións tamén das máis numerosas nos últimos 20 anos e de accións de protesta protagonizadas polo profesorado en máis de 330 centros educativos e a negativa reiterada do conselleiro de Educación de recibir os sindicatos promotores de todas esta mobilizacións, esta mañá representantes da CIG-Ensino, STEG e CSIF decidiron presentar en San Caetano para esixir que os reciba Román Rodríguez. 

Entre as reivindicacións que lle pretenden facer chegar está a táboa reivindicativa aprobada conxuntamente e que reiteran que é unha proposta de mínimos, e non de máximos, para mellorar as condicións laborais do profesorado galego, á cola do Estado en recuperación de dereitos, e o sistema educativo público.

O pasado 4 de decembro, a CIG-Ensino, STEG e CSIF remitíronlle un escrito ao titular de Educación onde lle resumen estas reivindicacións e lle esixen unha reunión de forma inmediata:

  • A recuperación dos horarios lectivos de 18 horas en secundaria, FP e demais ensinanzas e de 21 horas en infantil e primaria nun máximo de 2 cursos.
  • A redución das ratios en todas as ensinanzas, comezando no 2024/25 e con aplicación como máximo no remate de cada etapa.
  • A aplicación de medidas inmediatas (xa no curso 2024/25) para a redución da burocracia co aumento das horas de liberación para cargos directivos, de coordinación e de titoría e co aumento de persoal administrativo.
  • Reparto lineal da masa salarial comprometida pola Consellaría entre todo o profesorado.

Desprezo ao profesorado galego e á súa representación sindical

Esta mesma semana os medios de comunicación deron conta de varias reunións entre o conselleiro e directivos dos centros públicos e representates das Anpas galegas por outras cuestións. Non é de recibo que o encargado de dirixir a política educativa galega siga ignorando ao profesorado do ensino público, que se manifestou contundemente en contra do Acordo de melloras asinado con unha minoría sindical por consideralo "insuficiente e que renuncia a recuperar dereitos perdidos hai máis de unha década", e ás organizacións que acadaron nas eleccións sindicais do pasado ano a representación maioritaria do mesmo, sumando entre as tres o 60% dos votos emitidos. Así mesmo, a CIG-Ensino, como oganización maioritaria na Mesa Sectorial de Educación con 8 representantes fronte aos 7 das outras tres organizacións lembra que un acordo destas características nunca se podería ter producido noutros ámbitos de negociación, como no sector privado, ao non contar co apoio da maioría sindical.

Volver