Péchase a negociación dos cambios no Real Decreto do concurso de traslados sen cambios relevantes ao respecto do último borrador

O texto terá que pasar agora diversos trámites burocráticos e prevese a súa publicación no BOE na primeira semana de xullo

Case sen cambios sobre o terceiro borrador remitido polo Ministerio e co compromiso de negociar no curso que vén unha reforma de máis relevancia: esa é a conclusión dos traballos de hoxe na Mesa dependente do Ministerio.

En resposta á CIG-Ensino o Ministerio confirmou que algúns dos cambios que xa se deron a coñecer no borrador anterior foron por propostas do noso sindicato. Así, o paso de 6 a 9 puntos en formación superada, para manter a proporcionalidade desta dentro do apartado de Formación (a CIG propuña un mínimo de 9 puntos apostando por incrementala até os 10). Tamén outros cambios na redacción de determinados apartados responderon ás nosas propostas, aínda que sen variar cuestións fundamentais.

Pola contra outras propostas da CIG-Ensino foron desatendidas. Así, entre outras:

  • A nosa proposta de valorar especialmente o traballo a pé de aula e e eliminar o tope de puntuación no apartado de outros cargos e funcións (e así poder chegar con calquera dos subapartados aos 30 puntos e non só coas responsabilidades de dirección).
  • A consolidación permanente da puntuación por ter traballado en centros de especial dificultade, evitando que se perda cando se concursa.
  • Eliminar o requisito de permanecer dous anos no destino definitivo para poder volver a concursar.
  • Permitir que o profesorado en prácticas participe coa puntuación que lle corresponda polo méritos que xustifique e non con cero puntos.
  • Recoñecer expresamente a puntuación de responsábel de centros de menos de 3 unidades.
  • A puntuación de idiomas oficiais como o galego, catalán ou euskera na acreditación de linguas estranxeiras no apartado denominado de “linguas estranxeiras” en formación.
  • Subir a 3 puntos o Grao que non se cursou por completo (por convalidación parcial) en vez dos 2,5 (que iso si, foi xa unha mellora sobre os 2 puntos iniciais), por analoxía coa puntuación de titulacións de primeiro e segundo ciclo.
  • Eliminar a puntuación polo desempeño de cargos na administración educativa.
  • Recoller expresamente que os méritos a valorar no apartado de “outros méritos” inclúan o ámbito audiovisual, de creación dixital e das artes escénicas. En resposta á nosa proposta é certo que o texto ministerial mellorou mais segue sen citar os anteriores.

Os únicos cambios previstos anunciados polo Ministerio son os seguintes:

  • Mellorarán a redacción da puntuación de coñecemento de linguas estranxeiras para deixar claro que só puntuará o nivel superior de cada idioma, con independencia de que se presente por titulación de EOI ou por unha entidade acreditativa. Neste apartado o Ministerio foi rotundo á hora de fixar que estas certificacións deben puntuarse, logo dunha sentenza do Tribunal Supremo que xa obrigou a cambiar o baremo das oposicións.
  • Van poñer unha data (sen concretar) para que puntúe a partir dela a titorización do profesorado da fase de prácticas das oposicións, logo da petición dalgunhas comunidades autonómicas coa escusa de que non teñen os datos de varios anos atrás (sen comentarios).

A meritocracia prima por riba do desempeño do traballo docente

A CIG-Ensino fixou a súa posición, tamén de cara a unha futura negociación global do Real Decreto, na crítica ao exceso de meritocracia en xeral fronte ao traballo e aos propios méritos perfeccionados unha vez que se comeza a traballar como docente: o concurso debería premiar o que facemos como docentes, tanto dentro da aula como na nosa formación permanente, sexa ou non académica, para mellorarmos profesionalmente, algo que co actual baremos está descompensado.

Un repaso aos cambios máis importantes

Nesta táboa poden revisarse as principais novidades dun Real Decreto que verá a luz no verán para aplicarse xa no vindeiro curso, con concurso de ámbito estatal.

Temas varios presentados pola CIG-Ensino na mesa docente estatal 

FP, Ensinanzas Artísticas, Mestres e mestras no A1 e Oposicións

Volver