Paulo Carril reelixido Secretario Xeral no IX Congreso da CIG

“Non nos limitamos a xestionar a realidade, aspiramos á súa transformación revolucionaria"

O IX Congreso da CIG, celebrado baixo o lema “A Forza da Nosa Clase. Traballo. Dereitos. Soberanía” elixiu este sábado a nova executiva confederal, a comisión de garantías e reelixiu a Paulo Carril como secretario xeral con 508 a favor, 30 en branco e 3 nulos. Tras dunha intensa xornada de debate, as e os congresistas debateron e aprobaron os relatorios de Acción Sindical por 427 votos a favor e 1 abstención, e de Organización, por 378 votos a favor e 1 abstención. Os documentos recollen as liñas de traballo que han guiar a acción da CIG nos vindeiros catro anos.

Executiva Confederal recibiu 521 votos a favor, 17 brancos e 4 nulos:

  1. Paulo S. Carril Vázquez
  2. Susana Méndez Rodríguez
  3. Lucía Freire Ces
  4. Paulo Rubido Bará
  5. Margarida Corral Sánchez
  6. Francisco González Sío
  7. María Xosé Alonso
  8. Antonio Mera de La Fuente
  9. Francisco Xabier Cartelle Pérez
  10. Anxo Noceda Carballo
  11. Renato Núñez Da Silva
  12. Dores Martínez Castelo

A candidatura á Comisión de Garantías para o IX Congreso obtivo 511 votos a favor, 20 en branco e 6 nulos:

1.- Birino Marcos Baamonde

2.- Marta Dacosta Alonso

3.- María Mar Peteira Cabana

4.- Nieves Somoza López

5.- Xosé Ramón Losada González

6.- Francisco Villanueva González

Laura Arrojo, da Executiva federal da CIG-Ensino

A Forza da Nosa Clase

O reelixido secretario xeral, Paulo Carril, foi o encargado de clausurar o Congreso que, tal e como explicou, serviu “para poñer a punto o ideario da central sindical, con novas liñas de actuación coas que facer real o lema do Congreso, A Forza da Nosa Clase, para defender o Traballo, os Dereitos e a Soberanía”. Lembrou ademais que a CIG afrontou este Congreso como a primeira forza sindical en Galiza, cun 31,05% de representación (5.131 delegadas e delegados) e un crecemento afiliativo histórico, superando as 86.000 persoas afiliadas.

Na súa intervención, destacou que estes resultados demostran a capacidade da clase traballadora galega para organizarse de forma soberana, “sen sermos sucursal nin franquía de ningunha organización con centro de decisión fóra de Galiza”. Subliñou ademais que este foi un Congreso de reafirmación do sindicalismo nacionalista e de clase da CIG, fiel aos principios que guiaron as loitas obreiras desde 1972 e á memoria de Moncho Reboiras, asasinado pola policía franquista hai 50 anos.

En referencia ao contexto global fixo referencia á crise do capitalismo neoliberal, o cambio climático e unha ofensiva imperialista liderada polos Estados Unidos, coa complicidade da Unión Europea. Denunciou o xenocidio do pobo palestino por Israel, apoiado por EUA e a UE, como exemplo da “maquinaria de agresións e crimes contra a humanidade” que promove guerras, bloqueos e sancións para manter a dominación colonial.

Bermello, secretario nacional da CIG-Ensino

Fronte a isto, considerou urxente unha Europa dos Pobos e da Xustiza Social, a superación do eurocentrismo, da Europa dos Estados, a dependencia dos EUA, avanzar nas relacións cos BRICs e o recoñecemento do dereito de autodeterminación dos pobos e nacións, como Galiza. “Unha Europa que faga seu o Convenio dos Dereitos Humanos do Consello de Europa e garanta o cumprimento da Carta Social Europea”.

No ámbito estatal, criticou o aumento do gasto militar, que supera o 2% do PIB, mentres se ameazan os servizos públicos con recortes, e sinalou a submisión do Estado español aos ditados do FMI, do Banco Mundial e da Unión Europea.

Medre do fascismo

O secretario xeral da CIG alertou contra o medre do fascismo que considerou resultado “da renuncia a confrontar as políticas neoliberais con programas de Goberno alternativos, a construír unha alternativa emancipadora, de soberanía dos pobos e que supere o capitalismo, poñendo fin á explotación de clase, á OTAN e ao imperalismo”.

Fronte a iso apostou por reforzar o sindicalismo de confrontación que representa a CIG, promovendo o conflito e a folga como ferramentas para conquistar dereitos. “O tempo que tardamos en mobilizarnos é o tempo que perdemos en gañar dereitos”, insistiu Carril, destacando os incrementos salariais logrados en Galiza, os maiores do Estado, grazas á acción sindical da CIG.

Rueda ao servizo da ofensiva colonial

No caso galego, Carril denunciou o Goberno de Rueda como “complemento perfecto” das políticas neoliberais estatais, que afondan na dependencia económica e política de Galiza. Criticou a negativa da Xunta a impulsar un concerto económico que permita controlar os recursos galegos, a privatización de servizos públicos e a “ofensiva colonial” que condena Galiza a ser un territorio de sacrificio, subministrador de recursos minerais, enerxía e auga. “Vivimos un espolio que destrúe terras, montes e o mar, ameazando sectores produtivos clave e xerando un dano social e ambiental irreversible”, alertou, citando mobilizacións contra proxectos como Altri ou a mina de Touro-O Pino.

O secretario xeral tamén abordou os impactos da dixitalización e da intelixencia artificial, que precarizan o traballo e aumentan a explotación baixo o control de multinacionais. “Non hai planificación pública para o benestar social, só un novo negocio para o capital que empeora as condicións de vida e ameaza empregos e dereitos”, advertiu. Neste contexto, a CIG aposta

Lembrou que a CIG comprometeuse a redobrar esforzos para construír un Marco Galego de Relacións Laborais, con plenas competencias lexislativas, e un modelo galego de negociación colectiva que combata a precariedade e a pobreza laboral. Defendeu, ademais, a necesidade de políticas públicas que prioricen as maiorías sociais, poñendo os recursos galegos ao servizo do emprego digno, da diversificación produtiva e do equilibrio territorial, para frear a emigración e a desertización social.

No ámbito político, o secretario xeral criticou o diálogo social estatal, liderado por CCOO e UGT, como unha “fosa común” que enterra os dereitos laborais, e denunciou a reforma laboral de 2021 como a “institucionalización da pobreza laboral”. Sinalou que a presenza de forzas soberanistas, como a CIG, é clave para frear as derivas centralistas e reaccionarias no Estado español, condicionando decisións políticas a través da loita social.

Carril concluíu cun chamamento á mobilización, asegurando que “a CIG é unha ferramenta de transformación social, comprometida coa emancipación de clase e a soberanía nacional. Non nos limitamos a xestionar a realidade; aspiramos á súa transformación revolucionaria”.

Instou á clase traballadora a organizarse, e ao conxunto do sindicato a “ter máis atrevemento e decisión na acción sindical, con propostas concretas na negociación colectiva e nas empresas, para confrontar as múltiples e variadas caras que hoxe ten a precariedade, a pobreza laboral, a explotación da xente nova que se incorpora ao traballo, para responder ao desemprego, ás desigualdades, á exclusión social, como tamén aos abusos e ao trato inhumano á poboación migrante”. E rematou citando a Castelao que dixo que “a loita nobre e leal das ideas é o que asegura o progreso”.

Volver