Patronal e sindicatos "amigos" confirman definitivamente a sinatura do XII Convenio de Educación Infantil
As patronais do sector de Infantil e os sindicatos UGT, FSIE e USO desoen o clamor das traballadoras/es infantil 0-3 e convocan oficialmente a mesa final para asinar o convenio o día 22
Este xoves día 16 de maio a Presidenta da mesa de negociación, representante da patronal ACADE, convocou oficialmente a 16ª mesa de negociación para presentar e rematar as cuestión técnicas do XII Convenio Estatal de Educación Infantil e logo proceder á súa sinatura xunto co trío de sindicatos “vendidos” UGT-FSIE-USO, que fixeron oídos xordos á maioría das traballadoras que están a expresar o seu máis profundo rexeitamento á sinatura do convenio nos termos acadados e que manterán 3 anos máis como mínimo a precarización do sector de infantil 0-3 tanto en dereitos laborais como salariais.
“Por medio de la presente procedo a convocarte a la décimo sexta reunión de la Mesa Negociadora del XII Convenio colectivo de ámbito estatal de centros
de asistencia y educación infantil, y posterior firma del mismo, que se celebrará
el miércoles 22 de mayo de 2019, a las 10:00 horas en la sede de ACADE (C/Ferraz nº 85).”
Recibe un cordial saludo,
Así mesmo anularon a mesa técnica do día 21, nun claro xesto de que xa está todo atado e que as adaptacións finais do convenio xa se pecharon nas dúas últimas mesas técnicas do 6 e 11 de maio.
A CIG-Ensino xa evidenciou o seu profundo malestar co proceso de negociación deste convenio e promoveu a mobilización do sector no pasado 1º de maio así como unha recollida de sinaturas que serán entregadas tanto á patronal galega o martes 21 ás 11 horas na súa sede na Rúa do Vilar en Compostela, así como á propia patronal estatal na reunión convocada en Madrid o día 22, esixindo a retirada da sinatura e a negociación dun CONVENIO DIGNO E XUSTO
Se algo vén de quedar absolutamente claro neste conflito é que as traballadoras do sector de Infantil 0-3 precisan un CONVENIO GALEGO, como única vía para conquistarmos un convenio digno e xusto. Para avanzarmos e termos un marco de relación laborais galego, precisamos reforzar o noso modelo sindical con maiorías e así intentar forzar a apertura dunha mesa de negociación galega, acercar as negociación ás traballadoras e que sexan elas as que poidan decidir sen ser suplantadas por cúpulas sindicais estatais como sempre levan facendo en Madrid.
Esta era, é e será, a única saída posible para podermos dignificar as condicións laborais e salariais do sector, ademais de ser a única que lle pode dar continuidade ás mobilizacións actuais, porque despois do día 22 vén o 23.