![](imaxes/adaptadas/780/files/Formacion/24_25/Paseos%20pedagoxicos/Punta%20do%20Ni%C3%B1o%20do%20Corvo.jpg)
Paseos pedagóxicos 2024: Orixes V. Arredor das Rías Baixas
Esta xeira de cinco paseos xira en torno a tres temas: A orixe das rías, a dinámica litoral actual e o sentido do granito no occidente de Galiza
1ª Xornada. Sábado 7 de setembro. As raíces da ría de Vigo. Nacemento e curso alto do río Oitavén. (Concello da A Lama: parroquias de Pigarzos, A Xesta e Liñares)
![](files/Formacion/24_25/Paseos%20pedagoxicos/Foxo%20do%20lobo%20no%20Su%C3%ADdo.jpg)
As Rías son homólogas aos fiordes escandinavos, cambiando os glaciares por ríos. De feito, a denominación ría, na linguaxe común, vén sendo un aumentativo de río (como chamarlle “carballa” a un gran carballo) e, nas proximidades de Pontesampaio, onde desemboca o río Verdugo-Oitavén, din que aquelo é a ría, e que, xa pola illa de San Simón, aquelo é o mar de Vigo. É coma se a ría fose o río inchado polo mar.
Partimos desde o alto da Serra do Suído onde nace o río Oitavén. Estivemos nun “foxo do lobo” en moi bo estado de conservación, preto dunha das “estivadas” para o gando e non lonxe dos chouzos.
Despois de xantar na Xesta baixamos pola beira do río homónimo, cruzando a súa carballeira.
O percorrido remata na Fervenza de Liñares.
2ª Xornada. Mércores 11 de setembro. Aldán, unha “non-ría”, ou ría “presentada”. Cova granítica da Cunchosa. (Concello de Cangas: parroquias de Aldán, Menduíña)
![](files/Formacion/24_25/Paseos%20pedagoxicos/Cova%20da%20Chunchosa.jpg)
Deixando ao fondo a praia de Menduiña estudamos como a Ria de Aldán e unha “non-ría” pois os ríos que a formaron xa non aportan auga dabondo. O percorrido continúa ata praia da Cunchosa (ou Laghoiñas) onde vemos como actúa a bioerosión polos icnofósiles de ourizo de mar. Un icnofosil, é un rexistro fósil da actividade biolóxica pero non dos restos conservados da propia planta ou animal. Despois, co equipo necesario, baixamos en dous grupos a cova que está a beira da praia.
3ª Xornada. Sábado 14 de setembro. O plutón de Caldas de Reis. Granito na configuración da ría de Arousa. (Concellos de Barro, Meaño, Sanxenxo e O Grove (parroquia de
![](files/Formacion/24_25/Paseos%20pedagoxicos/Forno%20de%20cer%C3%A1mica.jpg)
Nesta xornada estudamos é a influencia do plutón de Caldas de Reis, a importancia desta estrutura granítica na configuración da Ría de Arousa, as súas paisaxes exhumadas, a explotación moderna e tradicional do granito e a os produtos da súa meteorización, como as arxilas e a súa explotación en barreiras e telleiras.
Comezamos a xeira nunha canteira entre Meis e Barro onde observamos os tipos de arxilas que se poden encontrar na zona da ría de Arousa, a súa procedencia do granito e como este dálles orixe na súa meteorización. Tamén puidemos observar outra canteira de granito e as formas de extracción e labrado posterior dese tipo de rocha.
Seguimos cun percorrido polo esteiro do Umia, vendo como os seus depósitos de lamas e barros foron explotados ao longo de tempo, lugares de extracción e traballo do barro nas telleiras e fornos de tella próximos, así como a modificación paisaxe no litoral e na zona interior; por exemplo coa formación de lagoas por extracción de barro e a súa chea coa auga subterránea. Fíxose unha mención a como este lugar ten unha grande importancia ornitolóxica por diversos factores.
Seguimos cun traxecto costeiro entre Adro Vello, unha antiga capela soterrada pola area na pequena idade glaciar, até San Vicente no mar. Destacamos a importancia paisaxística e litolóxica da zona, acentuada polas variedades de rochas magmáticas e metamórficas que podemos encontra ao pé do mar.
Terminamos cunha visita ao miradoiro do monte Siradella, alí se comentou a importancia do istmo da Lanzada como exemplo de formación de area derivada da pequena idade glaciar, modificación da liña de costa por fenómenos climáticos e tectónicos e como refuxio de paleoclimático da vexetación desta pequena idade glaciar. Así mesmo puidemos observar unha árbore senlleira como a Figueira do Meco e a súa importancia na cultura popular da zona.
4ª Xornada. Sábado 21 de setembro. A tectónica e as variacións do nivel do mar. A orixe do tómbolo da Lanzada. (Concello de Sanxenxo)
![](files/Formacion/24_25/Paseos%20pedagoxicos/Praia%20da%20Lanzada.jpg)
Na Península Ibérica dende o ano 1948 ata o ano 2019, o nivel do mar ten aumentado de media, de 1,6 mm ao ano. Isto supón un aumento de 18 cm nos últimos 71 anos. Esa subida estase acelerando, e actualmente esa media é de 2,8 mm por ano, é dicir, moito máis rápido do que o facía anteriormente. As consecuencias disto serán varias: o retroceso da liña de costa, a perda de superficie de praias, e un maior impacto dos temporais sobre construcións e infraestruturas costeiras.
Despois dunha breve parada para observar a “herba da pampa” e reflexionar sobra as especies invasoras, encetamos a ruta na antiga canteira de granito entre a praia da Lanzada e a de Area Gorda, ata a Ermida. O avance da erosión mecánica sobre o cantil é impresionante. Baixo a choiva seguimos pola Praia de Foxos ata a recollida do autobús que nos traslada ata a Praia de Montalbo.
Pola tarde, paseando pola costa comprobando que en todas as praias aparecen cursos de auga doce (o país dos mil ríos), que utilizan cursos labrados en períodos climáticos máis chuviosos. Pode, asemade, verse que transportaron coios de considerable tamaño, que cando secan fican cubertos por unha tona de area. No extremo N da praia de Montalbo existe un pracer (depósitos sedimentarios que se orixinan pola acumulación de fragmentos de rocha) no que abundan varios destes, sendo especialmente abundantes nel o granate, a andalucita e a turmalina.
Paramos diante dun dos mais claros pregues que se coñecen moi preto dunha falla tamén de libro. Vese claramente os restos dunha antiga praia situados en dous niveis cunha diferenza de dous metros de altura. Con equipo de apoio baixamos a unha mina abandonada de casiterita da que se obtivo estaño. O percorrido continua pola praia de Bascuas, praia de Preguira, e rematamos ao final da praia de Magor. A xornada agasallounos ademais, cun espectáculo de arroaces diante dos nosos ollos.
5ª Xornada. Mércores 2 de outubro. Exemplo de miscelánea magmática. Análise panorámico da Ría de Vigo. (Concello de Cangas)
![](files/Formacion/24_25/Paseos%20pedagoxicos/Punta%20do%20Ni%C3%B1o%20do%20Corvo.jpg)
Este paseo estaba programado para o día 25 de setembro. Ese día houbo alerta laranxa polo tempo e adiámolo para o día 2 de outubro.
Camiñamos pola Praia Niño do Corvo onde contemplamos as Rochas Plutónicas de Cangas, un extraordinario exemplo de procesos de mestura parcial de magmas (mingling) entre rochas básicas (vaugneritas) e graníticas (granodiorita do macizo Baio- Vigo”, produto da colisión entre os continentes Laurusia e Godwana. Desprazámonos despois ata Viñó para camiñar pola Dunas de Barra, formadas pola acción eólica que transportou vellas areas mobilizadas polo mar que ascendía. Considérase que o groso das areas de Barra teñen unha antigüidade duns 4,000 anos. Estas areas sepultaron unha poboación e cambiaron os topónimos e o uso dos terreos erivándoos cara o cultivo do viño.
Agradecementos
Agradecemos a sabedoría, paciencia, humor e amizade das tres persoas que elaboran as rutas e os contidos.
Moitas grazas aos tres.
![](files/Formacion/24_25/Paseos%20pedagoxicos/Paco%20Mart%C3%ADnez%20Garc%C3%ADa.jpg)