![](imaxes/adaptadas/780/files/Formacion/Paseos%20pedagoxicos%202022/f.png)
Paseos Pedagóxicos 2022: Orixes (III)
A orixe dos riscos morfolóxicos maiores de paisaxe de Galiza. O concepto de Paisaxe Histórica
Conxuntamente a CIG-Ensino e a AS-PG, coa colaboración dos compañeiros Xurxo, Xose e Paco, organizamos entre o 8 e o 24 de setembro unha nova edición dos Paseos Pedagóxicos. Como sabedes trátase dunha actividade de formación do profesorado homologada pola Consellería de Educación con 32 h e na que se pretende mesturar contidos relacionados co medio ambiente, a paisaxe, a etnografía, a historia, etc. do noso país.
Nesta ocasión os contidos abranguerían dous eidos:
-
Por unha banda, amosar a orixe dos elementos xeomorfolóxicos maiores de Galiza (superficies de erosión, depresións, ríos encaixados e macizos montañosos).
-
E en segundo lugar descubrir a acción do ser humano na evolución da paisaxe galega centrándonos en tres tipos característicos: mato cultural de toxo, souto de castiñeiros mansos e socalcos de videira. Poñeranse tamén estas Paisaxes Históricas en relación co seu marco xeolóxico.
As actividades estiveron distribuídas en 5 andainas. Tres delas foron dun día de duración (sábados) e dúas de medio día (xoves pola tarde)
No transcurso das camiñadas, consideráronse e analizáronse panoramas, escenas, procesos e espécimes significativos mediante explicacións verbais complementadas con material impreso. Para consolidar e ampliar os conceptos facilitouse soporte dixital cunha bibliografía avanzada e un “álbum” de fotografías e debuxos, con comentarios específicos, que permiten unha mellor intelixencia da que fornece a observación natural de campo.
Xoves 8 de setembro. Paseo polos Altos da Groba (Oia e Gondomar)
![](files/Formacion/Paseos%20pedagoxicos%202022/f.png)
Centrado sobre a paisaxe histórica da gandería prehistórica e tradicional, e sobre o aproveitamento do mato. Visitamos a Pedra dos Acordos, varias mámoas, o Foxo do Lobo, muíños rupestres naviculares, etc.
Mapa da ruta. Ligazón
Sábado 10 de setembro. Paseo de Monte Meda e Depresión de Maceda
![](files/Formacion/Paseos%20pedagoxicos%202022/ff.png)
Estivo centrado na orixe das superficies de erosión e das cubetas sedimentarias, e sobre o aproveitamento do acumulado nelas (cerámica tradicional ou cacharreiros, e minería romana). Estivemos nas Minas de Baldrei, no Monte do Barro, nos fornos de Niñodaguia, etc.
Mapa da ruta. Ligazón
Xoves 15 de setembro. Paseo do río Barón (O Carballiño)
![](files/Formacion/Paseos%20pedagoxicos%202022/erfgreg.png)
Centrouse na paisaxe histórica da viticultura, con visitas a adegas medievais, socalcos tradicionais e percorrido polo camiño seguido na comercialización antiga do viño do Ribeiro (antiga ruta dos arrieiros). Para ilustrar a relación entre a xeoloxía da zona e os elementos históricos antes referidos, visitamos a Cova dos Soterrados (ou das Adegas), con material espeleolóxico adecuado.
Mapa da ruta. Ligazón
Sábado 17 de setembro. Paseo da Serra de San Mamede (Montederramo)
![](files/Formacion/Paseos%20pedagoxicos%202022/erfgergr.png)
Estudamos a orixe das Montañas Orientais, analizamos a utilización multiplista delas polas poboacións locais e a repercusión desta na vexetación. Realizouse un percorrido pola Serra dende Rebordechao (onde viviu o “lobishome” Romasanta) ata o alto de San Mamede (capela), ida e volta.
Mapa da ruta. Ligazón
Sábado 24 de setembro. Paseo do Canón do Sil (Parada do Sil)
![](files/Formacion/Paseos%20pedagoxicos%202022/ergergerg.png)
Centrouse na incisión fluvial, característica de moitos tramos dos ríos principais de Galiza, percorrendo o borde e a ladeira do canón, para coñecer a súa envergadura, especular sobre a súa formación, e valorar as consecuencias do seu aproveitamento tradicional (soutos e viñas) e industrial. Para ponderar mellor o alcance desta última, baixamos parte da parede do val fluvial polo chamado “plano inclinado de A Rasa”.
Mapa da ruta. Ligazón
Como remate das xornadas o albaroque foi nun restaurante en Para do Sil.