Paseos Pedagóxicos 2021. Orixes (2º parte)

Panoramas e escenas da historia da Terra.

Desde a CIG-Ensino e a AS-PG levamos organizando xornadas formativas presenciais para o profesorado como os Paseos Pedagóxicos de Vigo desde hai máis de 30 anos. Nos Paseos Pedagóxicos percorremos diferentes recunchos do pais co obxectivo de fornecer ferramentas para as aulas que permitan a mellora da comprensión global da contorna natural. Esta actividade de excursionismo medioambiental tenta promover o coñecemento e a valoración da natureza nun ambiente de convivencia entre colegas que teña como resultado unha experiencia grata e satisfactoria para as persoas participantes de cada edición.

O profesor Xurxo Pérez Pintos, xunto con Paco Martínez e Xosé María Bouzó son os encargados de artellar o deseño dos percorridos e presentar os contidos, sendo moi recoñecida e apreciado o seu labor en cada unha das edicións.

A proposta abrangue 5 ou 6 xornadas nas que, de xeito monográfico, se aborda o estudo de diferentes temáticas (glaciarismo, o lume na paisaxe, o bosque, etc…) ou ben o estudo específico dunha zona concreta (Serra do Galiñeiro, Serra da Groba, o río Miño, o río Tea, etc…). Trátase de excursións a pé, con frecuentes paradas en lugares de interese específico, onde se experimentan dunha forma directa os contidos.

Poñemos agora en aberto un resumo da experiencia deste ano, que baixo o título “Orixes (II). Panoramas e escenas da historia da Terra” pretendemos dar continuidade ás xeiras do ano anterior centrándonos desta volta na importancia do tempo xeolóxico na conformación do mundo presente. En resumo, cunha serie de observacións de paisaxes, lugares, obxectos e procesos, tentouse clarexar e evidenciar aspectos da formación da Panxea, da apertura do océano Atlántico, da importancia da Idade de Xeo Cenozoica na configuración do actual medio ambiente, dalgúns riscos comúns na morfoloxía dos ríos galegos, da dinámica do bosque no Holoceno, da importancia dos refuxios biolóxicos fronte aos cambios climáticos e tamén salientar algúns aspectos da evolución vexetal. Para cada actividade o relator deseñou un manual que amplía os contidos e facilita a comprensión dos temas a tratar. Poñémolos tamén á vosa disposición.

O curso, homologado por 32 horas, rematou o 25 de setembro. Agardamos que este resumo sexa do voso interese e animámosvos a matricularvos e a participar nas vindeiras edicións con nós.

1º xornada. Xoves 9 de setembro. Evocación do bosque primixenio/ “Xenealoxía” do carballo. Carballeira da Guía. Vigo.

Para esta xornada inicial xuntámonos no monte da Guía en Vigo. Despois da recepción dos asistentes e dos saúdos pertinentes comezamos cun percorrido pola carballeira onde puidemos observar o proceso de envellecemento e morte dalgúns carballos e tamén reparar nos resultados que o ataque de insectos necrófagos deixan impresos na flora. A maiores tivemos ocasión de aproveitar as varandas do monte para probar o equipo de barranquismo que utilizariamos na seguinte xornada.

2º xornada. Sábado 11 de setembro: O Parque Natural das Fragas do Eume como refuxio. O Canón do Eume. As fragas de Caaveiro e Teixido. A Capela (A Coruña)

Excursión de grande interese e espectacularidade na que camiñamos desde o inicio do parque ate o encoro do Eume pola marxe dereita do río seguindo a levada da antiga central eléctrica da Ventureira. Para certos tramos con máis risco tivemos que utilizar o equipo de seguridade. Memorable foi que dúas compañeiras gaiteiras aderezasen o esforzo do percorrido agasallándonos coa súa música. Despois de xantar fixemos o percorrido oposto en dirección ao mosteiro de Caaveiro pola marxe esquerda no que, entre outras cousas, puidemos observar especies de flora endogámica.

3º xornada. Sábado 18 de setembro: Episodios da historia do río Miño no seu curso baixo. Terrazas fluviais; procesos erosivos; tectónica; minería aurífera romana

Abordamos contidos sobre as terrazas fluviais (xénese e explotación aurífera), a tectónica subactual no Baixo Miño e ollar as formas erosivas no río Mouro.

O percorrido desenvolveuse por ambas marxes do río Miño onde puidemos reparar en evidencias da acción da placa tectónica e acción erosiva nas terrazas fluviais así como o aproveitamento polo ser humano dos recursos do río ao longo da historia (pesqueiras, minas de ouro, asentamentos humanos etc.)

4º xornada. Xoves 23 de setembro: As pegadas da Idade do Xeo Cenozoica/Orixe dos ecosistemas dominados por herbas/ A rotura de Panxea. Monte Galleiro. Redondela (Pontevedra).

Observación das fallas escalonadas dos cantís intraplaca e un exemplo claro dun nacemento fluvial. Durante o paseo non perdemos a ocasión de visitar a placa conmemorativa do asasinato do loitador antifranquista “O Fresco” e ollar a Cova da Loba. Vacas cachenas que pacen ceibes no monte foron testemuñas do noso paseo. O Galleiro agasallounos coas súas espectaculares vistas sobre o val do Río Tea e a Ría de Vigo.

5º xornada. Sábado 25 de setembro: O gran dique de cuarzo do Pico Sacro. Cova do Pico. Miradoiros do Ulla e do Castro. Paso de San Xoán do Castro. A colisión dos continentes. Pseudokarst en cuarzo.

Este paseo incluíu o descenso voluntario á Cova do Pico para o que se requiriu equipa espeleolóxica. Comezamos a visita desde o miradoiro do río Ulla observando a grandiosidade do vertixinoso corte producido no filón de cuarzo (hoxe explotado comercialmente). Seguidamente o autobús achegounos ao Pico Sacro onde nos dividimos en tres grupos e por quendas fixemos tres actividades diferenciadas: entrada e baixada á cova por dous sitios e observación explicativa desde o miradoiro.

Rematamos cun xantar de confraternización amenizado coa música dos nosos compañeiros e compañeiras e no que o grupo agasallou aos relatores coa entrega e lectura dunha escolma de poemas. Deixamos para o voso goce o seguinte.

 

E estarei alí, no val que vos oculto,

encrucillada de cortizos e castañas

onde o río se agocha e hai muíños

na posesión das hedras e dos fentos.

Na calor doutros ollos, os seus ollos,

ao abeiro da cociña e da feluxe

por entre tantas cousas de a diario

sen libros, sen poemas e sen voces.

Enteira, en silencio, en certidume,

cun gato inseparable e os seus bicos,

as améndoas dos seus ollos e esa forza

de ser pequeno e grande ao mesmo tempo.

Onde o sol nos fermenta e hai ervilles,

feixóns, cabazos, cidras e sabogas,

onde son quen de erguer o mundo

sen palabras, con terra, só con terra.

                                                                                           

                                                                                                Marta Dacosta. Setembro (1998)

Volver