Para a CIG-ENSINO o balance do primeiro ano de Xesús Vázquez á fronte da Consellaría de Educación é totalmente nefasto, nunca tan mal se fixo en tan pouco tempo

BALANCE ENSINO PRIMEIRO ANO DE GOBERNO

Para a CIG-Ensino o balance do primeiro ano de goberno de Xesús Vázquez á fronte da Consellaría de Educación non pode ser peor: nunca tan mal se fixo en tan pouco tempo. Durante estes doce meses asistimos ao autoritarismo posto ao servizo da involución, ao ataque permanente ao idioma e ao ensino público como servizo de calidade. Xesús Vázquez demostrou cal é a forma de gobernar do Partido Popular: a imposición, a intransixencia, o desprezo ao profesorado e o apoio aos sectores máis reaccionarios da sociedade. Neste ano o Conselleiro de Educación e o seu equipo preocupáronse exclusivamente de atentar contra o idioma, e así a súa primeira medida xa foi eliminar a realización dunha proba en galego no acceso á función pública e iniciar con grande despregue de medios a derrogación do Decreto en vigor.
Para a CIG-ENSINO o balance do primeiro ano de Xesús Vázquez á fronte da Consellaría de Educación é totalmente nefasto, nunca tan mal se fixo en tan pouco tempo
 
Para a CIG-Ensino o balance do primeiro ano de goberno de Xesús Vázquez á fronte da Consellaría de Educación non pode ser peor: nunca tan mal se fixo en tan pouco tempo. Durante estes doce meses asistimos ao autoritarismo posto ao servizo da involución, ao ataque permanente ao idioma e ao ensino público como servizo de calidade. Xesús Vázquez demostrou cal é a forma de gobernar do Partido Popular: a imposición, a intransixencia, o desprezo ao profesorado e o apoio aos sectores máis reaccionarios da sociedade.
Neste ano o Conselleiro de Educación e o seu equipo preocupáronse exclusivamente de atentar contra o idioma, e así a súa primeira medida xa foi eliminar a realización dunha proba en galego no acceso á función pública e iniciar con grande despregue de medios a derrogación do Decreto en vigor.
Demostraron que non teñen escrúpulo en gastar enormes cantidades de diñeiro público en facer propaganda das medidas involucionistas postas en marcha, así por exemplo cando suprimiron o dereito universal á gratuidade dos libros de texto, medida presentada como aforro, cando non o é, e publicitada pagando anuncios en español. O espírito da propaganda preside tamén, neste momento, a páxina web da Consellaría, que de dar información, pasou a impartir consignas en favor do PP,
            A súa xestión caracterizouse pola imposición, como puidemos comprobar no mes de xullo, en que, vulnerando os órganos de negociación, se impuxo unha circular ás Escolas Oficiais de Idiomas que se traduciu en recorte de profesorado e de servizos para o alumnado. Foi un ano en que prevaleceu a ineficacia e os recortes orzamentarios soamente para o ensino público que veu reducidos os seus orzamentos en case un 1%, mentres se incrementaban os destinados ao ensino privado. Así reducíronse os orzamentos para normalización lingüística e comunicáronse máis tarde que nunca, tamén os orzamentos para os gastos correntes dos centros sufriron recortes e atrasos inxustificados, suprimíronse as axudas para os intercambios escolares sen xustificación e sen llo comunicar aos centros afectados, ou págaselles tarde e mal aos lectores das Escolas de Idiomas. Mais o recorte que se aplica á pública non se lle aplica á privada, e así non só se manteñen e incrementan os concertos educativos, senón que mesmo se manteñen para aqueles centros que incumpren a lexislación e segregan o alumnado por sexos.
            Xesús Vázquez aplica o programa do Partido Popular en Educación de xeito discrecional, e así cuestións como a redución das rateos ou a dotación dos centros con persoal administrativo, convértese en papel mollado, pois a Consellaría non ten ningunha intención de reducir as rateos, por exemplo, ben ao contrario levou adiante un acordo de agrupamentos, que a CIG non apoiou, que está usando como instrumento para reducir unidades e suprimir aulas unitarias.
            Non hai ningún avance, suprimen o coordinador de formación nos novos Regulamentos das Escolas de Idiomas e dos Conservatorios e néganse a negociar a estabilidade do profesorado, e cada día que pasa persoas que teñen máis de 20 anos de servizo vén como empeora a súa situación, precisamente nun contexto de crise económica, e iso mentres os centros agardan varios días a que se lles cubran as baixas e as listaxes de persoal que agarda para realizar unha substitución supera os centos de persoas. Ao tempo, non atenden a petición de defender o dereito indefinido á xubilación anticipada nin de revisar as gratificacións para a xubilación anticipada, unha medida que redunda na creación de emprego.
            E para coroar o seu ano de desgoberno atrasáronse no libramento do orzamento para os gastos correntes dos comedores escolares, co que moitos centros se viron obrigados a servir bocadillos, por exemplo, e agora van suprimir 60 postos de traballo e varios comedores escolares, finalmente 8 dos 18 previstos por mor do rexeitamento que esta medida provocou, procedendo en moitos casos á privatización do servizo, un procedemento moi “querido” polo Partido Popular, que ten sempre presente o beneficio empresarial, mais que “esquece” reiteradamente a importancia de manter uns servizos públicos de calidade.
            En conclusión, para a CIG-Ensino, o balance deste primeiro ano de goberno é absolutamente nefasto, mesmo podemos dicir que non podería ser peor, un ano sen avances, con notables retrocesos, especialmente marcados pola directriz de facer retroceder o noso idioma no ensino e en todo o ámbito da función pública, e coa ineficacia como marca da casa, comprobada no empeoramento da xestión das cuestións habituais de todos os anos.

Volver