Os sindicatos con representación na mesa sectorial vimos de presentar un escrito conxunto solicitando unha reunión coa conselleira

Procuramos con este escrito o desbloqueo da negativa a negociar a devolución dos nosos horarios lectivos

Esiximos a devolución dos nosos horarios lectivos.

Horarios froito en primaria do acordo de 2007 e da normativa anterior ao 2012 en secundaria.

Reclamamos melloras nas nosas condicións de traballo, nas ratios, na burocracia que temos que padecer, da impartición de afíns, na estabilidade do profesorado interino, na atención á diversidade…. Demandas que o profesorado apoiou con perto de 12.000 sinaturas e que recollen un malestar crecente do persoal docente galego após unha década de recortes..

Como CIG entendemos que era momento de unir todos os esforzos posíbeis para loitar por aquelas demandas nas que coincidimos e que sabemos que van supoñer unha mellora individual no noso traballo mais igualmente un beneficio colectivo, tanto para a calidade do ensino público como para o incremento de postos de traballo.

CIG

Escrito presentado conxuntamente por CIG-Ensino, CCOO Ensino, ANPE e FESP-UGT.

Señora conselleira de Educación, Universidade e FP. 

As organización sindicais que formamos parte da Mesa Sectorial de Educación vimos reclamando insistentemente a recuperación dos dereitos que lle foron arrebatados ao profesorado na última década. Un deles, e de maior preocupación entre o persoal docente, é á volta aos 18 períodos lectivos nos corpos que imparten docencia na ESO, Bacharelato, FP  e ensinanzas de réxime especial e 21 no corpo de mestres para os centros de Infantil, Primaria e Educación Especial.

As nosas demandas foron anteriores á modificación do Real Decreto 14/2012 que supuxo unha intervención irrespectuosa do goberno español nas competencias propias en materia de persoal docente que son propias da Xunta de Galiza. O parapeto do goberno galego para frear calquera apertura de negociacións foi precisamente o carácter de mínimos dos horarios lectivos imposto desde Madrid. Unha escusa que non usaron outros gobernos autonómicos para iniciar negociacións e mesmo chegar a acordos.

A entrada en vigor da Lei 4/2019, do 7 de marzo, de mellora das condicións para o desempeño da docencia e do ensino no ámbito da educación non universitaria supuxo definitivamente a recuperación dos horarios lectivos de miles de docentes en varias Comunidades Autónomas. Porén, a Consellaría que vostede dirixe, a través do seu Director Xeral de Centros e Recursos Humanos, tense negado reiteradamente nos últimos meses a convocar unha Mesa para negociar a recuperación do noso horario lectivo.

Como representantes do profesorado non podemos asumir que o goberno negue a devolución dun dereito masivamente reclamado por un profesorado que cargou inxustamente cos efectos dos recortes ao longo destes últimos anos.

Co convencemento firme de que o profesorado non entendería que a titular da Consellaría se negase a tratar este tema e para poder trasladarlle directamente as nosas demandas e procurar desbloquear unha situación que se agrava e se dirixe claramente a un conflito laboral pola falta de negociación da Consellaría, solicitámoslle á maior brevidade posíbel, unha reunión coas catro organizacións con representación na Mesa Sectorial.

Reciba un cordial saúdo

Santiago de Compostela, 11 de outubro de 2019.

CIG Informa sobre o escrito conxunto de todas as OOSS pedindo unha reunión coa conselleira

Documento


Volver