O profesorado alza a voz farto das decisións unilaterais da Consellaría para o curso que vén

Os centros docentes galegos secundaron a iniciativa da CIG-Ensino mobilizándose durante os recreos

A iniciativa promovida pola CIG-Ensino de mobilizarse nos recreos contra as últimas decisións da administración educativa recibiu un gran acollemento nos centros educativos galegos.

Nesta ligazón tedes acceso á galería de fotos que nos foron chegando entre onte e hoxe, se non vedes a vosa non o dubidedes, correo a galiza@cig-ensino.gal

Numerosos centros das catro provincias de Galiza mostraron estar fartos de que non se teñan en conta as necesidades reais da profesión docente.

Cansos das desconsideracións da administración dirixida por Román Rodríguez, que de forma unilateral toma decisións ás costas da comunidade educativa, levantaron a voz para ser escoitados e evitar que as medidas e actuación da Consellaría do goberno de Alfonso Rueda segan prexudicando o ensino público.

A falta de respecto polo colectivo docente agravouse coas últimas decisións para este fin de curso e lonxe de avistar melloras de cara ao comezo do vindeiro parece que se insiste en castigar máis os intereses da educación pública en xeral e da nosa profesión en particular.

Soamente hai que ver cales son os últimos pasos da Consellaría para entender os motivos polos que as e os docentes se ven prexudicados e pola que os claustros protestaron durante o recreo:

  • Incremento do calendario escolar por riba dos 175 días que a Lei estatal impón.
  • Desconsideración das mestras e mestres de Infantil, restrinxindo o período de adaptación, até anulalo na práctica, sen ter en conta a decisión profesional.
  • Incremento da burocracia, absolutamente disparada hoxe e que aínda irá a máis no curso 2022/23, coas medidas impostas polos burócratas do Goberno do Partido Popular.
  • Imposicións das instrucións do próximo curso escolar, promovendo medidas irrespectuosas co conxunto de integrantes dos claustros, como a elección de grupos en secundaria no mes de xullo sen a presenza de todo o profesorado afectado.
  • Negativa da Consellaría a negociar uns horarios lectivos xustos e que nos permitan recuperar os nosos dereitos (18 e 21 horas lectivas en infantil e primaria e secundaria respectivamente).
  • Tamén solicitaron:
    • Mellora das condicións nas que desempeñamos o noso traballo, reducindo ratios e mellorando a atención á diversidade.
    • Incremento dos cadros docentes, para poder afrontar os retos dunha educación pública de calidade.

CIG

A CIG-Ensino congratúlase do éxito das mobilizacións que os centros educativos fixeron nesta xornada e espera que a Consellaría de Educación tome nota, escoite aos profesionais e comece a tomar as decisións tendo en conta os criterios dos profesionais da docencia.

 

Volver