Os orzamentos españois consolidan os recortes sociais, restrinxen o investimento público e só contribuirán a xerar máis paro
Delegados e delegadas da área pública da CIG concéntranse diante da Delegación do Goberno contra as contas do estado para 2011
A nivel social, explicaba Xesús Seixo durante a protesta, os orzamentos que o Congreso dos Deputados aprobou este martes van supor un importante recorte nos servizos públicos básicos, tais como a sanidade ou o ensino, implicando un deterioro da súa calidade. En canto ao aspecto económico, as contas recollen unha rebaixa do investimento público, na orde do 38%, polo que, nunha situación de crise como a actual cunha caída xeneralizada do investimento privado, non contribuirán á reactivación da economía. A isto hai que engadirlle medidas tan regresivas como a conxelación das pensión ou o rebaixa nos salarios das traballadoras e traballadores públicos.
Así mesmo, Seixo advertiu do ficticio das previsións recollidas nos orzamentos xerais do estado, xa que estabelecen unha perspectiva de crecemento do 1,3% do PIB, “difícil de crer tendo en conta o retraemento do investimento público e privado que se vai rexistrar o vindeiro ano”. Ademais, continuou, este crecemento baséase na previsión do incremento da demanda externa, polo que non existe garantía algunha de que en realidade se vaia producir. “Esta é a estratexia que seguen outros estados cos mesmos problemas que o español e xa se comprobou que non axudaron a saír da crise. O único que van xerar estes orzamentos é máis desemprego”, sentenciou.
O Secretario Xeral da CIG alertou que este modelo de orzamentos deixa ben ás claras que as pretensións para tirar da demanda externa pasan por seguir coa política de precarización e recorte dos salarios, co obxectivo de reducir por esa vía os custes da man de obra e tentar crear unha economía competitiva nese eido. Seixo denunciou a regresividade destas políticas que atentan contra os dereitos básicos da clase traballadora e que afectarán directamente á calidade de vida de toda a poboación.
Consolidación dos recortes para as e os empregados públicos
Pola súa banda, a Secretaria Nacional da Federación de Administración Pública da CIG, María Carme López Santamariña, denunciou a falta de diálogo por parte dos gobernos, que veñen de impor, vía orzamentos, novos recortes para os traballadores e traballadoras públicos. Neste senso, criticou que as decisión tomadas a nivel do estado español afectan as distintas administración “de forma salvaxe e que en Galiza están acentuadas polas contas aprobadas onte no Parlamento”.
López Santamariña destacou os recortes que se van producir nos servizos públicos, e concretamente alertou do incerto futuro que agarda ao servizo público de correos, que vén de sufrir un importante recorte nestes orzamentos, coincidindo ademais coa transposición en xaneiro da normativa europea para a “liberalización” do sector postal.
A responsábel de Administración Pública denunciou que os orzamentos para o 2011 consolidan os recortes nas retribucións das traballadoras e traballadores públicos, conxelan a oferta de emprego e limitan a taxa de reposición ao 10%. “Isto significa que de cada 100 empregados/as que se xubilen ou causen baixa, a administración só vai cubrir 10 postos e soamente cando considere que esa praza é esencial para cubrir o servizo. Estamos diante dunha privatización pura e dura dos servizos públicos”.
Fronte a isto, López Santamariña avisou que “queda moito por loitar” e que a CIG estará vixilante para que non se tomen novas medidas contra a clase traballadora.