Os orzamentos de Educación para o ano 2009 son insuficientes para avanzar e mellorar na calidade do ensino

Rolda de prensa da CIG-Ensino

Hoxe, día 10 de novembro, o Secretario Nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, fixo pública a valoración da CIG-Ensino dos orzamentos presentados pola Consellaría de Educación para o ano 2009. Estes orzamentos non só son insuficientes para avanzar na calidade do ensino senón que son os que menos medran desde a entrada do novo goberno na Xunta de Galiza.
Os orzamentos de Educación para o ano 2009 son insuficientes 
para avanzar e mellorar na calidade do ensino


 
O 10 de novembro, o Secretario Nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, fixo pública a valoración da CIG-Ensino dos orzamentos presentados pola Consellaría de Educación para o ano 2009. Estes orzamentos non só son insuficientes para avanzar na calidade do ensino senón que son os que menos medran desde a entrada do novo goberno na Xunta de Galiza.
 
Os orzamentos da Consellaría de Educación para o ano 2009 suporían un total de 2.389 millón de euros (102 millóns máis respecto de 2008). A Consellaría medra só un 4,45%. Para atopar índices máis baixos de crecemento hai que remontarse aos orzamentos de 2003.
 
Hai que ter en conta que o gasto educativo galego está preto de 1 punto por debaixo do PIB destinado a Educación polos países da OCDE que se sitúan no 5,7% fronte ao 4,8% que Galiza dedica a Educación.
 
Con estes datos, é obvio que a aplicación da LOE carece das achegas necesarias para a súa aplicación, para atender as necesidades educativas especiais e a diversidade escolar.
 
Se analizamos os orzamentos por capítulos podemos concluír o seguinte:
 
  • Capítulo I: O gasto de persoal supón o 59% da Consellaría, un 6,9% máis que o ano pasado.
  • Observamos que no capítulo II os gastos por reparacións, mantemento e conservación dos centros escolares decrecen un 8,97%, malia que no ano 2008 xa non medraran, pasando de 725.000 euros a 660.000 euros.
  • A partida dedicada ao transporte escolar e aos comedores só se incrementa nun 3%.
  • O gasto de funcionamento dos centros educativos de Ensinanzas Artísticas e FP non teñen ningún crecemento.
  • No capítulo IV destaca a grande cantidade destinada á subvención do ensino concertado, 256.978. 879 euros. Os concertos na Educación Infantil supoñen un gasto de 39.408.388 euros, un 12,6% máis que o ano pasado. Esta partida supón o 10,7% do orzamento total da Consellaría.
  • Inxustificábel e sorprendente é a contemplación da subvención de 30.051 euros que se recolle para a “Real Academia Española”.  
  • No capítulo VI os investimentos reais en formación e perfeccionamento do profesorado pasan de 3.126.200 euros do ano 2008 aos 2.729.447 euros do 2009, o que supón unha redución do 13%. 
  • Os orzamentos destinados á reparación, ampliación e mellora dos centros educativos, así como á adquisición de novo equipamento ou construcións experimenta unha queda importante. Redúcese nun 23% para Infantil, Primaria e ESO e un 26% para Bacharelato e FP. Sorprende a redución tan acusada desta partida cando hai moitos centros educativos que debido aos moitos anos que levan funcionando necesitan unha mellora significativa.
  • Cando van máis de 13 anos de promulgación da Lei de Saúde Laboral, destínanse unicamente 30.000 euros para esta materia, sen ningún incremento respecto do orzamento dos anos anteriores para un colectivo de 32.000 docentes. Con este investimento, o profesorado galego continuará a ser o único colectivo que seguirá sen ter unha revisión médica anual, a pesar de ser un dos seus dereitos e dos requirimentos do Valedor do Pobo, despois das queixas da CIG-Ensino.
  • Soamente se contempla un investimento de 85.000 euros, un 22,73% menos que no ano 2008, para a normalización lingüística, cando se segue incumprindo e non está iniciado ningún plano de formación do profesorado e os recursos son insuficientes para aplicar o novo Decreto de Normalización Lingüística.
Os programas previstos para actuar contra o abandono escolar temperá, o fracaso escolar e a mellora do éxito escolar, alcanza os 24 millóns de euros (investimento que na súa maioría procede dos fondos sociais Europeos ou do MEC) decrecendo preto dun 4% respecto do ano 2008. Tórnase insuficiente a todas luces, tendo en conta que o 24% do alumnado non acada nin sequera o graduado en Educación Secundaria escolar.
 
Estes orzamentos continúan sen satisfacer a demanda de incrementar as gratificacións para que o profesorado se poida xubilar anticipadamente, sen reducir o horario lectivo aos maiores de 55 anos e sen crear o emprego necesario.
 
O investimento previsto para potenciar as bibliotecas escolares continúa sendo escaso: 655.000 euros, un 23% menos que o ano 2008. 
 
Con estes orzamentos, o cadros de persoal dos centros continuarán sendo insuficientes, pois, só se amplía a cota/continxente/cantidade de profesorado en 57 mestres/as.
 
Estamos ante uns orzamentos que non dan resposta a unha serie de necesidades urxentes que padecen os centros educativos e o ensino en Galiza como son: A dotación de administrativos/as nos centros de Infantil e Primaria, redución das rateos en todos os niveis educativos, nomeadamente en Infantil, onde segue habendo aulas de 25 alumnos, malia o compromiso no pacto de goberno de reducilo a 15. 
 
Bótase en falla que os orzamentos non contemplen ningunha partida para poder iniciar a dotación doutros/as profesionais necesarios/as nos centros: educadores/as sociais, profesores e profesoras de linguaxe de signos, coidadores/as, etc.
 
A pesar de que no ano 2008 se van aplicar moitos aspectos da LOE, estamos ante uns orzamentos sen recursos para diferentes cuestións como, por exemplo, para aplicar o plano integral de convivencia escolar, aprobado o curso pasado; o incremento dos cadros de persoal, dotar de administrativos/as os centros, etc.
 
A Consellaría con estes orzamentos evita a súa responsabilidade de promover e financiar actividades extraescolares. Terán que ser os petos das familias os que teñan que se facer cargo destes gastos, provocando unha desigualdade baseada no poder adquisitivo da familia.
 
Estes orzamentos, un ano máis, non asumen a dotación de administrativos/as nos centros de Infantil e Primaria. Hoxe, é unha necesidade urxente para liberar o profesorado de funcións burocráticas e administrativas que lle supón unha carga de traballo excesiva.
 
Estes orzamentos incumpren o acordo de goberno no que se contempla que nesta lexislatura se incrementaría o gasto educativo até acadar o 6% do PIB e se tiñan que reducir as rateos de Educación Infantil a 15 alumnos/as por aula.
 
Estamos, tamén, ante uns orzamentos que non contemplan un plan de actuación para previr e reducir o fracaso escolar para o conxunto de alumnado e centros, cando hoxe o 24% do alumnado non acada o graduado en educación secundaria.

Anxo Louzao manifestou que a crise económica ten repercusións graves nestes orzamentos, o que suporá agrandar máis as carencias do noso sistema educativo, cando se trata dun servizo básico e fundamental. O investimento educativo público implica unha aposta para diminuír as desigualdades sociais, pero estes orzamentos fano difícil, pois están lonxe do gasto educativo necesario, máximo se temos en conta que o 11% está dirixido a subvencionar o ensino privado.

Volver