Os orzamentos de Educación para 2011 son tan restritivos que poñen en perigo o ensino público, reforzan o privado e atacan a normalización lingüística
No seu conxunto recórtanse en 161 millóns de euros respecto dos de 2010
E é que tras analizar as partidas orzamentarias, a CIG-Ensino denuncia que sofren un recorte do 6,77% (161 millóns de euros) respecto de 2010, cando xa neste ano decreceran nuns 6 millóns de euros, o 0,9% menos que en 2009. “Estamos ante uns orzamentos que só garanten a escolarización nos tramos obrigatorios mais non unha atención educativa indispensábel para garantir a calidade necesaria”.
Por iso, o secretario nacional de CIG-Ensino afirmou que “non son aceptábeis, porque están pensados en clave privatizadora, reforzando o ensino privado en detrimento do público, impiden cubrir as necesidades máis perentorias e dotar os centros de suficiente profesorado”. A isto, Louzao engadiu que “desprezan o profesorado, reducíndolles os seus salarios, acurtando a oferta de emprego público e non satisfacendo a demanda de redución de horario lectivo aos maiores de 55 anos e o dereito indefinido a podérmonos xubilar anticipadamente”.
Alén diso, denunciou que son uns orzamentos que non contemplan ningunha partida para dotar os centros de administrativos/as, reducir o número de alumnos/as por aula e a atención á diversidade. “Esquécense dun ensino máis personalizado, de mellorar a escolarización e da calidade do ensino público, ao igual que se esquecen de dotar os centros de profesorado suficiente. Ademais, a normalización lingüística segue a estar perseguida”
Favorecen á privada
Para Louzao este recorte, consecuencia da aplicación dos principios do “neoliberalismo máis radical” provoca unha desatención do ensino público até “extremos inaceptábeis” e pretende “privilexiar con fondos públicos centros concertados de idearios retrógrados que chega, en casos, a segregar o alumnado por razón de sexo”.
Por iso, considera que estamos ante uns orzamentos “antisociais”, porque as clases máis desfavorecidas son as máis prexudicadas “desterrando a igualdade de oportunidades e a equidade educativa”; desatenden a formación do profesorado; impiden o reforzo escolar; o apoio educativo; a atención ás necesidades educativas especiais; reducen o profesorado nos centros e facilitan o abandono prematuro do alumnado do sistema escolar e o fracaso escolar”. Fronte isto denuncia que a consellaría destina máis de 250 millóns de euros a privatizar e subvencionar o ensino privado. Neste sentido, afirma que “mentres as subvencións ao ensino privado concertado descenderon o 3,5%, ao ensino público faino nun 6,77%, o dobre en termos porcentuais”.
Nunha análise capítulo a capítulo constátase a redución do Capítulo I, ao que vai o 60% do orzamento da consellaría (máis de 1.300 millóns €), nun 5,38%, a consecuencia da redución dos salarios nun 5% e das pagas extraordinarias nun 30%.
No Capítulo II, na partida que está destinada a reparacións, mantemento e conservación dos centros escolares para todos os niveis educativos, a redución é dun 13,37% en relación ao 2010, que xa se vira reducida nun 15.66%; a destinada a transporte escolar descendeu un 8% e a de gastos de funcionamento dos centros un 3,55% (55 millóns de euros)
No Capítulo IV, no referido a concerto educativos, transfírese a “escandalosa” cantidade de máis de 250 millóns de euros ao ensino privado concertado, o que supón máis do 11% dos orzamentos totais da consellaría. “Niveis non obrigatorios como Educación Infantil están subvencionados con 38 millóns de euros e niveis postobrigatorios con a FP con 13 millóns de euros. Mentres, numeroso alumnado de FP non puido estudar este curso por falta de prazas”, denunciou Louzao.
No Capítulo VI, os investimentos reais destinados á construción, ampliación e mellora dos centros teñen unha mingua dun 41% en Infantil, Primaria e ESO; dun 57,14% nas ensinanzas artísticas, dun 85% en ensinanzas especiais e nun 69% en Bacharelato e Formación Profesional. Para o secretario nacional de CIG-Ensino “sorprende a redución desta partida se temos en conta a necesidade de actuación que precisan os centros”.
O profesorado, o grande esquecido
A CIG-Ensino denuncia tamén que o profesorado segue a ser o grande esquecido da consellaría xa que o orzamento dedicado á súa formación e perfeccionamento redúcese un 3%, cando o ano pasado xa sufriu unha diminución do 24%. “Constátase o desleixo da consellaría co profesorado, o que se evidencia no feito de que somos o único colectivo de traballadores/as que, malia termos recoñecido o dereito a unha revisión médica anual séguennolo negando”
Os orzamentos tamén evidencian o desinterese por promover medidas que eviten e reduzan o abandono temperán do sistema educativo. Esta partida redúcese un 21,5%, pasando de 23.346.722 do ano pasado a 18.332.938 este ano, malia as altas porcentaxes de fracaso escolar e de abandono prematuro do sistema educativo.
Gratuidade dos libros de texto
A partida dedicada á gratuidade de libros de texto redúcese nun 50%, cando xa o ano pasado tivo unha redución do 25%, pasando de 3 millóns de euros a 1,5. “Isto supón liquidar a gratuidade de libros de texto para a maioría das familias”, sinalou Louzao, quen ademais denunciou que “como consecuencia da súa fobia ao galego, prohibe que o alumnado poida usar os libros de Matemáticas, Física e Química e Tecnoloxía que están nos centros, única e exclusivamente por estar en galego”. Unha persecución que lembrou “custounos a todos os galegos e galegas uns 8 millóns de euros”.
Atacan a normalización lingüística
A este respecto, o secretario nacional de CIG-Ensino denunciou que a “persecución”da nosa lingua ten correlato neste orzamentos cunha redución, no programa de fomento da lingua galega redúcese nun 36,66%, cando xa se recortaran nun 20% nos deste ano, pasando de máis de 17,5 a apenas 11 millóns de euros. “O nulo interese porque avance a competencia do alumnado en lingua galega próbase en que os proxectos de fomento da lingua galega no ensino teñen un recorte do 25%.