Os orzamentos da Xunta para 2020 consolidan a perda de postos de traballo docentes iniciada en 2010

Delegadas da Área Pública da CIG concentráronse esta mañá diante do Parlamento de Galiza coincidindo coa aprobación no Pleno do Parlamento dos Orzamentos Xerais da Xunta para o ano que vén.

As contas da Xunta non inclúen unha partida destinada á recuperación do horario e dos dereitos recortados ao profesorado galego. Mais ben ao contrario, contemplan unha diminución do persoal en Secundaria con respecto a este ano.

Delegadas da Área Pública da CIG concentráronse esta mañá fronte ao parlamento galego para reivindicar que se inclúan nas contas públicas da Xunta para o próximo ano as emendas presentadas ao proxecto de Orzamentos que se vota hoxe no Pleno. Entre as principais medidas que reclamaba o profesorado está a recuperación do horario lectivo previo á crise, así como do resto de dereitos recortados salariais e laborais que se foron perdendo na última década do goberno Feijóo. Mais semella que nin a convocatoria de folga do pasado día 12, que foi secundada por un 60% do persoal docente galego, serviu para que o goberno galego rectifique e inclúa unha partida específica para a recuperación das 18 horas en secundaria e das 21 en primaria. Unha medida que, como a CIG-Ensino ten denunciado en múltiples ocasións, significou a perda de arredor de 1.200 postos de traballo. Pola contra a partida do capítulo de persoal docente para 2020 mesmo se ve mermada no ámbito de secundaria con respecto a este ano, o que significa unha redución de postos de traballo. Así pois, nin os anuncios fume da OPE para o ano que vén nin a propaganda política do PP poden tapar a realidade dos recortes de profesorado.

Principais alegacións da CIG

  • Seguimos mantendo que debe haber un Plan para negociar a débeda salarial contraída pola Xunta de Galiza cos recortes salariais, especialmente no complemento específico ou equivalente en anos atrás. Non abonda con restituír o complemento específico da extra senón que hai que devolver o roubado.
  • Esiximos que se cree un complemento para restituír os soldos base e trienios da extra até o importe completo das mensualidades ordinarias.
  • Ao derrogar esa lei, levántase a suspensión do Plus dos Altos Cargos, polo que a derrogación debería implicar a derrogación expresa e definitiva dese privilexio e os importes se destinarían ao fondo de continxencia.
  • Establecer a xornada de 35 horas con carácter xeral para todos e todas as empregadas públicas da Xunta de Galiza e os seus entes.
  • Recuperación do Fondo de Acción Social.
  • Este anteproxecto e o Acordo de Madrid seguen consolidando o recorte de emprego público ao seguir establecendo unha taxa de reposición. Consideramos que se debe establecer a non existencia de taxa de reposición co fin de rematar coas graves carencias de persoal da Xunta de Galiza.
  • A recuperación do horario lectivo do profesorado galego (18 horas en secundaria e 21 en primaria), coa devolución dos dereitos arrebatados coa escusa da crise, implicaría unha repercusión orzamentaria, xa que levaría consigo un incremento de postos de traballo, con maior impacto nos corpos de secundaria e moito máis reducido no corpo de mestres.
  • A atención á diversidade está cada inicio de curso marcando as carencias que temos para atender ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo. O acordo de cadros de persoal de 2007 permite aumentar os postos de traballo definitivos vinculados á educación especial (audición e linguaxe, pedagoxía terapéutica). Demandamos unha maior dotación destes postos de traballo.
  • As ratios son un claro problema do sistema educativo galego. Mentres o datos oficiais ofrecen unha ratios boas (produto do elevado número de centros e a súa dispersión) a realidade é que temos aulas saturadas no medio urbano e con aulas mixtas no medio rural. É preciso reducir as ratios, especialmente cando hai alumnado con necesidades específicas de apoio educativo ou repetidores. Tamén é unha necesidade recuperar e ampliar os desdobres na ESO e o Bacharelato. Todo iso precisa un incremento orzamentario que non aparece por ningures.
  • O pagamento do verán ao profesorado substituto que traballou cinco meses e medio segue anulado. É un dereito arrebatado no 2012 e baixo uns criterios contidos na propia Lei de Orzamentos que a día de hoxe non se cumpren. Malia iso, figura de novo no anteproxecto de lei que non se efectuará ese pagamento.
  • Incremento da axudas para o galego no ensino público. A situación do noso idioma, tal e como recolle o último inquérito do IGE, é de emerxencia lingüística. Para alén de medidas que non teñen repercusión orzamentaria, como é o caso da derrogación do decreto de plurilingüísmo e a aposta do noso idioma como lingua vehicular, hai partidas para o fomento e uso do noso idioma que merecen un incremento importante. As axudas actuais non chegan a cubrir o 20% das axudas solicitadas polos centros.

 

Volver