Os orzamentos da Consellaría de Educación inciden nos recortes no ensino público e consolidan a redución dos cadros de persoal docente

A CIG-Ensino denuncia o papel secundario que ten este departamento no conxunto da Xunta. Malia a súa importancia estratéxica e a contar co maior volume de recursos humanos, os gastos en persoal soben máis no cómputo global da Xunta que en Educación.

O secretario nacional da CIG-Ensino desmente, así mesmo, que as oposicións que se van convocar os próximos anos supoñan un incremento real do número de docentes, que permanece estancando en 30.000, e critica que este proceso se traduza nunha mera redución do emprego temporal e non nun plan de estabilidade do profesorado interino. O maior incremento de partidas destinadas ao ensino concertado en detrimento do público e o apoio irrisorio á promoción do galego “retratan claramente cal é a política privatizadora, elitista e centralista” de Feijoó a respecto da educación en Galiza.

Os orzamentos para o ano 2018 inciden novamente nunha situación que leva anos consolidada co goberno Feijóo: a perda de relevancia da Consellaría de Educación no marco dos orzamentos xerais da Xunta. Esta evidencia fica máis clara se alongamos a ollada e vemos a evolución desde o ano 2001, observando como só na etapa entre 2005 e 2009 se deu un incremento do peso específico da Consellaría, nuns anos nos que se acadaron melloras no incremento de persoal docente e nas retribucións do profesorado.

Proporción de gasto da Consellaría de Educación sobre os gastos totais da Xunta de Galiza 2001-2018

Proporción de gasto de Educación sobre os gastos totais da Xunta de Galiza 2001-2018

Os orzamentos da Consellaría de Educación perden cada ano máis peso en relación aos da Xunta de Galiza. “Representaban o 27% do total en 2009 e agora só representan o 22,2%, polo que perderon case 5 puntos que non se recuperan mesmo nunha fase lixeiramente expansiva nas contas da Xunta”. Isto implica ademais que a Consellaría de Educación sexa a terceira que menos medra, por detrás de Medio Rural e Facenda.

Comparativa orzamentos Consellarías 2018

As cifras das diferentes partidas dos orzamentos da Consellaría de Educación amosan unha situación de estancamento nunha política de involución que o goberno Feijóo vén practicando desde a súa chegada ao poder. Desde o ano 2009 os diferentes orzamentos da Xunta arroxan unha perda total de 1.936 millóns de euros.

Orzamentos 2018. Outra oportunidade perdida

Os orzamentos destinados ao Capítulo de Persoal (Capítulo I), que representan o 59% do total da Consellaría están por debaixo do medre do gastos de persoal no conxunto da Administración galega (-0,34%). Uns orzamentos para 2018 que deberían servir para acometer un cambio substancial na deriva de empeoramento salarial e de condicións de traballo e que, sen embargo, só conta cun escaso incremento ao respecto do 2017 (3,21%) que non supón ningún tipo de mellora relevante e reafirma a política de restricións no ensino público característica do Partido Popular na Xunta.


Revisando as distintas partidas orzamentarias só cabe concluír que non garanten un ensino de calidade e imposibilitan unha adecuada atención á diversidade e ás necesidades educativas especiais. Relegan o ensino público e ao tempo desprezan o profesorado, ao non se restituír ningún dos dereitos roubados: non se recuperan os postos de traballo suprimidos (máis de 3.000) nin se rescata o poder adquisitivo perdido, con cifras que van desde os 31.227€ para unha mestra de primaria sen antigüidade ou os 55.138€ para unha profesora de secundaria con 30 anos de servizo.Por outro lado, estes orzamentos restritivos en materia de persoal implicarán que o profesorado substituto con cinco meses e medio de contrato continúe sen cobrar os meses de verán, un recorte que no seu día o Goberno Feijóo afirmou que tería un efecto temporal e que se demostra que virou permanente. Tampouco permiten os orzamentos resolver o problema da falta de persoal administrativo e outros perfís profesionais nos centros públicos, o que obrigará o profesorado a continuar asumindo tarefas burocráticas e administrativas, vixiando o transporte e encargándose do comedor, mantendo pechada a porta á entrada de novas figuras profesionais no ensino público como educadores sociais e fisioterapeutas que si existen no ensino concertado. Igualmente, o profesorado galego, como o resto do persoal da Xunta, seguirá penalizado por enfermar, ao non se recoller a retirada dos descontos nos 20 primeiros días de baixa médica.

Incremento cero de profesorado

A CIG-Ensino denuncia que a Consellaría impide o medre do persoal docente, aplicando obedientemente o mandato do Ministerio de Facenda, e contando ademais coa complicidade de organizacións sindicais como CC.OO., UGT e CSIF que asinaron o acordo de marzo de 2017 co goberno do Estado e a súa réplica mimética de outubro en Galiza. Un incremento de persoal que a día de hoxe é unha das principais demandas do profesorado galego, sobrecargado en horas de docencia, con rateos elevados e un claro empeoramento das nosas condicións de traballo. Así, os orzamentos conxelan a cifra de persoal docente do exercicio pasado en 30.098.

Por tanto, a Xunta non vai facer uso das Ofertas Públicas de Emprego para ampliar os cadros de persoal nin vai tomar medidas para mellorar as condicións de traballo, como a redución de carga lectiva a 18 horas en secundaria ou a 21 en primaria. Esta conxelación dos postos de traballo tampouco vai permitir que se corrixa a porcentaxe do profesorado que ten que impartir afíns e que a día de hoxe representa unha das principais queixas do profesorado.

Para a CIG-Ensino este é, sen dúbida, o elemento principal a salientar nos orzamentos educativos da Xunta para o 2018, xunta coa ausencia de medidas de recuperación dos dereitos roubados polo Goberno Feijóo en materia retributiva.

Só 73 céntimos de cada 1.000€ dos orzamentos da Xunta son para fomento da lingua galega

Nos orzamentos de 2018 hai un incremento da partida para fomento da lingua galega superior ás cifras raquíticas de anos anteriores. Porén, para a CIG-Ensino o incremento de 800.000€ non abonda para reverter unha situación de abandono das políticas de promoción e de defensa da nosa lingua que promoveu o PP desde a chegada de Feijóo á Xunta. A cifra total destinada ao fomento da nosa lingua chega a 7.623.085€, o que implica que só 70 céntimos de cada 1000€ cos que conta nos seus orzamentos a Xunta serán para “fomentar a nosa lingua”. Non podemos deixar de lado que os fondos destinados a este fin antes da chegada de Feijóo á Xunta eran 21,8 millóns de euros, tres veces máis. Por tanto, o incremento que se produce este ano, sendo superior ao destes últimos exercicios, fai que sexa aínda totalmente insuficiente para afrontar a diferenza de máis de 14 millóns de euros a respecto de 2009.

Funcionamento dos centros, servizos complementares e outras partidas

Respecto ao Capítulo II, gastos en bens correntes e servizos, cabe salientar que se destinan un total de 202 millóns, cunha redución do 4,72 %.

Dentro deste capítulo, conxélase de novo o orzamento en comedores en 28,8 millóns, evitando por tanto emprender unha política de xestión directa e de expansión a todos os centros. No que ten a ver co transporte escolar, e malia aparecer unha diminución importante duns 15 millóns de euros, hai que ter en conta que os cambios fixados co inicio do transporte regular integrado levan parte dos orzamentos do transporte escolar á Consellaría de Infraestrutura.

Canto ao gasto en funcionamento dos centros, as cifras nestes orzamentos son superiores ás do 2017. Aumentan en menos de 1 millón de euros para os centros de Infantil, Primaria e ESO e nunha cifra lixeiramente superior (1,4 millóns) para Secundaria e FP. En cifras globais o incremento dos gastos para o funcionamento experimenta unha suba do 4,3% ao respecto do ano actual.

Nos orzamentos 2018 hai algunhas partidas que centraran as críticas da CIG-Ensino en exercicios anteriores que agora teñen incrementos, como é o caso da “Prevención do abandono escolar” (23 millóns de euros) ou a “Formación do profesorado” (3 millóns de euros). Sen desprezar eses incrementos, menos relevantes en termos cuantitativos que porcentuais, desde a CIG-Ensino chamamos a atención sobre a necesidade de fixar políticas máis valentes na atención ao fracaso escolar e as necesidades específicas de apoio educativo e a darlle un impulso á formación continua do profesorado mais alá dos límites nos que actualmente se move.

Desde a CIG-Ensino facemos tamén un chamamento a que a rectificación feita polo goberno Feijóo ao virar de cara ao sistema de préstamo de libros de texto que tanto criticara, sexa completa, evitando que as familias teñan que afrontar unha parte do custo dos libros. Defendemos que todo o material escolar sexa gratuíto e demandamos que a carga de traballo de xestión non recaia nos equipos directivos, o que reforza a nosa demanda de dotar todos os centros con persoal administrativo.

Incremento para o ensino privado

Xunto a isto, o secretario nacional da CIG-Ensino chamou a atención sobre o feito de que fronte ao medre do 3,21% dos orzamentos xerais da Consellaría de Educación, as subvencións ao ensino privado no seu conxunto (Capítulo IV) incrementáronse nun 4,44%, chegando case aos 286 millóns de euros.

A este respecto, cabe incidir en que os concertos educativos, incluídos os centros que segregan alumnado por razón de xénero, pasan de 260 millóns de euros en 2017 a 269 millóns para o 2018 que se distribúen en: Educación Infantil, 39,5 millóns (+2,88%) Educación Primaria e ESO, 198 millóns (+2,90%); Formación Profesional, 17,6 millóns (+5,17%) e Educación Especial, 13,5 millóns (+11,40%). Falamos, por tanto, de que o ensino privado ten reservado un 12,26% dos orzamentos da Consellaría de Educación, dos que a inmensa maioría (11,58%) son para o ensino privado concertado. 

Nas partidas destinadas ao ensino concertado neste exercicio económico chama a atención que se duplique o diñeiro para aumentar o “dominio de linguas estranxeiras no alumnado” (+102,21%). Vemos como o apoio da Xunta cara o denominado plurilingüismo, cada máis posto en cuestión mesmo desde unha perspectiva pedagóxica, non só ten efectos na discriminación e relegación do noso idioma senón que tamén ten repercusións económicas.

Desde que Feijóo goberna este país, as cantidades dos concertos educativos incrementáronse nun 72,5%, con máis de 20 puntos de diferenza sobre o total da Consellaría de Educación, que se limitan ao 52%. 

As carencias nos orzamentos, unha vez máis á vista 

A CIG-Ensino, no marco das diferentes Mesas Sectoriais así como na reunión que mantivemos co conselleiro de Facenda na reunión na que nos presentou os orzamentos, puxo de manifesto que hai unha serie de propostas que para o sindicato son fundamentais para que os orzamentos dean resposta ás necesidades do sistema educativo galego e ao seu profesorado:

  • Creación de emprego, con amplas ofertas nas oposicións que supoñan incrementar os cadros de persoal actual e que partan dun necesario acordo de estabilidade para o persoal interino, nomeadamente o maior de 55 anos.
  • Redución de horario lectivo para o profesorado de todos os corpos, redución de rateos, regulamentación das afíns cara a súa limitación ou a autorización de desdobres; medidas todas elas que incidirían no aumento de profesorado.
  • Cobro dos meses de verán para o persoal substituto con 5 meses e medio de traballo efectivo.
  • Recuperación salarial do profesorado, tendo en conta a perda de poder adquisitivo e a nosa situación no furgón de cola do profesorado do conxunto do Estado.
  • Estabelecemento dunha cláusula de revisión salarial para garantir que, como mínimo, os nosos salarios teñan un incremento igual ao IPC.
  • Recuperación do Fondo de Acción Social, destinando o 1% da masa salarial do Capítulo I.
  • Pago do total das retribucións desde o primeiro día de baixa.
  • Dotación de persoal administrativo en todos os centros, no camiño de reducir a carga burocrática que soportan os e as docentes galegas.
  • Dotación de persoal sanitario, fisioterapeutas, traballadoras ou traballadores sociais... nos centros onde sexa necesario. 
CIG Informa avaliando os orzamentos da Consellaría de Educación para 2018

Documento


Volver