Os novos currículos implican menos autonomía para os centros, discriminan a nosa lingua e cultura e incrementan a burocracia

Currículos da ESO, Bacharelato e ámbitos dos graos básicos de Formación Profesional (GBFP)

O deseño curricular implantado pola LOMLOE, desenvolvido pola Consellaría mediante os novos decretos, non implica ningunha mellora substancial e demostra que a administración educativa galega prefire non exercer as súas competencias cando isto implica achegar un perfil propio á oferta educativa nos centros galegos. Porén, non ten reparos en manter a política de desgaste e derrubo contra o noso idioma ou en procurar diferenciacións artificiais e innecesarias co Ministerio de Educación por cuestións estritamente partidarias. Ao tempo reforza a burocracia, coa implantación dunha ferramenta informática de programacións que vai incrementar dun xeito importante o traballo administrativo do profesorado, en detrimento da nosa función docente.

Ligazón ao CIG-Informa con toda a información sobre a negociación dos currículosl

É hora de derrogar o decreto de plurilingüísmo

Que teñamos un novo presidente que se manifestaba como un hooligan reaccionario de Galicia Bilingüe é un mal sinal para a saúde do noso idioma nos centros. Nada nos gustaría máis que poder asistir a un cambio de rumbo na política lingüicida da Xunta no sistema educativo. Poden comezar agora neste decreto. Unha maior presenza do noso idioma é fundamental para favorecer a reversión da situación actual, de verdadeira emerxencia en moitos ámbitos xeográficos do país. Eliminen a prohibición de impartir materias do ámbito científico tecnolóxico en galego. Cumpran a lei de normalización e garantan o que a día de hoxe desprezan: que o alumnado que remata a ESO teña as mesmas competencias lingüísticas en galego que en castelán que é, nin máis nin menos, a obriga legal.

A Xunta borra dos obxectivos xerais da ESO e o Bacharelato elementos centrais do currículo galego

É unha vergoña que no anteproxecto de decreto non figuren aspectos que no actual decreto si aparecen. A vergoña é maior se temos en conta que a normativa actual está feita por cargos políticos do mesmo Partido Popular. Que clase de responsábeis poden tomar a decisión de “borrar” dos obxectivos xerais actuais aqueles que precisamente dan sentido a un goberno propio nunha nación como Galiza?

O borrado de Galiza promovido pola propia Xunta: estes son os obxectivos que desaparecen dos actuais decretos e que a CIG-Ensino exixe que se reincorporen. A maior parte deles fan referencia ao propio país mais tamén hai outras cuestións moi relevantes que até agora aparecían nos obxectivos xerais e que agora desaparecen. 

No currículo da ESO desaparecen:

  • Coñecer mulleres e homes que realizaran achegas importantes á cultura e á sociedade galega, ou a outras culturas do mundo.
  • Coñecer e valorar os aspectos básicos do patrimonio lingüístico, cultural, histórico e artístico de Galiza, participar na súa conservación e na súa mellora, e respectar a diversidade lingüística e cultural como dereito dos pobos e das persoas, desenvolvendo actitudes de interese e respecto cara ao exercicio deste dereito.
  • Coñecer e valorar a importancia do uso da lingua galega como elemento fundamental para o mantemento da identidade de Galiza, e como medio de relación interpersoal e expresión de riqueza cultural nun contexto plurilingüe, que permite a comunicación con outras linguas, en especial coas pertencentes á comunidade lusófona

No currículo de Bacharelato:

  • Non se cita nin sequera o Estatuto de Autonomía de Galiza como elemento de referencia dos valores para adquirir unha conciencia cívica, limitándose por primeira vez á Constitución como única referencia. Sóbralles mesmo o autogoberno limitado que temos.
  • Deixan fora dos criterios xerais a referencia a unha sociedade que favoreza a sustentabilidade.
  • Deixan sen citar, dentro das desigualdades existentes, e como un exemplo a salientar “a violencia contra a muller” e a“atención especial ás persoas con discapacidade”.
  • No obxectivo relacionado coa investigación e a sensibilidade e respecto cara o medio ambiente eliminan “e a ordenación sustentábel do territorio, con especial referencia ao territorio galego”.
  • Valorar, respectar e afianzar o patrimonio material e inmaterial de Galiza, e contribuír á súa conservación e mellora no contexto dun mundo globalizado.

En ambos currículos falta unha referencia expresa ao que, ao noso entender, debe figurar como un principio xeral de todas as etapas educativas, seguindo o criterio da 1/2004 de Medidas de Protección Integral contra a violencia de xénero que afirma que para garantir a efectiva igualdade de homes e mulleres, as administracións educativas velarán para que en todos os materiais educativos se eliminen os estereotipos sexistas ou discriminatorios e para que fomenten o igual valor de homes e mulleres”.

A relixión, fóra da escola

O único aspecto positivo da nova regulación da Relixión no sistema educativo vai ser que xa non limitará a elección doutras materias, como acontecía coa LOMCE e que nos levou a loitar xudicialmente contra a obriga de cursala para poder optar, por exemplo, a Robótica ou Coeducación para o século XX. Ou comprobar como se xogaba co alumnado, ofrecendo dun xeito vergoñento notas altas para captar matrícula.

Con todo, desde a CIG-Ensino consideramos que a LOMLOE foi unha nova ocasión perdida para eliminar a presenza de ensinanzas doutrinais dentro dos centros educativos. Quen apostamos por un ensino laico como única medida que garanta a declarada aconfesionalidade do Estado non podemos estar de acordo con manter a Relixión como materia curricular, nin sequera nas condicións da LOMLOE, que permite que a materia manteña un marcado carácter confesional, ao deixar nas mans da igrexa católica ou doutras confesións relixiosas a determinación do currículo.

A atención á diversidade e os principios pedagóxicos: o papel terma de todo
  • Como criticamos na orde de atención á diversidade, temos unha administración educativa que non perde ocasión en facer referencias constantes á atención á diversidade mais que nunca adquire ningún tipo de compromiso verificábel en todo o que afirma.
  • No artigo 21 non se incorpora ningún compromiso efectivo e contrastábel de dotación de recursos humanos para poder garantir agrupamentos flexíbeis, desdobramento de grupos e o profesorado de apoio necesario.
  • Entendemos que o emprego de conceptos específicos de atención á diversidade utilizados ao longo da norma non se adecúan á orde que os regula. Fálase de “flexibilización” ou “adaptacións” cun valor xenérico, sen ter en conta que na nosa normativa esta terminoloxía se refire a medidas de atención á diversidade extraordinarias con todo o que isto significa (esgotamento das ordinarias, avaliación psicopedagóxica, informe…).
  • Por outro lado ao non ser precisos nos conceptos tamén se corren certos riscos: cando no punto 5 artigo 21 se fala de alumnado con necesidades educativas especiais, no punto 6 das altas capacidades e no punto 7 do alumnado de incorporación tardía estase deixando sen mencionar determinados colectivos que a propia Consellería especificaba na orde de atención á diversidade baixo o concepto que provén da LOMLOE de “alumnado con necesidade específica de apoio educativo”.
  • Como xa vimos no currículo de Primaria que presentou a Consellería, fálase de que regulará os procedementos que permitan resolver as discrepancias que poidan xurdir coas familias á hora de escolarizar ás crianzas. Apelamos a que se publiquen estes procedementos  coa maior brevidade posible, xa que os ditames de escolarización están agora mesmo en fase de elaboració
  • Tanto no currículo da ESO coma no de Bacharelato utilizan nos artigos do expediente académico, historial académico e informe persoal por traslado os conceptosmedidas de apoio educativo”, “adaptacións”,  “medidas curriculares e organizativas aplicadas”. Non se entende esta falta de coherencia coa norma que regula as medidas de atención á   O lóxico sería que en todos os casos nos que se fai referencia a estas accións se mencionasen as “medidas de atención á diversidade”,  abandonando outro tipo de nomenclatura que pode levar a confusión e que tal e como se nos presenta fainos percibir, unha vez máis, a desidia desta administración de cara todo o relacionado co alumnado con necesidade específica de apoio educativo.
  • No currículo da Bacharelato, dentro da concreción curricular (artigo 16), entendemos que deben incluírse os criterios xerais de aplicación das medidas de atención á diversidade, igual que aclaramos para o currículo de ESO.
  • Fálase neste parágrafo de flexibilización, alternativas metodolóxicas ou adaptacións creando de novo confusión con respecto ás actuacións a levar a cabo.

Como xa dixemos na tramitación da LOMLOE, os principios sobre os que se sustenta a nova lei son moito máis abertos, integradores e adaptados ao que precisa un sistema educativo democrático e equitativo que os principios reitores da LOMCE. Tanto a linguaxe empregada como o enfoque pedagóxico é moito máis correcto, mais de que serve se despois non se poñen medios para facelos realidade?

Vexamos:

  • como se poden realizar proxectos significativos e relevantes para o alumnado coa redución de profesorado e a carga lectiva abusiva que temos?
  • como garantir plenamente a aprendizaxe con diferentes ritmos e preferencias e potenciar a aprendizaxe significativa sen os recursos humanos suficientes?
  • como poder atender como se merecen elementos transversais como os que aparecen citados cuns currículos que son xa de seu imposíbeis de abranguer coa carga lectiva asignada a cada materia?

No currículo de Bacharelato afírmase que a sociedade reclama “un sistema educativo moderno, menos ríxido, máis aberto, multilingüe e cosmopolita, que desenvolva todo o potencial e o talento do alumnado”. O que non se di é a que a sociedade tamén exixe un un sistema educativo realmente inclusivo, para o que se precisa máis persoal para atender a diversidade e que non dependa da limitación de profesorado; máis aberto no sentido de que todo o alumnado dispoña das mesmas oportunidades, algo que non pode ser pola limitación para cursar optativas nas que non hai suficiente número; acceder á unha realidade global desde a pleno coñecemento e asunción do que é a propia realidade cultural, social, lingüística e económica do noso país é a ferramenta necesaria para sermos “cosmopolitas” desde a estima de quen somos e como somos.

Máis burocracia, mais aplicacións informáticas, máis tarefas administrativas….

Xa levamos moito tempo denunciando o alto nivel de burocracia que existe no sistema educativo galego. Á sobrecarga de traballo actual de horario lectivo, unida a unha inxente carga de traballo en tarefas que non deberían ter o peso que teñen no noso horario de traballo, vai unirse a obriga de empregar a nova aplicación PROENS. Só con ver o manual de usuario pendurado na web da Consellaría nos chega para afirmar que vai incomodar o profesorado, que unirá a todas as ferramentas que xa ten a obriga de usar, unha nova.

En todo caso, aproveitamos para amosar a nosa perplexidade ao ver que o manual para o uso da nova aplicación de programación (PROENS) mantén a terminoloxía da LOMCE (estándares de aprendizaxe) cando o seu uso será só para os cursos nos que se implanta a LOMLOE e nos que os estándares desaparecen.

Exiximos que non se limite a oferta no rural

O principal problema da opcionalidade das materias a cursar polo noso alumnado, tanto na ESO como no Bacharelato, vai estar como sempre, determinada pola limitacións que impón a Consellaría, ben sexa pola escasa dotación de profesorado como polo número de alumnos e alumnas que queiran cursar unha optativa. A administración deixa para unha normativa posterior a fixación destes criterios.

A CIG-Ensino exixe da Consellaría un cambio nos requisitos de alumnado, especialmente en áreas rurais ou noutras socialmente desfavorecidas para evitar discriminacións como as que actualmente se producen, especialmente nos centros educativos do rural mais tamén nalgúns centros de zonas urbanas con escasa dotación de profesorado.

Demandamos maior oferta da modalidade xeral do Bacharelato e transparencia nos criterios

A día de hoxe non sabemos cales son os centros que van poder ofertar a nova modalidade xeral. O alumnado tivo que facer a reserva de matrícula sen saber se a ían ter  ou non. Cónstanos que hai centros que a solicitaron e se lles denegou.

Consideramos que se debe aceptar a oferta que piden os centros e que a impartición da modalidade xeral non pode ir en detrimento das demais que o centro oferte.

Non é de recibo que non exista unha publicación na web da Consellaría con toda a oferta do Bacharelato, como se fai coa FP, indicando as diferentes modalidades impartidas en cada centro. Tampouco é aceptábel que non se coñezan os criterios que levan á Consellaría a decidir onde se imparte.

Exiximos que se faga canto antes e que se actúe con transparencia.

Valoración e propostas da CIG-Ensino ao decreto de currículo da ESO
  • Preocúpanos a redución de 1 hora en Lingua Galega en 1º da ESO. A situación actual de perda de competencia lingüística e de falantes entre a xente moza, cos datos que indican que un de catro mozos e mozas de 15 anos afirman seren incapaces de se expresaren correctamente no noso idioma é unha evidencia do incumprimento da propia Lei de Normalización Lingüística. Dados os problemas derivados dos cambios na distribución das materias propostas pola Xunta, propomos como materia de libre disposición do centro “Obradoiro de Comunicación” para 1º e 2º da ESO, centrada en reforzar a competencia oral e comunicativa da lingua propia do país, especialmente naqueles ámbitos onde as carencias son maiores, segundo se recolla no proxecto lingüístico do centro. No caso de non se aceptar a nosa proposta consideramos que, partindo da realidade sociolingüística do centro e, por tanto, do que se analiza no PLC, un mínimo de 1 hora das 2 de libre disposición debe indicarse que sexa para a mellora da comunicación oral en galego.
  • Estamos en desacordo coa imposibilidade de contar con materias de libre configuración en 1º e 2º da ESO, ao limitar a Consellaría no artigo 12 que esas 2 horas sexan só para incrementar a carga lectiva das materias do curso. Existen 9 materias na actualidade que figuran no decreto da ESO e que poden ser ofertadas como libre configuración, con 1 hora lectiva. Tamén existen outras que desde os algúns centros se puxeron en marcha, con esforzo e implicación do profesorado, que deberían poder seguir sendo ofertadas. A oferta destas materias entendemos que se podería manter coa mesma carga lectiva (1 hora) e simultanear coa materia de “Obradoiro de Comunicación”, cunha combinación de dúas de libre disposición ou co reforzo dunha hora dunha materia do curso.
  • Na área científica, a perda de 1 hora en Bioloxía e Xeoloxía en 1º ESO non se acompaña cunha redución do currículo. É certo que os cambios nos contidos implican unha pequena redución mais a desproporción entre contidos e horario é importante.
  • Estamos en contra de que se eliminen algunhas optativas presentes hoxe en moitos centros, como Cultura Científica ou Ciencias aplicadas á Actividade Profesional, ambas en 4º da ESO.
  • Tamén consideramos que se debe manter en 4º como optativa a actual Artes escénicas e Danza.
  • Unha opción para poder ofertar actuais optativas vinculadas a 4º ESO, onde xa é certo que se acumulan moitas, é poder ofertar algunha delas en 3º ESO, xa que a única optativa que incorpora a Consellaría a maiores das que se recollen na normativa estatal é Oratoria. Neste caso manteríase o criterio que xa figura no artigo 10 de limitar a elección de optativas en 4º ESO a aquela que se cursou en 3º.
  • Sobre os PDC
    • Cremos que a materia de lingua estranxeira debe ser independente do ámbito lingüístico nos Programas de Diversificación Curricular (PDC), como é na actualidade en Galiza nos PMAR, como unámbito de linguas estranxeiras. Co cambio estabelecido no RD non pode ser un ámbito independente mais pode ser cursada sen ningún problema como unha das materias fóra do ámbito. Por outro lado o nivel B2 é o que se pide actualmente para impartir materias non lingüísticas con perfil bilingüe. Non parece o correcto manter ese nivel para impartir a propia materia de lingua estranxeira. A mesma consideración nos merecen os ámbitos en educación para persoas adultas, se ben é certo que esa distribución, coa lingua estranxeira dentro do ámbito lingüístico, si aparece así no RD, polo que será preciso, desde o noso punto de vista, regular a súa impartición por especialistas desas linguas.
    • Debe incluírse na redacción do artigo 22.1 que os PDC non só están orientados a quen recibiu medidas de atención á diversidade senón tamén a quen, como recolle o RD, a quen a incorporación ao PDC lle sexa favorábel para a obtención do título da ESO.
  • A equipa docente debe ser a responsábel na toma de decisión sobre a promoción e titulación. Iso implica poñer nas mans do profesorado o control e responsabilidade final do proceso de ensino e aprendizaxe como entendemos que se debe facer: dun xeito colexiado. Introducir criterios tan condicionantes como fai a Consellaría neste decreto é desconfiar do profesorado e pretender condicionar as súas decisións. Nin nota media de 5 nin sumas artificiosas de períodos lectivos con avaliación negativa: se a suma é superior a 10 horas non se pode promocionar. Non é un problema da cifra en si, senón do que implica: non está en condicións a equipa docente para decidir se unha alumna ou alumno debe promocionar? Se a resposta é si, abonda coa regulación contida no Real Decreto: con máis de dúas materias suspensas a promoción ou titulación son unha decisión colexiada. En todo caso todo parece froito dunha improvisación dos responsábeis da Consellaría, cando para este mesmo curso regularon que o criterio limitante sería a nota media de 5.
  • Non consideramos necesarias as notas numéricas nunha etapa educativa como a ESO e consideramos que a súa regulación é totalmente incorrecta e, en todo caso, de dubidosa obriga legal.
  • Agora xa sabemos que a única razón para que haxa cifras acompañando os resultados de avaliación é o control que a Consellaría pretende introducir nas sesións de avaliación: sen cifras nin hai notas medias de 5 nin sumas de 10 horas. Estamos, por tanto, nunha norma de dubidosa legalidade pensada non para o profesorado nin moito menos o alumnado senón para favorecer o control da propia administración. En todo caso, a relación de notas para o Insuficiente segue a parecernos especialmente grave.
  • Hai que ter en conta, ademais, que o valor numérico non ten incidencia de cara a bolsas de estudos ou acceso a etapas superiores, o cal o fai máis innecesarias.
  • O máis contraditorio da decisión da Consellaría é que, coa súa decisión, os criterios de promoción pasan a ser máis estritos que os de titulación: un auténtico disparate.
  • Trasladamos á administración unha cuestión: se as notas numéricas teñen só carácter informativo como poden fixar nesas cifras decisións sobre a promoción e a titulación?
  • A Consellaría presenta as notas numéricas como de “carácter informativo”, porque de non facelo así sería unha medida ilegal. As cifras non teñen, por tanto, validez legal e a “construción” que se fai de criterios de promoción e titulación vinculados a unha cifras e medias “de carácter informativo” parécenos unha burla e unha inseguridade para o profesorado, que pode sustentar unha xustificación das súas decisións sobre promoción ou titulación sen plena garantía xurídica.
  • A atribución docente das materias optativas (Disposición Adicional 5ª). 
    • A materia de Educación Dixital debe ser atribuída ao profesorado de Informática, Tecnoloxía e Matemáticas con carácter preferente. Só no caso de ausencia de dispoñibilidade horaria de docentes destas especialidades sería cando se acudiría a docentes con acreditación B2 de competencia dixital, algo que por outro lado, está sen desenvolver. É dicir, xusto ao contrario do que dispón a Consellaría.
    • Non aparece a atribución docente das materias optativas de nova creación ou con cambio na denominación como Dixitalización, Formación e Orientación Persoal e Profesional, Expresión Artística ou Economía e Emprendemento.
  • A atribución docente de novas materias comúns ou con cambios de denominación. Non figura a atribución docente de Educación en Valores Cívicos e Éticos (3º) ou Tecnoloxía e Dixitalización (1º e 2º).
  • Non temos ningún problema co emprego do termo “contidos” no canto de “saberes básicos”, que é o que figura no RD, mais chama a atención que o seguidismo autómata coa terminoloxía da normativa estatal só se aplica cando goberna en Madrid o PP, como aconteceu cos “estándares de aprendizaxe”.
  • Ampliación de calendario e horarios. Estamos en desacordo coa posibilidade de que os centros poidan ampliar o calendario escolar ou o horario lectivo de materias ou ámbitos. O artigo 14 é claramente unha porta aberta ao ensino concertado para que faga o que lle pete: da propia redacción xa se infire que se destina a empresas privadas. A Consellaría debe facer cumprir as normas, non permitir que sexa máis laxas.
  • Programacións didácticas: a Consellaría insiste no seu esquematismo e visión curta cando indica que as programacións debe incluír unidades didácticas. Porque negarse a que se poidan incorporar proxectos ou usar outros recursos?
  • Avaliación.
    • Botamos de menos unha mención expresa ás avaliacións colexiadas ao longo do curso, tal e como figura no decreto actual, co mesmo nivel de concreción que no artigo 24.6 se fai para a sesión final do curso. Só hai unha referencia vaga a “seguimento realizado ao longo do curso”.
    • Hai unha certa incoherencia entre afirmar que se promoverá o uso xeneralizado de “instrumentos de avaliación variados” cando a Consellaría reforza o período de recuperación extraordinaria entre a avaliación previa á final e a final.
  • As tarefas de coordinación e supervisión de medidas recollidas nos currículos non poden descansar no voluntarismo e o sobreesforzo do profesorado. Vímolo denunciando para aspectos como os plans de igualdade, a coordinación de coeducación ou o traballo nas bibliotecas escolares. No currículo da ESO fálase da promoción de estilos de vida saudábel, asumindo o profesorado coa cualificación adecuada unhas funcións para as que non se garante dispoñibilidade horaria e que desde a CIG-Ensino demandamos.

Existen propostas concretas aos currículos das materias que presentaremos como emendas ao anteproxecto para o seu debate o próximo día 31 de maio no pleno do Consello Escolar de Galiza. 

Valoración e propostas da CIG-Ensino ao decreto de currículo do Bacharelato

A Consellaría rectifica e inclúe a denominación de Xeografía, Historia, Arte e Patrimonio de Galiza.Logo das críticas da CIG-Ensino, de docentes da Xeografía e Historia, así como do propio ámbito universitario, a Consellaría confirma a rectificación no nome da materia optativa de 2ª de Bacharelato.

Desde a CIG-Ensino seguimos a lamentar que a materia non sexa obrigatoria para todo o alumnado nalgún dos cursos do Bacharelato. Non hai máis que contemplar o currículo da ESO para chegarmos á conclusión de que as historia de Galiza ten un claro papel subordinado e só atopa protagonismo por si mesma cando se fala da cultura castrexa e do reino suevo ou da Compostela medieval.

A oferta das ensinanzas musicais debe reforzarse.

A Consellaría rectificou a proposta inicial, na que se impedía que se puidese elixir como optativas materias doutras opcións non cursadas non sendo no Bacharelato Xeral. Así, na teoría, poderanse ofertar materias das dúas vías da modalidade de Artes que na pretensión inicial da Consellaría quedaban totalmente relegadas. Con todo, a oferta das materias optativas vinculadas aos estudos musicais vaise ver fortemente condicionada pola dotación de profesorado e polo reducido número de centros que imparten a modalidade de Artes.

Por iso desde a CIG-Ensino facémonos eco da proposta de que se oferte, dentro das materias optativas autonómicas: unha vinculada á práctica instrumental e/ou vocal en 1º  (Proxectos musicais) e outra relacionada coa práctica colectiva e as técnicas propias das músicas actuais, a creación e a composición en 2º (Experimentación, creación e interpretación musical).

Demandamos que se manteña a oferta actual de materias optativas.

Apreciamos como positiva a rectificación da Consellaría sobre a presentación inicial das materias de Bacharelato, na que se limitaba o número de materias optativas autonómicas, impedindo que se puidesen ofertar as optativas doutras opcións.

Cremos que a administración educativa non pode parar aí e ten que manter a oferta actual, se fai falta coa adaptación curricular necesaria, xa que partimos de materias que teñen agora unha carga lectiva de 2 ou 3 horas e agora todas pasan a 4. Falamos de Coeducación para o século XXI, Literaturas Hispánicas ou Robótica en 1º e Ciencias da Terra e o Medio Ambiente, Fundamentos da Administración e Xestión, Imaxe e Son ou Electrotecnia en 2º.

Non aparece a atribución das novas materias ás diferentes especialidades, como si se fai no Decreto da ESO. Demandamos que se faga pública a proposta da administración canto antes.

Reforzo da titoría

O Bacharelato, a diferenza da ESO, non conta dentro do horario lectivo do alumnado cunha hora de titoría e, aínda que a realidade actual do alumnado leva a concluír que esa hora podería ser moi importante en moitos casos, a distribución horaria das materias dificulta esta posibilidade. De aí que cobre unha maior importancia a necesidade de incorporar no horario do profesorado titor unha redución horaria para dar resposta á importancia que a función titorial ten en toda a educación secundaria, tanto obrigatoria como postobrigatoria.

A FP básica, con medidas transitorias

A Consellaría regula, con carácter transitorio, que os currículos serán os mesmos que na actualidade (decreto 197/2014 e 71/2017) non sendo os ámbitos de Comunicación e Sociedade e Ciencias Aplicadas, para os que non achega os anexos.

Mentres o MEFP non estabeleza a ordenación académica completa dos novos ciclos, a carga horaria dos diferentes ámbitos será a mesma que na actualidade, así como as condicións que debe reunir o profesorado para impartilos.

Sobre as respostas da Consellaría ás propostas da CIG-Ensino

Das diferentes intervencións da representación da Consellaría (secretario xeral de Educación e xefe de servizo de Ordenación Educativa) non pode sorprender que defenderan o que presentan nestes anteproxectos. O que si é sorprendente é que usen argumentos contraditorios en función dos intereses políticos da administración: cando lles interesa din que reproducen a normativa estatal (lei orgánica ou reais decretos) e cando non a comparten non teñen maior problema en ir nun sentido contrario.

  • Sobre todo o relacionado cos obxectivos e cuestións presentes nos actuais decretos: afirman que estamos nunha fase de negociación e achegas, que se completa co debate no Consello Escolar de Galiza (que será o 9 de xuño no caso da ESO e o 21 no de Bacharelato) e que revisarán as nosas propostas.
  • Sobre a atención á diversidade: comentan que non é intención que exista contradición co que se publique agora co que se recolleu na orde e que é esta a que hai que ter en conta, polo que revisarán as nosas achegas para ver que non haxa discrepancias.
  • Sobre a atribución docente de materias optativas: comentan que publicarán unha orde para regular o que non se inclúa no decreto, mais só das que son determinadas pola administración galega. Das que dependen do Ministerio están pendentes de que se propoña unha modificación do real decreto de especialidades para recoller as novidades.
  • Avaliacións: van quedar claro nunha orde que se manteñen as avaliacións trimestrais, co mesmo carácter colexiado que na actualidade.
  • Oferta de materias optativas: evidénciase improvisación en todo o relacionado coas optativas; primeiro dan marcha atrás na limitación inicial no Bacharelato, permitindo que se poidan ofertar todas as das outras modalidades, e agora chegan a afirmar que as actuais que non se ofertan en 2º poderían ser revisadas pensando na implantación dos novos currículos no curso 2023/24. Para a CIG-Ensino non ten sentido que se xogue co profesorado e co alumando deste xeito e que, aínda que 2º se manteña no curso 2022/23 co currículo actual, a adaptación de materias actuais ao novo marco (pasar de 2 ou 3 horas a 4) exixe un traballo e unha decisión política que dubidamos vaian tomar.
  • Oferta de materias de libre disposición: non van dar marcha atrás na decisión de impedir que se poidan seguir impartindo en 1º e 2º da ESO, nin coa carga de 1 hora nin con carga de 2 horas.
  • A pesar de que desde a CIG-Ensino insistimos en que se deben manter as actuais optativas ou materias de libre disposicións, cos cambios necesarios, as decisións que se tomen á hora de eliminar optativas deben estar fundamentadas na valoración da experiencia destes anos.
  • Sobre as cualificacións “numéricas”: recoñecen que se indica que teñen un carácter “informativo” mais consideran que non incumpren a lei. Sobre a inseguridade da que alertamos de cara a posíbeis reclamacións por decisións de non promoción non din nada.
  • No caso de lingua estranxeira nos PDC din que cren que é mellor a súa inclusión no ámbito lingüístico para evitar que o alumnado teña que cursar esa materia co grupo ordinario. A CIG-Ensino non considera razoábel esa resposta xa que hai mecanismo (como na actualidade) para que a lingua estranxeira se imparta separada do grupo ordinario e que, de se manter a proposta da Consellaría, se podería provocar un problema na adxudicación de destinos provisionais, xa que a día de hoxe os ámbitos non se consideran como afíns e incorporar a lingua estranxeira só pode levar a que se imparta por docentes especialista nesa lingua ou que haxa que pedila con perfil bilingüe ou como afín, co que estamos en desacordo.
  • Ao respecto da nova aplicación para programacións didácticas (PROENS) afirman que foi un erro da Consellaría ter colgado o manual, xa retirado da web, xa que se correspondía cos currículos en vigor. Din estar traballando no deseño da formación para a nova aplicación, que vai partir da PROENS, adaptado ao marco da LOMLOE.
  • Ao respecto da acreditación dixital do profesorado, están pendentes dunha reunión co Ministerio para consensuar os criterios de acreditacións e o seu recoñecemento e que, posteriormente, publicarán unha orde para solicitar esa acreditación.
  • Sobre o Bacharelato Xeral quedou claro que a Consellaría non está de acordo con esta modalidade e que “haberá que agardar para ver se ten sentido”. Din que a ofertarán uns 36 centros mais non deron información sobre cales foron os criterios para decidir porque nuns centros se vai impartir e noutros non.
  • Sobre a transparencia na oferta formativa dos centros, indicaron que van facer unha publicación na que figure toda a oferta, incluídas as modalidades de Bacharelato. 

Ligazón ao CIG-Informa con toda a información sobre a negociación dos currículosl

Ligazón a toda a información da mesa sectorial do 25 de maio de 2022

Volver