
Os efectos do "pacto de perdas” para o profesorado galego disparan a perda de poder adquisitivo
Ás portas do cobro do incremento salarial do 1,5% nunha única paga, a CIG-Ensino pon o acento na maior depreciación dos nosos salarios nun ano marcado por unha brutal alza dos prezos
O goberno galego vén de aprobar o pagamento na nómina de novembro dos atrasos correspondentes ao incremento salarial pactado en Madrid para o ano 2022. O profesorado galego, como o resto do persoal ao servizo das administracións públicas, cobrará nun único pago unha contía equivalente ao 1,5% sobre as retribucións do ano 2021. Esta porcentaxe súmase á suba do 2% aplicada unilateralmente, sen acordo sindical algún, que o Goberno español aplicou desde xaneiro de 2022. Finalmente, a suba final das nosas retribucións para este ano será un 3,5%.
A primeira cuestión que chama poderosamente a atención é que os mesmos sindicatos que asinaron este 1’5% de suba criticaban con forza o 2% hai xusto un ano. Naquel momento o IPC estaba no 4%; é dicir, sumaban a súa crítica á da CIG por un desfase do 2% entre a suba salarial e o IPC. No momento no que asinaron esta nova entrega, en setembro, o IPC estaba no 9%. Isto é, asumiron naquel momento unha perda de poder adquisitivo do 5,5%.
A escasa mellora dos prezos nestes dous meses sitúa o IPC galego no 7,8% no mes de outubro e algo por debaixo a nivel estatal. Nestes momentos, o profesorado galego xa sabe algo: temos un desfase do 4% entre a suba salarial pactada e a que daría resposta, cando menos, á equiparar o salario coa suba do prezo da vida.
As perdas de poder adquisitivo causan máis impacto se pasamos das porcentaxes aos euros reais. Así, como se pode extraer dos cálculos realizados pola CIG-Ensino podemos saber que unha mestra de Infantil ou Primaria que só leve traballando este ano vai deixar de percibir 1.264,33€ nesta nómina de novembro: esta cifra é a diferenza entre o que se percibirá polo “pacto de perdas” e o que tería que percibir se a suba se vinculase, como propoñía a CIG, ao IPC: un 7,5% e cunha contía para este mesmo exemplo de 1.738,46%.
Se ollamos para un caso como o dunha docente de secundaria con 30 anos de experiencia o diferencial é moito maior. Cunha suba que non nos fixese perder poder adquisitivo (lembremos, non falamos de gañar máis do que sobe a vida, só de poñernos ao mesmo nivel) debería percibir 2.634,30€ en vez dos 718,45€ que vai percibir. Unha diferenza que se sitúa en 1.915,86€ e que amosa claramente como o persoal do sector público perde ao respecto do que aumentan os prezos dos alimentos, a luz, os carburantes ou as hipotecas. Esa depreciación dos nosos salarios dáse neste ano, e iso é o pero de todo, coa complicidade vergoñenta de UGT e CCOO.
Por iso hai preguntas que son necesarias:
- Por que esa diferenza tan enorme no comportamento destes dous sindicatos do ano pasado a este?
- Por que afirman que era necesario un pacto sindical (manchar as mans desde o noso punto de vista) para esta suba cando hai un ano a suba foi superior e sen pacto?
- Por que consideraban fundamental que as pensións se vinculasen ao IPC ( a suba para o ano que vén será do 8,5%) e non lles parece igual de necesario que suban os salarios?
Hai unha serie de condicionantes que poden arroxar algo de luz sobre esas preguntas:
- O goberno español leva meses insistindo sobre a necesidade de pactar cos dous sindicatos e a patronal un “pacto de rendas” que implique unha contención salarial. Non queren escoitar falar de subir salarios como se está a facer noutros estados europeos.
- As decisións sobre os salarios dos e das empregadas públicas (con ou sen acordos) sempre condicionan as negociacións entre UGT, CCOO e a CEOE.
- Entre este mes e todo o ano 2023 hai eleccións sindicais en todas as administracións públicas. O 1 de decembro vota a inmensa maioría do profesorado de todo o estado; tamén o galego.
Que cadaquén tire as súas propias conclusións. Mentres, seguen a impedir que o que gañamos polo noso traballo nos permita xa non mellorar ou recuperar o que nos roubaron desde 2010, senón mantérmonos nas mesmas condicións que estabamos.