Os efectos do decreto de plurilingüismo: aumenta o alumnado que non sabe falar galego
O pasado venres 27 de setembro o Instituto Galego de Estatística (IGE) presentou o seu informe sobre o uso do galego.
Constátase pola vía das cifras o que todas e todos nós coñecemos: que o galego, a lingua propia de Galiza, está a perder falantes constantemente o cal é máis acusado no ámbito urbano.
No ensino as cifras son moi preocupantes. Desde que se promulgou o Decreto de Plurilingüismo no 2010 asistimos a un descenso continuado no emprego da nosa lingua no ámbito educativo tanto por parte do profesorado, que está impedido, legalmente, para dar moitas materias en galego, como por parte do alumnado. Indica o IGE que no tramo de idade que vai dos 5 aos 15 anos, o 30,04% recoñecen non saber escribir galego, o 18,32% non saber lelo e o 23,9 % non saber falalo, o que supón un incremento do 8,42%, do 4,06%, e do 7,6% (respectivamente) sobre os datos recollidos no 2008, ano da última enquisa anterior á entrada en vigor do decreto contra o galego. Xa daquela a CIG-Ensino encabezara as mobilizacións en contra da súa aplicación e, desgraciadamente, os datos veñen darnos a razón posto que o feito de que 1 de cada 4 estudantes galegos non sexa capaz de se expresar na súa propia lingua é unha evidencia de que non se están a cumprir nin os requisitos mínimos do deostado Decreto e moito menos a Lei de Normalización Lingüística.
O único éxito verificábel é o da política desgaleguizadora do PP, que conseguiu que nas aulas galegas estea mesmo prohibido impartir determinadas materias na nosa lingua (caso das matemáticas, a física e química ou a tecnoloxía), o que contribúe, tamén, ao desprestixio social do emprego do galego. E se a isto unimos os datos das miserentas axudas que receben os Equipos de Dinamización Lingüística, atopámonos con que na práctica é o empeño e a conciencia dun profesorado comprometido coa defensa da nosa lingua o que permite que se manteña un mínimo de presenza do galego nos centros educativos.
Especialmente preocupante, desde o punto de vista do futuro do noso idioma, é a irrelevante presenza do noso idioma nas aulas de Infantil en ámbitos urbanos. Sabemos que non é a escola o único elemento de desgaleguización da nosa sociedade. Informes recentes dados a coñecer pola Mesa pola Normalización Lingüística poñen o acento na inviabilidade de vivirmos con normalidade no noso idioma, desde a escasa presenza nos medios de comunicación á administración de xustiza. Mais como docentes, o que máis nos ocupa e preocupa é a desfeita programada polo PP desde a entrada en vigor do Decreto de Plurilingüísmo. Hoxe, case dez anos despois, aumentou dun xeito moi alarmante o alumando que, despois de pasar doce anos polo ensino obrigatorio, sae das aulas sen saber falar no noso idioma.
Desde a CIG-Ensino, por tanto, reclamamos un cambio de rumbo urxente da Administración tanto na súa ineficaz política lingüística como tamén, e sobre todo, na educativa, garantindo que a lingua galega sexa a vehicular no ensino obrigatorio porque aínda estamos a tempo de reverter unha situación claramente alarmante.