Os comités de empresa do Consorcio chaman a participar na Folga Xeral

Animan a sumarse tamén nas mobilizacións convocadas

Os comités de empresa do Consorcio asinaron unha resolución onde amosan expresamente o seu apoio á convocatoria de folga xeral para o 14 de novembro e onde animan á participación tanto na antedita xornada como nas mobilizacións convocadas.

RESOLUCIÓN DO COMITÉ DE EMPRESA DO CONSORCIO GALEGO DE APOIO Á FOLGA XERAL DO 14 DE NOVEMBRO

O vindeiro 14 de novembro está convocada unha folga xeral por varias organizacións sindicais. A folga, de ámbito europeo, quere denunciar a política de recortes que sufrimos as traballadoras e os traballadores galegos, políticas que veñen decididas desde o BCE e a Comisión Europea e o PP, na medida en que coinciden cos seus presupostos ideolóxicos, está a levar adiante con toda dureza.

É máis necesario que nunca continuar coa dinámica mobilizadora e dar unha resposta contundente coa convocatoria da folga xeral o 14 de novembro para forzar aos gobernos a facer políticas distintas, que garantan que imos saír da crise favorecendo intereses da clase traballadora.

A cidadanía galega non deu un apoio maioritario ao PP na Xunta de Galiza. Tan só un 25 % da poboación apoiou o seu proxecto político. Cómpre lembrarlle ao PP que perdeu apoio e o seguirá perdendo, e que estas non son as políticas axeitadas para saír da crise.

As políticas seguidas até agora deron lugar en Galiza ao incremento do número de persoas desempregadas acadando os maiores índices de desemprego da nosa historia, preto de 300.000 persoas desempregadas, ao que hai que lle sumar os miles de mozos e mozas que deben seguir o camiño da emigración ao non atopar un emprego digno no noso país.

Os servizos públicos son dos sectores máis afectados pola política de recortes. As traballadoras e os traballadores do Consorcio de Igualdade e Benestar veñen sufrindo os seguintes recortes:

  • EREs (despedimentos) no sector público.

  • redución de unidades e centros, provocando a redución do número de postos de

    traballo e o desprazamento forzoso das traballadoras afectadas,

  • política de privatización que derivou na apertura de cinco escolas mediante xestión privada,

  • recortes salariais e supresión da paga extra de decembro de 2012, por conseguinte, redución do poder adquisitivo das traballadoras e traballadores,

  • penalización das baixas médicas por enfermidade,

  • non cobertura das baixas do persoal.

E todo isto mentres o Consorcio se negou a aplicar o convenio xa asinado e se nega a negociar a inclusión das traballadoras e traballadores no Convenio único da Xunta.

Nestes días presentouse o proxecto de orzamentos para 2013 que confirma a política de recortes pois volve recoller unha taxa de reposición do 10% e unha nova conxelación salarial para as e os empregados públicos.

Por todos estes motivos é necesario continuar na mobilización e trasladarlle ao goberno a nosa oposición contundente contra as políticas de recortes. Conscientes desta necesidade, o Comité de empresa do Consorcio de Igualdade e Benestar fai público o seu apoio á folga xeral de 14 de novembro e fai un chamamento ás traballadoras e traballadores a que apoien masivamente esta folga.

Volver