Os Centros Integrados de Formación Profesional non contan neste momento con órganos de participación
Centros Integrados de FP
Os Centros Integrados de Formación Profesional non contan neste momento con órganos de participación
Ante a convocatoria de eleccións para a renovación parcial dos representantes dos distintos sectores da comunidade educativa nos consellos escolares dos centros, é especialmente grave a situación que se está a producir nos Centros Integrados de FP nos que este proceso non vai ter lugar sen que se contemple tampouco a prórroga do mandato dos actuais membros.
A normativa vixente (RD 155872995 e o Decreto 266/2007, publicado no DOG do 28 de xaneiro de 2008) estabelece a existencia do Consello Social como novo órgano colexiado de participación nos Centros Integrados de Formación Profesional da Galiza, órgano totalmente inaxeitado e inaceptábel para a CIG-Ensino. Como consecuencia, nestes centros non se contempla a renovación dos seus consellos escolares, mesmo nalgúns Centros Integrados xa foron disoltos por non estaren contemplados nos Decretos antes citados. A falta de desenvolvemento desta normativa provoca que tampouco se podan constituír os consellos sociais dos Centros Integrados ao non estar elaborada e publicada a lexislación referida á elección e designación dos seus membros.
A CIG-ENSINO entende que, mentres non se regule a constitución dos consellos socias nos Centros Integrados de FP, debe considerarse que teñen que seguir actuando os consellos escolares porque o contrario significaría furtar a participación da comunidade educativa na toma de decisións importantes neses centros nos que, ademais, hai unha eiva importante na xestión democrática ao ser a dirección nomeada polo procedemento de libre designación.
Con este obxectivo, a CIG-ENSINO demanda que a Consellería de Educación dite instrucións claras para prorrogar o mandato dos consellos escolares dos Centros Integrados de FP mentres non se constitúan os consellos sociais dos mesmos.