Os cambios no baremo do Concurso de Traslados xa son oficiais

Tras a publicación no BOE da modificación do Real Decreto, a convocatoria do CXT do próximo curso xa terá que aplicar os cambios

A publicación no BOE do Real Decreto 677/2024, polo que se modifica o Real Decreto 1364/2010 no que se regula o concurso xeral de traslados non achega ningunha sorpresa ao debatido na Mesa Docente estatal.

Os cambios, no que afecta ao profesorado galego, só afectan ao baremo. Aínda que hai outros cambios de relevancia, como é o caso da unificación de criterios en todos os corpos para a supresión ou desprazamento (primando a antigüidade no centro e non no corpo), esta xa se aplica no noso país desde 2006. Foi precisamente a experiencia e os bos resultados desta medida, defendida polo sindicato no seu momento, a que levou a que a CIG-Ensino formulase esta proposta a nivel do estado (sendo de carácter non básico e que as diferentes administracións autonómicas poden aceptar ou mudar). Malia a reticencias iniciais do Ministerio, acabou por asumila e será vinculante para aquelas CC.AA. que non regulen outra norma diferente. Tamén hai novidades que en Galiza están consolidadas, como é o caso da puntuación dos centros de especial dificultade.

No CXT que deberá convocar a Consellaría no próximo outono xa se terán que aplicar os cambios, polo que é importante que todo o profesorado tome boa conta das novidades.

Son as seguintes:

Antigüidade

⚠️ Antigüidade no centro con destino definitivo

1º e 2º ano: aumenta de 2 a 4 puntos
3º ano: aumenta de 3 a 6 puntos
4º ano e seguintes: aumenta de 6 a 8 puntos

Por cada ano con destino provisional: aumenta de 2 a 4 puntos

Por traballar en centros de especial dificultade: aumenta de 2 a 4 puntos

Non hai cambios na antigüidade no corpo:
2 puntos no propio corpo
1,5 noutro corpo do mesmo subgrupo ou superior
0,75 noutro corpo dun subgrupo inferior

Méritos académicos

Doutoramento e posgraos

⚠️ Deixa de limitarse a puntuación a un único título de doutoramento ou máster universitario. Cada título de doutoramento pasa de 5 a 6 puntos.

O resto das puntuacións mantense igual:
Máster: 3 puntos (como novidade, por cada un diferente ao que alegue, de ser o caso, para o ingreso)
DEA ou suficiencia investigadora: 2 puntos
Premio especial: 1 punto

Outras titulacións universitarias

Mantense a mesma puntuación:
Grao: 5 puntos
Titulación de 1º ciclo: 3 puntos
Titulación de 2º ciclo: 3 puntos

⚠️ Como novidade incorpórase que se puntúa con 2,5 puntos o Grao que non se cursou integramente ao se acceder a través doutra titulación.

Titulacións de réxime especial e FP

Mantense a mesma puntuación para os niveis C2 (4 puntos), C1 (3 puntos), B2 (2 puntos) e B1 (1 punto) de EOI.

Mantense a mesma puntuación (2 puntos) para os títulos superiores de FP, artes plásticas e deseño ou deportivo.

⚠️ Aumenta de 1,5 a 2 puntos a puntuación de títulos profesionais de música e danza

Cargos docentes

⚠️ Aumenta o total da puntuación de 20 a 30 puntos.

Dirección: aumenta de 4 a 4,5 puntos por ano.
Vicedirección, xefatura ou secretaría: aumenta de 2,5 a 3 puntos por ano.
Coordinación docente e función titorial: aumenta de 1 a 1,5 puntos por ano. Aumenta o tope neste apartado de 5 a 10 puntos.

Formación

⚠️ Aumenta o tope de 10 a 15 puntos.

Formación superada: aumenta de 6 a 9 puntos.
Formación impartida: non se fixa a puntuación. polo que dependerá da orde de convocatoria.

CDD. A certificación da acreditación dixital terá até 3 puntos.

Mantense 1 punto por cada nova especialidade adquirida por oposición.

Incorporase a puntuación pola certificación de idiomas estranxeiros, coa mesma puntuación que se dá no apartado de titulacións de EOI: C2 (4 puntos), C1 (3 puntos), B2 (2 puntos) e B1 (1 punto). Neste caso só se puntúa o nivel superior, sendo incompatíbel coa que se alegue por EOI. É dicir, só se puntúa nun apartado e só o nivel superior.

Outros méritos

Texto

Mantense o  tope de 15 puntos e a relación de méritos que poden ser tidos en conta, que se concretan posteriormente en cada convocatoria.

⚠️ Inclúese a puntuación por titorizar a fase de prácticas do concurso oposición desde o curso 2023/24.

Criterios de desempate

Indícase que hai adaptar a 10 puntos a puntuación obtida no baremo dun proceso selectivo que teña outro tope de puntuación (como no concurso de méritos). Isto xa se aplicou no último concurso en Galiza.

Toda a información sobre a negociación deste Real Decreto e da  posición da CIG-Ensino nestas ligazóns:

Primeira reunión da Mesa Docente: https://www.cig-ensino.gal/nova/convocada-mesa-sectorial-do-estado-para-a-negociacion-da-modificacion-do-rd-do-cxt.html

Segunda reunión da Mesa Docente: https://www.cig-ensino.gal/nova/convocada-nova-mesa-docente-estatal-para-modificar-o-real-decreto-de-concurso-de-traslados.html

Terceira reunión da Mesa Docente: https://www.cig-ensino.gal/nova/pechase-a-negociacion-dos-cambios-no-real-decreto-do-concurso-de-traslados-sen-cambios-relevantes-ao-respecto-do-ultimo-borrador.html

4º borrador (e último previo á publicación no BOE) remitido polo Ministerio: https://www.cig-ensino.gal/nova/ultimas-novidades-no-real-decreto-do-concurso-xeral-de-traslados.html

Volver