Os acordos salariais deste ano déixannos máis de medio punto por baixo do IPC

Os acordos retributivos dos sindicatos estatais co anterior goberno do PP en Madrid situarán a suba nun 1,62% de media en todo 2018, cando o IPC xa está no 2,2% a finais de setembro.

Por outra banda, hoxe publícase no DOG o acordo ratificado coa Xunta no que se materializa a propina preelectoral para os dous sindicatos asinantes de 15 euros ao mes no que resta de ano.

Na nómina que acabamos de recibir este mes consumouse a suba dun 0,25% con respecto ao incremento do 1,5% que recibimos de xaneiro a xuño, o que situará o incremento medio a finais deste ano só no 1,62%. Este acordo asinado polos sindicatos do Estado co anterior goberno Rajoy déixannos moi por baixo do IPC, que a finais deste mes de setembro xa está situado na cifra interanual no 2,2%. Constátase así o que desde a CIG-Ensino denunciamos na Mesa Xeral de Negociación das Administracións Públicas, que era un pésimo precedente desvincular os salarios do funcionariado público do IPC. 

Hai que ter en conta, ademais, que a suba deste ano, así como as que se pactaron para os próximos anos, foron vendidos polo goberno do PP e polos sindicatos asinantes como os da recuperación do que nos foi “arrebatado” nos últimos anos. Pois ben, mal imos cando a suba salarial non dá nin sequera para cubrir a carestía da visa do presente ano.  

Desde 2010 levamos perdido un 14% de poder adquisitivo

Nestes tres meses de vixencia do acordo non saímos das cifras negativas e á perda de poder adquisitivo que vimos sufrindo desde 2010, cos sucesivos recortes salariais, engádese agora esta que, nestes intres xa supera o medio punto, e que nos deixa neste período cun 14% menos de poder adquisitivo. 

Ademais, este acordo vai quedar á marxe dos movementos que parece que se están realizando a nivel estatal, en concreto no marco do Pacto de Toledo, para volver vincular o cálculo da suba das pensións ao IPC. Esta mesma petición é a que lle trasladamos no seu momento ao ministro de Facenda, que a rexeitou coa complicidade de CCOO, UGT e CSIF, e que lle faremos chegar agora á nova ministra do ramo. En concreto, manteremos a nosa solicitude de que calquera posíbel acordo ten que incluír unha cláusula de revisión salarial que impida que os nosos soldos queden por debaixo do IPC, ademais de que é necesario revisar o acordo asinado e conseguir unha auténtica recuperación salarial despois de 9 anos de sangría nas nosas nóminas e volveremos incidir no noso rexeitamento ao tope do 0,3% que establece o Estado como límite para que as comunidades melloren este raquítico acordo estatal.

A fraude do acordo galego convértese en propina preelectoral

Por outra banda, o DOG publica hoxe por primeira vez un acordo salarial, o asinado pola porta de atrás en pleno verán e sen que fora convocada ningunha Mesa Sectorial pola Xunta con CCOO e UGT, despois dunha negociación fraudulenta na que todo estaba cociñado de antemán. Trátase, como denunciamos nas sucesivas mesas que foron un mero paripé, do peor pacto dos últimos anos, moi lonxe dos 150 € acadados en 2006 e incluso dos 100 € do 2003. Pois ben, con esta rúbrica os sindicatos habituais déronlle carta branca á Xunta para aplicar un acordo que este ano só suporá 15 euros brutos máis ao mes nas nóminas de outubro a decembro, o que se pode cualificar como unha propina preelectoral para os dous de sempre. Teremos que agardar até xaneiro de 2021, coa incerteza dunhas eleccións polo medio, para ver materializados os 90 euros brutos de suba mensuais que foron rubricados coa intención de homologar as retribucións do profesorado galego co do resto do Estado, que como demostramos na Mesa Sectorial non se produce de ningún xeito.

Ademais, cómpre lembrar que a letra pequena do acordo é máis que preocupante, xa que até 2021 queda blindada calquera posíbel negociación que supoña unha mellora das nosas retribucións. Así mesmo, danse por bos os criterios empregados nesta pseudonegociación, e que son cando menos tramposos, porque non se tiña en conta o salario real que cobra desde o primeiro día de traballo o persoal docente en todas as comunidades autónomas para establecer o “famoso ranking” estatal que tanto lles preocupaba a Xunta e sindicatos entregados.  

Á marxe de hipotecar calquera mellora salarial até 2021 tamén se pechou a posibilidade de recuperar a paga extra detraída entre 2013 e 2016 e de eliminar os descontos por enfermar, tal e como pedía a CIG-Ensino.

 E, por último, á marxe desta hipoteca na que sitúan o profesorado galego até 2021 e de que todos os aliados da Consellaría na Mesa Sectorial se negaran a introducir o debate da devolución dos recortes detraídos das pagas extras en 2013-2016, que rolda os 6.300 € de media, nin a eliminación dos descontos por enfermar, cómpre destacar as formas empregadas na sinatura do acordo. Após a Xunta suspender as negociacións, en pleno verán, sen que se convocara a Mesa Sectorial e desprezando a representación maioritaria que ostenta a CIG-Ensino neste órgano, producíase a sinatura deste pacto que aínda por riba lle vai permitir á administración aforrar 60 € este ano con respecto ao límite do 0,3% da masa salarial que antes mencionamos que establece o Estado como tope para negociar subas de soldo nas comunidades. O uso destes fondos, que se derivan do acordo estatal, foi intencionadamente ocultado durante toda a negociación até o final e ningún outro sindicato se escandalizou porque a Xunta case non teña previsto destinar fondos propios á falsa homologación salarial.

Recuperación das nosas condicións de traballo

Porén, o profesorado galego non ve nin de lonxe recuperado o poder adquisitivo perdido con estas migallas de Madrid e da Xunta e a comezos deste curso volveu atoparse cos mesmos problemas que nos últimos anos, de falta de persoal, con 400 interinos/as menos con contrato que o curso pasado, aulas masificadas, 1.200 profesores e profesoras impartindo afíns e xornadas lectivas sobrecargadas de horas de docencia que impiden desenvolver correctamente o noso traballo. Ningunha destas cuestións estiveron enriba da mesa de negociación, non por insistencia da CIG-Ensino, que lles propuxo unha fronte común ao resto de OOSS para reivindicar a recuperación das nosas condicións de traballo, pero ante a que tanto sindicatos como administración se pecharon en banda desde o comezo destas negociacións. Desde a central sindical seguiremos insistindo nas futuras convocatorias da Mesa Sectorial nestas demandas, así como na devolución de todo o que nos roubaron neste tempo e nun acordo retributivo digno que compense o esforzo realizado durante estes anos de dura crise económica polo colectivo docente galego.

CIG Informa sobre os acordos salariais de 2018

Documento


Volver