Orzamentos 2022: 868 docentes menos no ensino público mentres medran os cartos para o concertado
Os orzamentos da Consellaría manteñen o devalo ao respecto das contas da Xunta
Mírense por onde se miren, os orzamentos presentados polo departamento de Román Rodríguez amosan unha realidade que xa é unha constante ao longo dos diferentes gobernos de Feijóo, con independencia de que estiver á fronte da política educativa: perda de relevancia das contas de Educación ao respecto das xerais do goberno galego, estancamento ou redución -como neste exercicio- do profesorado do ensino público, despreocupación pola lingua galega e maior transferencia de recursos ao ensino concertado.
Así se conclúe do informe que a CIG-Ensino realiza anualmente das contas do departamento de Educación (sen contar cos datos de Cultura, que se apartan de todos os datos comparados para evitar datos erróneos). O sindicato maioritario no ensino público censura, deste xeito, un novo paso no camiño trazado polo Partido Popular para desangrar os servizos públicos en detrimento das subvencións que cos cartos de todas e todos os galegos se seguen a ingresar nas contas das empresas do ensino concertado, entre as que se atopan as que segregan por sexo e aquelas que atenden etapas educativas non obrigatorias.
Menos docentes no ensino público: a liña continua de Feijóo
O continuísmo da política de restricións cara a educación pública levará no ano 2022 a un total de docentes inferior que existía no país cando Feijóo accedeu á Xunta no 2009: 30.424 por 30.439.
Finalmente, e sobre o papel, a cifra de docentes mantense lixeiramente por riba da existente no ano previo á pandemia, algo que se produce parcialmente polo aumento de docentes provocado nas primeiras semanas deste curso tras as protestas de familias, profesorado e a CIG-Ensino. A perda, non obstante é enorme ao respecto dos orzamentos de 2021, con 868 docentes menos, o que representa un devalo do 2,78%. Se comparamos as cifras co orzamento previo á pandemia vemos como as cifras só son superiores grazas ao aumento de docentes dos corpos de Ensino Secundario (PES) e de Formación Profesional (PTFP) manténdose estancadas as cifras de mestres de infantil e primaria, o que vén sendo un perfecto retrato das decisións tomadas por Feijóo por mor da presión social: o efectos do incremento de docentes do ano 2020 aínda se percibe, aínda que moi reducido, en secundaria mentres que primaria segue a pagar a peor parte da crise: sen reducir ratios nin aumentar docentes.
Financiar o privado mentres ser reduce no público
Se contemplamos a evolución do gasto educativo cunha ollada de longo percorrido, remontándonos ao 2001, e recollendo por tanto as contas do último goberno Fraga, as do bipartito PSdeG-BNG, e todos os de Feijóo, a conclusión é clara. Partindo dun valor 100 para as contas de 2021, soben moito máis os fondos para o ensino concertado (nos orzamentos de 2021 suporían case 197,99) que as contas xerais da Consellaría (quédanse en 174,48), mais mesmo os orzamentos xerais da Xunta pasan por riba do investimento educativo (cun valor de 189,06). As cifras de incremento aínda se disparan máis se pensamos que, dentro do ensino concertado, o principal incremento destes 20 anos dáse en educación infantil (cun valor no 2021 de 288,15).
Nas contas do 2020 o financiamento do ensino concertado volve medrar por riba do investimento no ensino público. Así, as transferencias correntes (concertos) e as de capital (axudas diversas ao ensino concertado) soben un 2,51% ao respecto do exercicio 2021, mentres que a suba xeral de Educación se queda nun 2,03%
Educación ten unhas cifras elevadas dentro da Xunta mais só exclusivamente polos gastos de persoal, non polo investimento (os gastos de persoal supoñen un 59% do total das contas de Educación). Se comparamos as contas educativas coas do conxunto do goberno galego nos orzamentos do 2022 advírtese un lixeiro incremento ao respecto do ano anterior mais fica moi lonxe da relevancia de Educación nas contas xerais producida nos exercicios 2006-2009 (no bipartito). Así, mestres naqueles anos se superaron porcentaxes do 26% no gasto educativo sobre o gasto total da Xunta, as contas do 2022 mantéñense nun peso de Educación moi inferior, tan só dun 20,71%.
Caída xeralizada dos gastos de funcionamento dos centros mentres sobre a partida para formación do profesorado
A rebaixa nos actuais gastos de funcionamento dos centros chega ao 18,66% e afecta a todos os tipos, desde infantil a FP ou Educación Especial. A única partida que sae reforzada nos orzamentos é a de formación e perfeccionamento do profesorado.
A lingua, novamente esquecida
O fomento da lingua galega cae un 22,64% ao respecto do exercicio do 2021 e é na partida principal, de campañas de normalización lingüística, a que perde un de cada catro euros investidos no curso actual. Tamén chama a atención como as partidas que máis medran dentro deste programa son a que de destina a empresas privadas, que medra por riba do 30% por segundo ano consecutivo e a que vai a centros concertados que sobe máis dun 11%.
En resumo, o diñeiro destinado aos centros educativos públicos é o que sae peor parado nun apartado, o da normalización lingüística, que segue a ser dos máis desprezados pola Consellaría de Educación, xusto cando todos os informes indican unha situación de emerxencia lingüística pola perda de alumnado galego falante e polo mantemento dunha política involucionista na defensa do noso idioma.
Oferta de emprego público que non incrementa postos de traballo
A realidade do anuncio do conselleiro de Cultura, Educación e Universidade no Parlamento cunha oferta de 3000 prazas docentes para o próximo ano 2022 non se axusta á realidade, xa que a cifra non fai máis que cubrir as xubilacións que teñen lugar nestes dous últimos anos. Polo tanto, o número de docentes en Galiza non se verá incrementado e non se pode vender esa cifra como unha mellora para emprego público e a ensinanza en Galiza.
Os dereitos do profesorado substituto, papel mollado
Un ano máis, os orzamentos da Xunta confirman que o actual acordo de persoal interino, que non conta co respaldo da maioría sindical que representa a CIG-Ensino, é papel mollado. Desde o ano 2012 a Xunta eliminou dos orzamentos a aplicación da única mellora conseguida despois da intensa campaña de mobilizacións do ano 2006: o pagamento completo das dúas mensualidades do verán a quen traballe un mínimo de cinco meses e medio ao longo do curso escolar. No orzamento do 2022 ese recorte de dereitos mantense, igual que se mantén o consentimento dos sindicatos asinantes do acordo.