Orientación de primaria

Información importante para o persoal interino de orientación de primaria

A CIG-Ensino mantivo unha reunión na mañá de hoxe, 12 de setembro, co subdirector xeral de centros e recursos humanos para tratar diferentes temas relacionados coas adxudicacións de destinos provisionais e as listaxes de persoal interino.

Un dos temas tratados foi a situación creada nas listaxes de persoal interino de Orientación, especialmente no caso daquelas persoas que non consolidaron na lista de orixe. A Consellaría amouse partidaria de introducir cambios no criterio implantado neste curso para que se teña en conta a antigüidade na lista de Orientación tamén nos casos das persoas que non consolidaron na lista de orixe. 

A CIG-Ensino é partidaria de que se teña en conta a antigüidade na lista de Orientación e que, por tanto, á hora de adxudicar destinos, tanto de interinaxe como de substitución, a orde do persoal interino parta da antigüidade real para as especialidades nas que estea en lista, incluída a propia Orientación.

Trasladámoslle que non nos parecía oportuno, como era intención da Consellaría, limitarse a facer os cambios partindo dunha nova interpretación do texto que actualmente aparece no DOG (na orde de destinos provisionais) e preferiamos que se nos presentase un novo texto na Mesa Sectorial totalmente claro para evitar unha maior confusión e futuras reclamacións.

A Consellaría comprometeuse a que nunha próxima Mesa na que seremos convocados se nos presentará unha nova redacción.

Redacción actual do parágrafo que sufriría cambios: 

“a ordenación da lista de Orientación realizarase pola data de acceso á primeira interinidade ou substitución dunha especialidade do corpo de mestres. No suposto de que dúas ou máis persoas interinas accederan á primeira interinidade ou substitución na mesma data, se pertencen á mesma lista, a ordenación realizarase pola orde que posúan na dita lista e, no caso de que formen parte de distintas listas, a ordenación realizarase pola orde alfabética dos apelidos”. 

Normativa do CADP

A proposta que,en principio, está a barallar a Consellaría consiste en que cando se fala de “especialidade” a efectos de computar a antigüidade tamén se terá en conta a antigüidade na propia Orientación. Agardaremos a ter por escrito a proposta da Consellaría. 

Desde o sindicato tamén lle trasladamos que urxe que depuren os erros das listaxes, logo da eliminación de persoas que non consolidaran en ningunha listaxe mais que, segundo o acordado coa propia administración, poderán seguir a traballar por Orientación.

A Consellaría afirmou que o están a facer e que o terán solucionado para os chamamentos de substitucións. No caso de que detectedes algún erro na orde de chamamentos e adxudicacións poñédevos en contacto co sindicato a través dos nosos locais ou mediante un correo ás comarcas ou ao correo nacional.

Volver