Ordes de convocatoria de oposicións 2007
Mesa Sectorial do 29 de marzo de 2007
Ordes de convocatoria de acceso de Infantil, Primaria e Secundaria
Na Mesa Sectorial de hoxe a CIG-Ensino demandou o seguinte ao respecto das ordes de convocatoria das oposicións:
Deixamos claro que este non é o noso modelo, pois non vai dar saída a todo o profesorado interino e pode servir como elemento de confrontación entre colectivos, mais é o marco que hai e tentaremos melloralo para acadar a funcionarización do maior número de interinos e interinas.
Entendemos que a Consellaría debe ser quen lle clarifique aos tribunais que deben cinxirse a xulgar as probas e a Consellaría ten un papel importante pois, en contra da nosa posición, vai ser quen nomee os presidentes dos tribunais. A Consellaría ten claro que teñen que facer un esforzo neste tema e darán instrucións aos tribunais sobre a convocatoria para que se aplique o espírito das ordes. Tentarán que os tribunais estean constituídos por profesorado galego.
Que as prazas non se distribúan ente tribunais, senón que sexa realmente a comisión a que adxudique as prazas e estabeleza os aprobados e aprobadas. Trasladaranlle aos tribunais que non se poden distribuír as prazas por tribunal e por día.
Os tribunais deben deixar claro, no momento de presentación, os criterios de avaliación así como resolver todas as dúbidas que os opositores consulten. Os criterios de avaliación mesmo se deberían entregar por escrito.
Ø As oposicións non se deben iniciar até rematado o curso (22 de xuño), os exames eliminatorios de galego e castelán poderán realizarse antes, mais non en maio. (resposta: aceptan, comezarán despois do 21)
Ø Que non repitan as persoas que xa estiveron en tribunais o ano pasado, tamén os presidentes.
Ø Que se recolla posibilidade de que quen renuncia a presentarse se lle devolvan as taxas.
Ø Que os opositores que teñen a documentación presentada de anos anteriores só teñan que presentar os novos méritos.
Ø Que se aclare cando se vai facer a convocatoria do grupo B ao A, supoñemos que será convocatoria específica. Tamén cando se vai abrir o concurso de méritos a cátedras, e a funcionarización dos laborais. (resposta: á volta de Semana Santa e si, o acceso de B a A vai ser en convocatoria específica)
Ø Que a convocatoria se faga á volta de vacacións pois senón o prazo estaría moi limitado. (resposta: tiñan previsto publicalo o 4 de abril, nós insistimos en retrasalo, especialmente despois de que aclararon que só poderán optar ao informe os que estean en activo cando se publique a orde, entón propuxemos que se publique ao final da segunda semana de abril, pois se se fai en vacacións ou xusto á volta pode haber moitos substitutos cesados)
Ø Parécenos positivo que haxa un curso de galego para os funcionarios en prácticas, mais debe incluír formación en sociolingüística e incrementar a súa duración a 30 horas. (resposta: aceptan incluír sociolingüística, mais non van incrementar a duración)
Ø Tribunais: non deberían exceder de 100 ou 120 opositores. (resposta: van ser 100 polo tribunal)
Ø Obriga de participar en todas as partes, é excesivo, que sexa suficiente con ir á primeira proba. (resposta: non aceptaron)
Ø Que se concrete en que materias se convoca cambio de especialidade (resposta: en todas)
Ø Non nos parece positivo que un tribunal xulgue máis dunha especialidade, que xulguen só a propia.
Ø Non ten obxecto que poidan formar parte dos tribunais de Secundaria profesorado da Universidade (resposta: é un erro que non debe estar aí)
Ø Presidentes dos tribunais por sorteo. E preocúpanos que a comisión de selección este formada por presidentes, debería ser a sorteo.
Ø Valoramos positivamente que a proba de galego sexa eliminatoria en todas as especialidade e demandamos que as programacións e as unidades didácticas para o informe estean redactadas en galego (agás as linguas).
Ø Non entendemos que as publicacións as haxa que entregar aos tribunais. (resposta: aceptan, entregaranse na Consellaría e serán baremadas por persoal da Admón)
Ø As puntuacións de concurso non deberán coñecerse até rematar a fase de oposición (resposta: non vai ser posíbel porque retrasaría todos os procesos, mais tentarán retrasalo polo menos até despois da primeira parte)
A Consellaría aclara que os opositores aos que non se lles convoca prazas da súa especialidade non están obrigados a presentarse, por exemplo mestres de matemáticas e ciencias, para os que se mantén o negociado a principio de curso de que adquirirán a especialidade á que se presenten por oposición.
Informe
Hai situacións diversas e deben recollerse: servizos especiais, liberados sindicais, licencias por maternidade, excedencias por conciliación, baixas... profesorado que non vai ter os seis meses neste curso. Defendemos que poida acollerse ao informe todo o profesorado citado. Tamén pensamos que se debe estender a todo o profesorado que está nas listas que teña acumulados seis meses de servizos en anos anteriores. Debe terse en conta que hai profesorado que este ano non vai ter os seis meses e non pola súa vontade, ou a situación de persoas que por estar de baixa non se lles permitiu tomar posesión e agora poden ter dificultades a nivel administrativo.
Ø Non estamos de acordo con que se estabeleza a posibilidade de entrevista para as persoas que optan polo informe, non debe dárselle esta potestade á comisión.
Ø Debe recollerse que a unidade didáctica a presentar para o informe poida ser tanto a da especialidade á que se concorre, como da especialidade que se está impartindo, e senón que sexa unha das da programación.
Resposta da Consellaría:
Ø Poderán solicitalo todas as persoas interinas (o que inclúe aos substitutos) que estean en activo o día de publicación da orde e que teñan acumulados seis meses de traballo neste curso no prazo de solicitude.
Ø Poderán solicitalo todas as persoas que estean de baixa médica, permiso de maternidade, servizos especiais, liberados, excedencias por conciliación. Resolverán os casos de persoas que non puideron tomar posesión por estar de baixa médica.
Ø Será a partir dunha unidade didáctica ben da especialidade á que se opta, ben da especialidade que se imparte este curso.
Ø Os informes serán realizados por unha comisión provincial estabelecida pola Secretaría Xeral.
Méritos
Preocúpanos a formación e como se estabelecen os créditos neste borrador, entendemos que se refire a actividades homologadas. Propoñemos que se acumulen todas as horas de formación, puntuando cada 10 horas, até catro puntos. Non pode ser que se estableza unha puntuación segundo a cal puntúa igual un curso de 99 horas ca de 31, ou que se son menos de 30 non se valore.
Ø En Outros méritos que se valore tamén a impartición de cursos diferenciando a puntuación.
Ø Que se elimine o de “por curso académico”
Ø Que en outros méritos entren todos os cursos que non se valoren no apartado 2.5. de formación.
Ø Eliminar que haxa que presentar certificado das editoriais, non ten sentido (editoriais que pecharon, por exemplo).
Resposta da Consellaría:
Ø Acumularán todos os cursos de máis de 2 créditos e buscarán o cómputo máis favorábel ao opositor (entre 3 créditos).
Ø Aceptan a proposta da CIG-Ensino para que o resto dos cursos (incluídos os de menos de 2 créditos) serán computados en outros méritos (os de máis 10 horas, que son os que maiormente imparten as OOSS). Indican que deben ser homologados.
Ø Eliminan a condición da certificación das editoriais como requisito para valorar as publicacións.
Ø Puntuarán a impartición de cursos diferenciados da recepción.
Proba
Ø Para a CIG-Ensino debería facerse pública a puntuación de cada unha das partes da proba, sería positivo para os opositores.
Ø Non realizar a lectura elimina que o acto sexa público e que haxa contraste, e é un motivo máis para que se publicite as puntuacións das partes.
Ø Que se explicite a duración da proba en Secundaria.
Ø Na proba práctica de música en Primaria poden ter problemas as persoas que usen como instrumento o piano, a solución podería ser que expliciten na solicitude que instrumento van empregar.
Ø Na proba práctica nos Conservatorios non aparece recollido como vai ser, que se concrete e que se reduza a súa duración.
Ø Programación de PT e AL, debería estar mellor definido como se vai facer, e cantos programas de apoio ou intervención ten que ter
Ø Currículos: que se especifiquen como en primaria.
Ø PTFP de Servizos á comunidade debe haber un erro pois se recolle que teñen que presentar programa de intervención.
Resposta da Consellaría:
Ø Para eles a proba escrita e sen sinatura é garantía de anonimato e máis favorábel.
Ø Na apertura das plicas e asignación de notas actuarán como testemuñas os opositores.
Ø A defensa da programación pode facerse coa programación diante. Solicitamos que se especifique claramente na orde.
Ø Farán a consulta técnica para especificar cantos programas de intervención ou apoio teñen que facer os de PT e AL.
IMPORTANTE:
Fixeron modificacións nas prazas convocadas nas especialidades de Sistemas de Aplicación Informáticas, Instalación Electroténicas, en que reduciron prazas, e Perruquería, que incrementaron. Temos que deixar constancia que se debe ao traballo realizado, o escrito que presentamos. Ademais en Fotografía hai unha menos que pasou da quenda libre á promoción interna.
Manifestamos a nosa crítica a que neste momento, tan próximos das probas de acceso se pretenda facer modificacións de algo que se negociou a principios de curso, cando o profesorado leva tempo preparando a materia á que se quere presentar.