Oposicións aprazadas: a Consellaría réndese á evidencia mais mantén a inscrición

Finalmente foi no Parlamento Galego onde Pomar rectificou e anunciou que se aprazan ao 2021 as oposicións previstas para o mes de xuño, todo despois de manter unha posición numantina, insostíbel e imprudente durante semanas

Non haberá oposicións no mes de xuño de 2020. Unha noticia agardada especialmente polas miles de persoas que estaban a preparar as probas mais que xa se convertera nestes últimos días nun tema de maior repercusión social porque era moi difícil de entender e argumentar por parte da Xunta como se podía manter unha decisión a todas luces inviábel e, sobre todo, como se mantiña unha tensión sobre un colectivo tan numeroso e se operaba con esa falta de empatía.

A este respecto, desde a CIG-Ensino amosamos a nosa satisfacción por esta rectificación malia o retraso con que se produciu. Lembramos a este respecto que, logo das nosas críticas de finais de marzo,  foi o 2 de abril cando, tras o anuncio inicial da Consellaría de non manter a convocatoria se o estado de alarma se prolongaba máis alá do 11 deste mes, se fixo evidente que as oposicións non se podían celebrar e así o dixemos, incidindo en que se estaba a xogar coas persoas opositoras e que, con esa premisa, debía comunicarse o aprazamento xa. Posteriormente, con data 9 de abril, e tras a recepción da carta dirixida ás organizacións sindicais reiteramos a nosa posición contraria.

Como organización sindical lamentamos que non sexa na Mesa Sectorial onde se debatan e diriman estas cuestións, mais xa sabemos da alerxia que esta Consellaría e a Xunta do PP en xeral teñen pola negociación e a interlocución coa representación das e dos traballadores. En todo caso, entendemos que tras as declaracións da conselleira no Parlamento si que é necesaria esa reunión da Mesa xa que hai cuestións na decisión tomada que como sindicato nos preocupan.

A Xunta manterá o prazo de inscrición. Que implica e, sobre todo, por que se fai isto?

A nota de prensa colgada no portal web da Xunta incide nas propias declaracións en sede parlamentar da titular da Consellaría: manterán o prazo de inscrición interrompido polo estado de alarma en canto este remate. Nun uso novamente partidista e electoral das oposicións, como leva facendo Feijóo desde hai semanas, afírmase que se mantén o prazo xa que Ante os anuncios do Goberno central de posibles recortes, Carmen Pomar anunciou que blindará as prazas ofertadas para os actuais aspirantes activando as inscricións en canto se levante a suspensión dos prazos administrativos”.

En relación ao aprazamento das oposicións a CIG-Ensino quere facer públicas as seguintes consideracións:
  • Como CIG descoñecemos que neste momento se teña producido por parte do Goberno central ningún tipo de declaración no sentido de aplicar recortes no ensino público. Se é certo, agradeceríamos da Xunta que nos indicara onde e cando se fixeron, e sobre todo, que se comprometa a facer fronte común connosco para evitar calquera recorte. Sería toda unha novidade e conversión nunha administración, a de Feijóo, responsábel dos maiores recortes no ensino público e nos dereitos do profesorado.
  • O que pode blindar a celebración das oposicións no 2021 non é que se manteña o prazo de inscrición agora e se paguen a un ano vista unha taxas de exame, senón a propia Lei 2/2015 de emprego público de Galiza e o Decreto da Oferta de Emprego Público. O Decreto publicouse no DOG do 31/12/2019 (nel aparece o total de prazas por corpos e non a distribución por especialidades). A Lei 2/2015 di expresamente o seguinte no seu artigo 48.4: a execución da oferta de emprego público débese desenvolver dentro do prazo improrrogable de tres anos, contado a partir do día seguinte ao da publicación daquela no correspondente diario oficial.
  • Non existen, legalmente falando, “actuais aspirantes”, xa que non é que se pechase o prazo (que é cando unha persoa se pode considerar aspirante) senón que non se chegou a abrir.
  • A Consellaría debe modificar a orde da oposición ou publicar unha nova na que se modifiquen os prazos previstos na actual convocatoria (datas de exames, por exemplo). Neste sentido, esta orde debe ser negociada previamente na Mesa Sectorial.
  • Desconfiamos da intencionalidade da Xunta e moito nos tememos que, detrás desta manobra, se esconda a decisión de non incrementar nas oposicións de 2021 todas as prazas de reposición de efectivos e de necesidades estruturais necesarias, como desde a CIG-Ensino demandamos.
  • Para a CIG-Ensino é fundamental que se recolla nunha orde publicada no DOG a decisión de manter o reparto actual de prazas por especialidades e que a estas se lle engadan as necesarias do curso que vén.
  • Só se existe unha garantía por parte da Xunta de que a oferta pública de emprego do 2021 se vai acumular á do 2020 e se celebrarán conxuntamente pode ser unha medida válida a anunciada pola Consellaría, aínda que consideramos máis práctico que haxa un único prazo de matrícula no 2021 e unha única orde de convocatoria, tamén no 2021, na que se recollan todas as prazas de 2020 exactamente nas mesmas condicións que se ofertaron.

Volver