Oposicións 2020: abonda xa de incompetencia e falta de respecto

Coa carta emitida aos sindicatos esta mañá a conselleira de Educación demostra unha incongruencia total coa súa anterior comunicación ao respecto de que só se manterían as oposicións se se levantase o estado de alarma o vindeiro 11 de abril

A CIG-Ensino demanda a convocatoria inmediata e con carácter de urxencia dunha Mesa Sectorial de Educación para tratar todo o relacionado coas oposicións e coa finalización do curso académico, toda vez que o profesorado galego non foi consultado a través do seus representantes en todo este tempo de situación excepcional pola Covid-19

A incoherencia e falta de rigor da Consellaría de Educación acadou hoxe o seu nivel máximo tras o envío dunha carta ás organizacións sindicais na que di que mantén a convocatoria das oposicións nas datas previstas, é dicir a partir do 20 de xuño, sempre que se levante o estado de alarma tras a seguinte prórroga, que remata o 26 de abril. Cómpre lembrar que no comunicado que enviou ao Ministerio de Educación e Formación Profesional e que lle filtrou aos medios de comunicación dicía o contrario, que só mantiña a celebración dos procesos selectivos nas datas previstas se o próximo 11 de abril se levantaba o estado de alarma. Esta comunicación foi publicada por todos os medios de comunicación e a Consellaría non o desmentiu polo tanto é a información oficial e constatada que tiñamos até o momento.

Así pois, tan só oito días máis tarde a Consellaría prolonga a incertidume e a agonía nestes momentos de miles de aspirantes que seguen sen saber a que aterse. Ademais, polas declaracións posteriores do presidente da Xunta semella que a decisión final non a tomarán ata a primeira semana de maio co que estamos aínda diante dunha falta de respecto maior e dunha temeridade en toda regra. Desde o punto de vista sanitario, todas as informacións das autoridades competentes, así como do goberno do Estado e do propio presidente Feijóo ían na mesma dirección, que a incorporación á vida ordinaria haberá que facela de forma moi paulatina e que non se prevé o levantamento do Estado de Alarma a partir do 26 de abril. Desde a CIG-Ensino só podemos interpretar a actitude da Xunta de Galiza neste asunto, toda vez que o resto de CCAA xa teñen tomada e comunicada oficialmente unha decisión a este respecto, como unha incapacidade de comunicación patolóxica que nos leva a pensar que estamos ante “irresponsábeis e incompetentes políticos”. Entendemos e así o expresamos publicamente que a administración ten que tomar decisións a curto e medio prazo coas informacións sanitarias coas que conte nun momento determinado pero nestes intres o tempo máis que de graza que lle demos á administración desde a organización sindical maioritaria xa rematou.

Así mesmo, non podemos máis que lamentar que o futuro de miles de opositores estea nestes momentos sometido ao electoralismo do goberno do PP. En toda a xestión desta crise só vemos un presidente omnipresente e a unha conselleira que manda cartas, polo que todo parece indicar que priman máis os nocivos e espurios cálculos electorais que a máis mínima prudencia, rigor, sometemento a cuestións sanitarias e empatía coas miles de persoas ás que están mareando.

Mesa Sectorial de urxencia

As organizacións sindicais con representación na mesa sectorial demandamos que se convoque de inmediato e con carácter de urxencia unha Mesa Sectorial para tratar todo o relacionado coas oposicións e coa finalización do curso académico xa que case un mes despois da suspensión das clases o profesorado galego segue a ser ninguneado e ignorado e non foi en ningún momento consultado por parte dos seus representantes.

Escrito esixindo a convocatoria inmediata da mesa sectorial

Volver