Información da Mesa Sectorial sobre aprazamento das oposicións 2020
A Xunta manterá o prazo de inscrición se non se modifica o Real Decreto de Ingreso por parte do Ministerio.
Acepta a nosa solicitude de agardar a resposta antes de publicar a orde.
A CIG-Ensino fixo un repaso na súa intervención na Mesa Sectorial á impresentábel actuación da Consellaría de Educación en todo o proceso de utilización electoral das oposicións docentes deste ano: desde cando se negaron inicialmente ao que lle demandou a CIG (fixar publicamente desde o primeiro momento unha data para desbotar as oposicións en función da evolución da pandemia) até a posición vergoñenta destas últimas semanas, enganando a miles de opositores e manténdoos nunha tensión que nada bo di desta Consellaría. Todo isto de costas á representación do profesorado e tardando máis dun mes e medio en convocar esta Mesa de negociación.
A Consellaría recoñece que a posíbel blindaxe das oposicións está no Decreto de oferta de emprego
A intervención dos responsábeis da Consellaría foi moi clara ao respecto de desmontar o propio comunicado da Consellaría de Educación sobre a “blindaxe” das oposicións. Recoñeceron, tal e como dixo a CIG-Ensino, que o que en principio “blinda” unha oposición é o Decreto da oferta pública de emprego e non a convocatoria, aínda que salientaron que desde o seu punto de vista ter rematado o prazo de presentación de instancias reforza esa suposta seguridade. Como xa afirmamos desde o sindicato, a administración ten un prazo de 3 anos para evitar que “caduque” e quede sen efecto unha oferta de emprego.
A proposta da Consellaría limitábase, como se sabe, a modificar os artigos da orde de convocatoria nos que se fixaban datas concretas (sorteo dos tribunais, proba de galego e castelán e comezo do procedemento selectivo e acto de presentación), adiantando unicamente que será en xuño de 2021. Afirmaron que baixo ningún concepto se faría durante o curso escolar e que se finalmente non hai cambios e non se poden acumular as oposicións de 2020 e 2021 a súa intención sería publicar unha OPE no 2021 que se acumularía coa de 2022 e que se celebraría nunha única oposición neste último ano e, como vén sendo habitual, tanto para o corpo de mestres como para outros corpos de secundaria.
A CIG-Ensino reitera a súa posición: unir as ofertas de emprego de 2020 e 2021
A CIG-Ensino, partindo da posición xa expresada o 22 de abril e que se reproduce no cadro anexo, considera que a única limitación que hai que sortear para poder celebrar conxuntamente as ofertas de emprego de 2020 e 2021 é unha nova modificación do Real Decreto 276/2007 para ampliar un ano máis a vixencia do Real Decreto 84/2018, que fixa o réxime transitorio aplicado ás oposicións até 2020 (número de temas que serán extraidos polo tribunal e cambios no baremo). Nestes intres está precisamente na fase final unha modificación puntual dese RD, polo que consideramos que estamos no momento oportuno para ampliar a 2021 a súa vixencia e así llo faremos chegar ao Ministerio de Educación.
Aínda que a CIG-Ensino non apoiou no seu momento ese RD, hai un aspecto que hai que ter claro: non se entende que poidan coincidir dous procesos selectivos simultáneos con dúas normas diferentes. Estamos certos de que o momento excepcional que estamos a vivir xustifica plenamente a ampliación nun ano desa norma, e por moito que desde a CIG-Ensino presentaramos no seu momento propostas alternativas, é obvio que non ampliar nun ano o actual sistema implicará, de feito, a imposibilidade de que haxa novas oposicións no ano 2021.
Neste senso, non só lle corresponde a organizacións sindicais como a CIG-Ensino demandarlle ao goberno español ese cambio. Tamén ten que ser a Xunta a que faga súa esta proposta. Así, solicitámoslle ao goberno galego que se dirixa ao español para reforzar esta demanda e que o cambio poida ter lugar e, de ser así, que a decisión se adopte canto antes para tranquilidade das persoas opositoras.
Por todo isto, cremos que a mellor opción é adiar o prazo de inscrición nestas oposicións á espera do que poida acontecer coa norma estatal, sempre co obxectivo de acumular nun único proceso as ofertas dos dous anos e, como non pode ser doutro xeito, co mesmo sistema, condición imprescindíbel para a CIG-Ensino.
A alternativa, manter agora a inscrición, sería unha mensaxe clara da Xunta: non haberá máis prazas no 2021 e desiste de facer cambiar de opinión ao MEFP.
A Consellaría confirma que o atranco está precisamente, tal como dicimos, no feito de que o actual sistema transitorio do RD 84/2018 non serviría para o ano 2021 e que non se poden acumular dúas ofertas de emprego con regras diferentes.
Informan que xa no seu día fixeron xestións co MEFP para que a OPE do 2021 se puidese facer coas mesmas normas que nestes dous últimos anos e que o MEFP se negou, ao parecer porque seriamos a única Comunidade interesada, xa que todas as demais están aínda moi atrasadas nas convocatorias.
A Consellaría entende que só caben dúas opcións: manter a orde tal e como está, co prazo de inscrición en canto se levante o estado de alarma ou facer un desestimento da convocatoria. O preocupante é que esta segunda opción ten trampa, xa que afirman que, de se producir o desestimento ou anulación da orde, non poden garantir que a distribución de prazas e especialidades se mantivese igual, ben por un cambio de goberno ou das persoas que vaian tomar esa decisión no futuro.
A Consellaría insistiu na decisión de que, se non se produce un desestimento ou anulación da orde, non vai modificar o prazo de inscrición.
É obvio que este dilema non pode ser aceptado pola CIG-Ensino e que desde logo non podemos xogar a poñer en perigo un proceso selectivo se non hai garantías por parte dun goberno que deu boa mostra de que non merece confianza e á vista de que os propios interlocutores na Mesa non nos dan garantías.
A proposta da CIG-Ensino, despois dun longo debate, foi a seguinte:
- Facer unha proposta tanto desde o ámbito político e institucional como desde o sindical para forzar un cambio de criterio do MEFP.
- Entendemos que existe a necesaria excepcionalidade para manter o sistema actual de ingreso e que esa está vinculada á situación extraordinaria derivada do coronavirus e o estado de alarma.
- Agardar un tempo prudencial á espera da resposta do MEFP e mentres tanto non publicar a orde.
- Sempre e cando se produza ese cambio a Consellaría comprometeríase a acumular a OPE do 2021 coa do 2020, coas modificacións legais necesarias na actual convocatoria, partindo do compromiso de manter o actual número e reparto de prazas por especialidade.
A Consellaría só se comprometeu a agardar a ver se se produce algún cambio de criterio no Ministerio e, de ser o caso, afirmou que estaba disposta a falar de acumulación de ofertas. Porén, insistiu en que non ven factíbel esa posibilidade.
Para a CIG-Ensino é fundamental que a Xunta e non só a Consellaría se impliquen na presión sobre o Ministerio, ao tempo que facemos unha chamada ao Goberno español a ser sensíbel á situación e que a acepten a proposta de ampliar ao 2021 a vixencia das normas transitorias do actual Real Decreto.
Propostas sobre o articulado da orde
Con independencia do tema principal do debate entramos tamén en asuntos do propio texto presentado.
- Apartado 7.5. Sorteo de tribunais. Non ten sentido que o sorteo sexa seguido por medios telemáticos. Debe manterse o texto orixinal, eliminado só a data. Afirman que poderá ser presencial e telemático.
- Apartado 10.1. O comezo debe facerse público con 1 mes de antelación como mínimo. Informan que chegado o momento habería con moita máis antelación unha convocatoria de Mesa e que nela xa se coñecerían as datas e que preferiron non pechar datas agora mesmo pola incerteza.
Non falamos de 3.654 prazas; falamos de 2.354
É importante que falemos ben claro das prazas que están en xogo xa que as ansias propagandísticas da Consellaría non cesan. A decisión que adopte finalmente a administración educativa afecta a un total de 2.354 prazas (2.036 de novo ingreso e 318 de cambio de corpo). Cando a Consellaría insiste na cifra de 3.654 está incluíndo no cómputo as 1.300 prazas de acceso a cátedras para profesorado en activo, que en ningún caso están postas en cuestión xa que dependen dunha convocatoria diferente e que está previsto que publiquen para que se poidan presentar os méritos cando remate o estado de alarma. Estaría ben que a Consellaría non mesturase cifras porque o único que pode conseguir é inquietar aínda a máis xente da que teñen irritada.