Obxectivo acadado: ninguén cobrará menos do Salario Mínimo Interprofesional

A CIG-Ensino logra que nas Escolas Infantís 0 – 3 anos ninguén cobre menos do Salario Mínimo Interprofesional (SMI)

Todas as traballadoras/es, tanto galegas como do resto do estado español, percibirán retribucións no seu salario base iguais ou superiores ás legais establecidas polo SMI, tras o acordo asinado no SIMA, ademais dos atrasos que correspondan dende o 1 de xaneiro de 2020.

A CIG-ensino  acadou hoxe, diante do SIMA que todo o persoal, tanto galego coma do resto do estado regulado polo XII convenio de ámbito estatal de educación infantil,  perciba no seu conxunto e no cómputo anual, unha cifra salarial igual ou superior ao SMI (950€), ademais de recibir os atrasos que lles correspondan dende o 1 de xaneiro de 2020. Así as categorías de educador ou educadora infantil, auxiliar de apoio e todo o persoal de administración e servizos verán recoñecidos por dereito os salarios que lles corresponden por convenio, sen que o plus salarial do complemento de desenvolvemento e perfeccionamento profesional (CPP) sexa  absorbíbel nin compensábel ao estar pactado coma tal no artigo 59 do actual convenio colectivo en vigor. 

A Comisión Negociadora do convenio  reunirase o próximo martes 2 de febreiro de 2021 para modificar as táboas salariais coas cuantías e criterios fixados neste acordo e o seu posterior envío ao BOE para a súa publicación. Os atrasos aboaranse, a quen os tivese, até o último día do mes seguinte ao da publicación das táboas salariais no BOE. Ademais, recolleuse que se neste 2021 se incrementase o SMI, procederase do mesmo xeito: adaptación das táboas na mesa de negociación, publicación no BOE e o mesmo prazo dun mes para aboar atrasos, caso de xerarse.

Accede á ACTA DO ACORDO nesta ligazón.

Grazas á  CIG-Ensino ponse fin a esta inxustiza salarial.

O pasado 29 de outubro reclamamos ante a comisión paritaria o axuste á alza das retribucións inferiores para equiparalas ao SMI, sen obter resposta algunha. Posteriormente, os días 13 e 30 de novembro, reuniuse a comisión negociadora para tratar sobre a adecuación das táboas salariais ao SMI e non se alcanzou acordo ningún. Tivo que ser na papeleta de conciliación en materia de conflito colectivo, como paso previo legal á demanda na Audiencia Nacional, metida no SIMA polos servizos xurídicos da CIG cando se acadou o obxectivo básico e legal que nos marcamos.

A CIG-Ensino non se parará aquí na loita pola defensa dos dereitos laborais e salariais deste colectivo, pois o obxectivo é seguir reivindicando a mellora e dignificación do convenio da etapa de Infantil 0 – 3, como así fixemos na negociación do mesmo, chegando incluso a chamar á mobilización que secundamos nós sós, o que evidencia máis unha vez que o marco estatal non é o camiño. Todo o recollido historicamente neste convenio aí está, coa responsabilidade sindical de todos os demais sindicatos que os asinaron.

Nós, co voso apoio e confianza, seguiremos pelexando en Madrid e onde faga falla, pero como sempre vimos defendendo dende a CIG un Marco de Relacións Laborais Galego, próximo aos traballadores/as do sector e no que vós poidades participar e decidir, que sexa quen de mudar as dinámicas de negociación para acadarmos un CONVENIO GALEGO DIGNO E XUSTO.

O Dialogo Social é inútil e unha fraude:  hai que elevar o SMI até os 1.150 euros.

A través do mal chamado Diálogo Social, lembramos que CCOO e UGT asinaron o IV Acordo Estatal de Negociación Colectiva, no que se estabelecía un salario mínimo de convenio de 1000 euros, o que motivou que desenvolvesen campañas baixo o lema 'Ponte a 1000'. Na práctica, non só non puxeron o salario a 1000 euros mensuais, senón que mantiveron a precariedade e a pobreza laboral na maioría dos convenios estatais, grazas ás reformas laborais do PSOE e do PP dos anos 2010 e 2012 que seguen sen derrogarse. E  eles seguen, nese falso diálogo, dando prevalencia ao marco estatal de negociación colectiva en detrimento do Galego e Provincial, afastando das escolas e o persoal traballador a negociación colectiva. Asinan convenios estatais negociados polas cúpulas sindicais de costas as persoas traballadoras e mantendo os salarios de miseria no conxunto da clase traballadora.

Dende a CIG consideramos necesario que se incremente o SMI, atendendo ás recomendacións da Carta Social Europea, segundo a que tería que ser, cando menos, o 60% do salario medio, que está en 1.917€ segundo o INE,  que o situaría nos 1.150€. É lamentábel que o incremento do SMI se sitúe novamente no Diálogo Social, estéril e fraudulento para os traballadores/as, cando o que temos é que aplicar dunha forma clara e inequívoca o que establece a lexislación, o que indica a Carta Social Europea. Nos Orzamentos Xerais da Estado xa se contemplaba a conxelación do SMI. Aqueles que están no diálogo social, UGT e CCOO, fortalecen coa súa presenza nel a política de empobrecemento da clase traballadora por parte do goberno do Estado.

Escolas Infantís. Obxectivo acadado: ninguén cobrará menos do Salario Mínimo Interprofesional

Documento


Volver