O Xulgado do Social declara a improcedencia dos despidos no San Xerome da Guarda e condena a empresa a readmitir ou indemnizar

A CIG-Ensino valora a decisión “porque se demostra que a dirección mentiu xa que as causas das rescisións de contrato non foron económicas”

O Xulgado do Social vén de declarar a improcedencia dos despidos no centro San Xerome Emiliani da Guarda e condena a empresa a readmitir as traballadoras e o traballador despedidos, tendo que aboarlles os salarios deixados de percibir desde abril. Do contrario, a compañía tería que indemnizalas/o con contías que van dos 16.500 euros aos 67.357, dependendo da antigüidade, indemnizacións que en conxunto superan os 138.000 euros.

Cabe sinalar que, aínda que a sentenza pode ser recorrida por ambas as partes, a súa execución é inmediata, cinco días desde que lle sexa notificada á empresas. Por parte da CIG-Ensino esiximos que as traballadoras e o traballador despedidos sexan readmitidos inmediatamente.

Para a CIG-Ensino esta sentenza é unha vitoria das traballadoras e os traballadores do Emiliani e vén demostrar todo o que denunciamos durante tres meses de mobilizacións ante o San Xerome: que estes despedimentos non obedecían a causas económicas e que tiñan outra motivación, desde o noso punto de vista a represión sindical contra catro persoas que defenderon os seus dereitos a través dunha demanda de conflito colectivo presentada pola CIG en 2009 e gañada xudicialmente en 2012.

A sentenza recolle que as contas foron manipuladas intencionadamente para xustificar estes despedimentos. Reproducimos textualmente da sentenza: “debemos tirar a conclusión de que se colocou en situación de iliquidez precisamente en previsión da realización dos despedimentos. Esta circunstancia abonda por si soa para declararmos a improcedencia do despedimento.”

Recolle ademais que a comunicación do despedimento non foi axeitada, pois non reunía toda a información económica necesaria para que os traballadores puidesen valorar se existían ou non problemas económicos e que se incumpriu o prazo preceptivo de comunicación.

Desde a CIG-Ensino entendemos que as e os socios da Asociación San Xerome, titulares do centro, deben, á vista desta sentenza, tomar cartas no asunto e esixir explicacións á Xunta Directiva respecto das contas do centro e da xestión do mesmo, pois ao despedir estes traballadores deixaron desatendidos os usuarios e os privaron de continuar coas persoas que tiñan como referencia, o que lle puido causar prexuízos emocionais e psicolóxicos.

A CIG-Ensino quere trasladar os parabéns a Raquel, Paola, Nuria e Moisés, aos delegados de persoal do San Xerome e, en definitiva, a todas as persoas, traballadoras, veciñas, familiares, sindicalistas do sector de discapacitados e doutros sectores que nos apoiaron e souberon recoñecer as razóns das nosas demandas.

Volver