O Xulgado do Contencioso Administrativo falla a favor da CIG-Ensino e anula a circular 5/2009 pola que a Consellaría impoñía un incremento de horario ao profesorado das Escolas Oficiais de Idiomas

Como demandaba a CIG-Ensino, cumpría a negociación destes puntos na Mesa Sectorial

O Xulgado do Contencioso Administrativo nº 2 de Compostela falla a favor da CIG-Ensino no recurso contencioso presentado pola central sindical contra a circular 5/2009 pola que a Consellaría impoñía un incremento do horario ao profesorado das Escolas Oficiais de Idiomas, sen ter negociado previamente esa circular. A CIG Ensino presenta, a raíz desta sentenza, un escrito, que podes consultar anexo a esta nova, esixindo a aplicación da sentenza.

O Tribunal falla expresamente que declara a anulabilidade dos apartados 14 e 15 da circular 5/2009 que “se anulan e se deixan sen efecto”. O fundamento para anular estes apartados radica en que, como demandaba a CIG-Ensino, cumpría a negociación destes puntos na Mesa Sectorial, pois trátase de cambios que afectan ao horario e á xornada do profesorado das EEOOII e por este motivo, ao non teren sido negociados deben ser anulados: “tanto a xornada como o horario son materia sobre a que recae o principio de obrigatoriedade da negociación ... e neste caso na tramitación da circular recorrida omitiuse ese tramite procedimental, debe procederse a acordar a anulación dos apartados 14 e 15 da circular impugnada.

O recurso foi presentado pola CIG-ensino durante o curso 2009-2010. A Circular 5/2009 fora imposta ás EEOOII en setembro de 2009, se ter sido convocada a Mesa Sectorial para abordar a súa negociación. A aplicación desta circular supoñía, supuxo, un retroceso significativo na calidade do ensino dos idiomas e o empeoramento das condicións de traballo do profesorado, unha reestruturación drástica do número de profesoras e profesores e a desaparición das horas lectivas complementarias. Contra esta imposición da Consellaría, a CIG-Ensino convocou concentracións e unha xornada de folga de dous días no mesmo momento en que se iniciaba o curso. Posteriormente continuaron as mobilizacións, concentracións e folgas amplamente apoiadas, que culminaron cun peche en cada Escola e unha peregrinaxe reivindicativa no mes de xaneiro de 2010.

En todo o proceso, o Director Xeral de Educación, José Luis Mira Lema, non só non atendeu as demandas do profesorado, senón que chegou a insultar os/as docentes afectados/as poñendo en cuestión, publicamente, a súa profesionalidade, dando mostras dun xeito de proceder antidemocrático e ditatorial do que imos tendo probas continuas.

Ocultación da Consellaría de Educación:

Esta mañá, a Consellaría daba a coñecer a aprobación do Regulamento Organizo das EOI, sen poder eludir a referencia a este fallo, mais manipulando, unha vez mais, a información, pois malia a claridade da sentenza en canto a que non se respectou o principio de negociación colectiva, a Consellaría di que perderon por defectos de forma, mentindo de forma escandalosa.

A CIG-Ensino esixe o cumprimento inmediato da sentenza e a reposición ao profesorado do horario que viña realizando antes de setembro de 2009. Ao tempo reclamámoslle ao Conselleiro de Educación que faga dimitir ao Director Xeral de Educación por vulnerar os dereitos das traballadoras e os traballadores e por incorrer en continuas desacreditacións ao profesorado.

Volver