O Valedor do Pobo admite a trámite a queixa da CIG-Ensino sobre a privatización do servizo de revisións médicas ao profesorado

A decisión da Xunta de non realizalas nos SERGAS incrementará o custe das revisións en 886.984 euros

O Valedor do Pobo vén admitir a trámite a queixa presentada pola CIG-Ensino na que se denuncia a decisión da Consellaría de Educación de externalizar as revisións médicas ao profesorado en lugar de ofertalo a través dos SERGAS, o que suporá segundo os datos da propia Administración, un incremento do custe nun 40% . O Valedor do Pobo requeriulle á Consellaría de Educación que no prazo de 15 días facilite información sobre o problema que motivou a queixa.

No escrito dirixido ao Valedor do Pobo a CIG-Ensino solicitaba que investigue cales foron as razóns polas que non foi posíbel o entendemento entre as Consellarías de Educación e Sanidade para ofrecer os recoñecementos médicos ao profesorado. A CIG-Ensino denuncia que, segundo as contas da Consellaría de Educación, van pagar 2.217.461 euros a unha entidade privada, cando no SERGAS se podería realizar por 1.330.471.

Foi a propia Consellaría de Educación a que lle trasladou ao Tribunal Superior de Xustiza de Galiza que facer as revisións no SERGAS suporía un aforro de máis de 800.000 euros. Fíxoo no mes de decembro durante unha comparecencia á que foi citada polo propio TSXG para consensuar os termos nos que ía executar a sentenza que lle deu a razón á CIG-Ensino e que obriga a ofrecer recoñecemento médicos ao profesorado. Daquela a Consellaría solicitou unha moratoria para a súa aplicación, porque estaba a punto de asinar un acordo coa Consellaría de Sanidade, a fin de realizar os recoñecementos médicos do profesorado no SERGAS, xa que suporía unha redución dos custos nun  40% (886.984 euros), en relación ao custe que significaría a externalización do servizo (2.217.461).

Ante este compromiso, o TSXG fixou unha nova comparecencia para o día 10 de febreiro de 2014. Nesa comparecencia a Consellaría de Educación, contrariamente ao expresado na comparecencia anterior,  anunciou que non fora posíbel chegar a un acordo coa Consellaría de Sanidade e que, en consecuencia, optara por  contratar un servizo externo, mediante a tramitación pola vía de urxencia. 

Diante desta actuación, a CIG-Ensino solicitou do Valedor do Pobo unha investigación para determinar cales son as razón polas que non se chega a un acordo entre dúas consellaría do mesmo goberno e se decide malgastar  preto dun millóns de euros.

Volver