O “V convenio colectivo estatal de reforma xuvenil e protección de menores” non foi asinado pola CIG-Ensino

Non da resposta ás reivindicacións do persoal traballador galego e trátase dunha prórroga do xa problemático IV convenio

O pasado día 19 de setembro de 2024 todas as patronais do sector e só CCOO pola parte social asinaron o V Convenio, volvendo a hipotecar ate o ano 2029 as condicións laborais, sociais e salariais dos traballadores e traballadoras,así como manter a precariedade no sector.

A CIG-Ensino, tal e como xa adiantara no rexeitamento ao “preacordo salarial  para o período 2026-2029” asinado polos mesmos en xullo, non subscribiu este V convenio por ser unha prórroga do xa problemático IV convenio (a maiores recolle adaptacións legais obrigadas a normas e leis, modificacións por unha linguaxe inclusiva e pouco máis) e quedar moi lonxe das súas reivindicacións iniciais e das pactadas, a posteriori, na plataforma social conxunta con CCOO e UGT. Pois as “melloras” laborais e sociais que se comprometeron a acadar e algúns din que se recollen, no texto asinado non aparecen. As salariais son enganosas e os mínimos avances laborais de pouca relevancia para os intereses dos traballadores/as, quedando as condicións laborais, sociais e salariais hipotecadas no sector ate o 2029 e sen garantías de poder acadalas antes, na mesma liña que no IV convenio (supeditadas a novos contratos, convenios, concertos,... coa administración), que maioritariamente ven de comprobar o persoal traballador do sector.

Con respecto ao Preacordo salarial para o período 2026-2029 de xullo, as melloras laborais e sociais prometidas resúmense en mellora económica para cociñeiro/a con máis de 40 comensais, dotación de roupa e calzado onde a esixan e incrementar un 0,25% a suba salarial de 2028 quedando esta no 3,75%. Logo a patronal cedeu en non modificar o ATE e que a xornada laboral quedase tal cal está, sendo esta unha reivindicación prioritaria para os tres sindicatos, pero que a OO.SS asinante obviou.

Unha vez máis perdeuse unha oportunidade de dignificar o convenio e acadar verdadeiros avances e melloras significativas en dereitos laborais, sociais e salariais, non só recuperando o poder adquisitivo perdido no IV convenio (recoñecido polos asinantes en máis dun 10%) senón evitando seguilo perdendo no futuro. Tan só facía falla manter a unidade sindical e presionar socialmente á patronal e administracións, tal e como están a facer con mobilizacións en moitas CC.AA na actualidade, amosando fartura pola precariedade, e que xa antes comezou a CIG-Ensino na Galiza.

Na CIG-Ensino seguiremos a demandar un Ámbito Galego de Relacións Laborais, co voso apoio na representación sindical, que garantan negociacións reais e nas que decidades os afectados/as e non as cúpulas sindicais como está a suceder na totalidade dos convenios estatais. Hai convenios galegos que nos dan a razón e incluso en Asociacións deste sector.

Ligazón ao V Convenio

Ligazón ás táboas salariais do V Convenio

O “V convenio colectivo estatal de reforma xuvenil e protección de menores” non foi asinado pola CIG-Ensino

Documento


Volver