O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza estima parcialmente o recurso contra o Decreto 79/2010 presentado pola CIG-Ensino

A CIG-Ensino reclama a derrogación do Decreto 79/2010 de plurilinguismo e que se restableza o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega

A CIG-Ensino considera que o fallo do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza que anula parcialmente o Decreto 79/2010 de Plurilingüismo é unha proba máis de que estamos ante un Decreto debe ser derrogado por ser rexeitado maioritariamente polo conxunto da sociedade.

O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza estima parcialmente o recurso presentado pola CIG-Ensino e en base a el, tamén aos presentados por Queremos Galego e A Mesa pola Normalización Lingüística, anula os artigos 5.2., no que se estipulaba a realización dunha enquisa entre os pais e nais en Educación Infantil en virtude da cal en moitos centros non hai nin unha soa hora de docencia en galego nesa etapa, e o 12.3. no que se establecía que o alumnado podería usar na aula a lingua da súa preferencia, neste caso porque é contrario ao desenvolvemento da Lei de Normalización Lingüística e ao fomento do uso progresivo do galego.

Este fallo xudicial vénse sumar ás denuncias que a sociedade galega veu realizando deste Decreto, pensado e imposto para reducir a presenza do noso idioma nas aulas. É un elemento máis que pon en evidencia que este Decreto nunca se debeu publicar e que cómpre derrogar inmediatamente.
Cómpre lembrar que este Decreto provocou o maior rexeitamento social que provocou unha norma sobre a lingua, colleitando ademais un informe negativo do Consello Consultivo da Xunta de Galiza e o voto negativo do Consello Escolar de Galiza.

Á espera de poder facer unha análise máis detallada, a CIG-Ensino reclama xa a derrogación do Decreto de Plurilingüismo e o inicio de negociación para aprobar un Decreto que recolla os obxectivos e as propostas do Plan Xeral de NOrmalización Lingüística aprobado por unanimidade do Parlamento galego no ano 2004.

Podes consultar a sentenza nesta ligazón

Nesta outra ligazón podes descargarte un CIG-Informa sobre este mesmo asunto

Volver