O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza atende a petición da CIG-Ensino e ordena a execución forzosa da sentenza que obriga á Consellaría a ofrecer revisións médicas ao profesorado
Este auto vén a corroborar a actitude insubmisa da Consellaría de Educación ás resolucións xudiciais
O secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, deu a coñecer este novo auto nunha rolda de prensa na que denunciou a actitude “insubmisa, fraudulenta e de desprezo co profesorado” do conselleiro de Educación. É a segunda vez nunha semana que o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza lle ordena á Consellaría de Educación a execución forzosa dunha sentenza . O primeiro foi o auto que obrigaba á administración educativa galega a cumprir a sentenza que declarou ilegal a realización dunha enquisa ás familias para fixar a lingua vehicular no ensino infantil.
Anxo Louzao insistiu na “arrogancia, prepotencia e impunidade” coa que actúa o conselleiro de Educación que en lugar de aplicar as sentenzas e garantir un dereito que asiste aos e ás traballadores desde hai 18 anos “mira para outro lado e fai ouvidos xordos. Louzao pediu a súa destitución por ser o “campión do fraude e da mentira” e por tratar de manipular a opinión pública malia os ditames da xustiza que lle deron a razón á CIG-Ensino. “Esta actitude persistente e reincidente –engadiu- debería implicar non so o seu cese inmediato senón tamén a súa inhabilitación para exercer cargos públicos”.
A CIG-Ensino esixiulle á Consellaría de Educación a cobertura deste dereito á saúde en repetidas ocasións. Diante da negativa de Educación, no ano 2008, o sindicato presentou no Valedor do Pobo unha queixa. A negativa da Consellaría de Educación a garantir este dereito obrigou á CIG-Ensino a presentar no ano 2012 demanda de conflito colectivo na Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza que ditou sentenza favorable, unha sentenza que a administración recorreu, sen éxito, no Tribunal Supremo que, en abril de 2013, recoñeceu en sentenza firme este dereito ás e aos traballadores do ensino galego, impoñéndolle costas á Xunta.
A CIG-Ensino denunciou ademais que a Consellaría de Educación, malia ser coñecedora da sentenza do Tribunal Supremo, no mes de marzo, sacou a concurso unicamente este servizo para o persoal non docente, cando desde 2012 xa llo tiña que ter garantido a todos/as docentes.