O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ratifica a legalidade do Decreto 124/2007 polo que se regula o uso e a promoción do galego no sistema educativo.
Normalización Lingüística
Despois da publicación do Decreto 124/2007, o 28 de xuño, a asociación AGLI presentou un recurso polo procedemento especial de protección de dereitos fundamentais, impugnado os artigos 2 e 13 do Decreto 124. A sentenza desestima o recurso e dá plena cobertura legal ao Decreto
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ratifica a legalidade do Decreto 124/2007 polo que se regula o uso e a promoción do galego no sistema educativo
Despois da publicación do Decreto 124/2007, o 28 de xuño, a asociación AGLI presentou un recurso polo procedemento especial de protección de dereitos fundamentais, impugnado os artigos 2[1] e 13[2] do Decreto 124. A sentenza desestima o recurso e dá plena cobertura legal ao Decreto
A sentencia da sala do Contencioso Administrativo, sección 001 do TSXG céntrase, tendo en conta o procedemento empregado polo recorrente (defensa dos dereitos fundamentais) en analizar se existe unha vulneración dos citados dereitos. O TSXG afirma con contundencia, apoiándose en xurisprudencia do T. Supremo, que o artigo 3 da Constitución, no que se recoñece o carácter do castelán como lingua oficial do Estado, non forma parte dos dereitos fundamentais polo que “a pretendida lesión do dereito ao uso do castelán no concirne aos dereitos fundamentais.”. Do mesmo xeito o dereito á educación recollido no art. 27 da Constitución “non inclúe, como elemento necesario, que a educación deba ser impartida nun ou noutro idioma, sendo instrumentos idóneos para ela calquera dos oficialmente recoñecidos.”
A fundamentación xurídica principal da sentenza é a coñecida sentenza 337/1994, de 23 de decembro na que se consagra a doutrina de que o uso normal ou xeral da lingua propia da Comunidade Autónoma non vulnera o principio de cooficialidade porque non exclúe o uso da outra lingua oficial.
A citada sentenza TC 337/1994 proclamaba que"non pode pórse en dúbida a lexitimidade constitucional dun ensino no que o vehículo de comunicación sexa a lingua propia da Comunidade Autónoma e lingua cooficial no seu territorio, xunto ao castelán, dado que esta consecuencia se deriva do art. 3 C.E. e do disposto no respectivo Estatuto de Autonomía"
O TSXG acode de novo á doutrina constitucional para afirmar que “o dereito á educación que a Constitución garante non implica que a actividade prestacional dos poderes públicos nesta materia poida estar condicionada pola libre opción dos interesados da lingua docente”.
Reforzando este argumentocítase de novo ao TC na súa sentenza 195/1989: “ningún dos apartados do art. 27 da Constitución inclúe como elemento do dereito constitucionalmente declarado o dereito dos pais a que os seus fillos reciban educación na lingua de preferencia dos seus proxenitores, pois a prohibición de trato discriminatorio non implica que a esixencia de igualdade dos españois ante a Lei só poida entenderse satisfeita cando os alumnos reciban o ensino integramente na lingua preferida polos seus pais".
É certamente interesante que a sentenza do TSXG, sen dúbida por se tratar dun asunto máis que resolto xuridicamente, non se limite, como podería ter feito, a rexeitar a demanda por vulneración dos dereitos fundamentais sen entrar no fondo da cuestión. O fallo do tribunal entra realmente no miolo do conflito ao afirmar: “a Administración educativa non pode abdicar da obriga que no Estatuto de Autonomía se lle impón de pretender normalizar o uso do galego dentro da súa esfera de competencias”, entre as que está a garantía de competencia lingüística nos dous idiomas oficiais ao remate da escolaridade obrigatoria (art. 14 da Lei de Normalización Lingüística)
Con respecto ao artigo 13 (“Elaboración e publicación de materiais curriculares en galego”). os demandantes consideran que“se vulnera a igualdade por razón de lingua ao impor aos nenos a obriga positiva de uso da lingua galega e non establecer reciprocamente que nas áreas, materias ou módulos que teñan que impartirse en lingua castelá o alumnado teña que usar con carácter xeral a devandita lingua nas manifestacións oral ou escrita.” (sic).O TSXG trae de novo ao primeiro plano a numerosa xurisprudencia tanto do T. Supremo como do T. Constitucional, ao avalar legalmente que existan “disposicións cuxo obxectivo xeral non é outro que o de asegurar o respecto e fomentar o uso da lingua propia da Comunidade Autónoma e cooficial nesta e, a este fin, corrixir positivamente unha situación histórica de desigualdade respecto ao castelán, permitindo alcanzar, de forma progresiva e dentro das esixencias que a Constitución impón, o máis amplo coñecemento e utilización de devandita lingua no seu territorio".
A mesma sentenza TC 337/1994 xa citada “avala que a lingua galega poida servir de vehículo de comunicación con carácter xeral no ensino e centro de gravidade do modelo de bilingüismo, ao esixirse nos estudos básicos non só a súa aprendizaxe como materia curricular senón o seu emprego como lingua docente, estando habilitados, pois, os poderes públicos educativos para organizar o ensino de devandita lingua cooficial establecendo o seu uso en atención aos obxectivos de normalización lingüística, polo que resulta constitucionalmente lexítima a esixencia de utilización con carácter xeral”
[1] Artigo 2º.-Uso da lingua galega na Administración educativa.
1. A Administración educativa de Galicia, os centros de ensino dependentes dela e o persoal ao seu
servizo utilizarán, con carácter xeral, a lingua galega e fomentarán o seu uso oral e escrito tanto nas súas
relacións mutuas e internas, como nas que manteñan coas administracións territoriais e locais galegas e
coas demais entidades públicas e privadas de Galicia, sen que iso supoña unha restrición dos dereitos do
persoal docente.
2. Os documentos administrativos da consellería competente en materia de educación e dos centros de
ensino dependentes dela redactaranse, con carácter xeral, en galego, e neles constará, cando sexa o caso,
o nome do centro e o topónimo do concello ou entidade de poboación na súa forma oficial.
3. As actuacións administrativas de réxime interno dos centros docentes, como actas, comunicados e
anuncios, redactaranse, con carácter xeral, en galego, agás o referido a comunicacións con outras comunidades autónomas e cos órganos da Administración do Estado, radicados fóra da comunidade autónoma, nas que se utilizará o castelán. Ademais dos procedementos iniciados de oficio, tamén se redactarán en galego os procedementos tramitados por petición dos interesados, sen prexuízo do establecido no artigo 36.3º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
[2] Artigo 13º.- Elaboración e publicación de materiais curriculares en galego.
1. Nas áreas, materias ou módulos impartidos en lingua galega, o alumnado utilizará, con carácter
xeral, o galego nas manifestacións oral e escrita.
2. Os materiais que se empreguen nas áreas, materias ou módulos aos que se refire o parágrafo anterior estarán escritos, con carácter xeral, en galego, terán a calidade científica e pedagóxica adecuadas e atenderán, sen prexuízo da súa proxección universal, ás peculiaridades de Galicia. Con este fin, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e a Secretaría Xeral de Política Lingüística fomentarán a elaboración e publicación dos materiais curriculares correspondentes.